20/12/2023
A Consellaría do Medio Rural demora as axudas destinadas á EHE dende hai máis de 3 meses
A Orde destinada ás axudas por Enfermidade Hemorráxica Epizoótica segue sen estar pública e as granxas sen poder solicitala nin cobrar por elas. É agora cando as gandeiras precisamos axuda económica para tentar compensar as perdas que estamos tendo nas granxas.
Hoxe, mércores 20 de decembro, cúmprense tres meses dende que foron declarados de maneira oficial en Galiza os primeiros casos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nas granxas de gando de vacún, datados do 20 de setembro de 2023. Dende aquela foron numerosas as granxas que sufriron e seguen a sufrir perdas económicas por mor da enfermidade, primeiro polos gastos en tratamentos, medicamentos e atención veterinaria, pero logo tamén pola perda de produción que se prolonga mesmo durante varios meses, rematando finalmente, nalgúns casos máis extremos, coa morte do animal.
A Consellaría do Medio Rural (CMR) negouse dende un primeiro instante a axudar a compensar estes gastos e só se limitou a prometer axudas polo sacrificio dos animais recoñecidos oficialmente. Satisfeita e sen sentir responsabilidade polo que está a acontecer nas granxas galegas, presumiu publicamente de ser a primeira comunidade en destinar o maior número de axudas para facer fronte á Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), sendo a realidade que, a día de hoxe, tres meses despois de que se comezasen a detectar os primeiros casos de EHE en Galiza, a Orde destinada a estas axudas segue sen estar pública e as granxas sen poder solicitar ditas axudas nin cobrar por elas.
Trátase, unha vez máis, de promesas que, se ben poden ter carácter retroactivo, é agora cando as gandeiras e os gandeiros precisamos axuda económica para tentar compensar as terríbeis perdas que estamos tendo nas granxas por da chegada da EHE. A falta de axilidade da Xunta de Galicia na tramitación destas axudas, xunto coa ausencia doutras medidas como a compensación dos gastos do tratamento de animais e mesmo as perdas económicas na produción, ou mesmo a falta axudas para reposición dos animais mortos, semellan un insulto ás granxas galegas.
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas xa lle ten trasladado en repetidas ocasións á Consellaría do Medio rural as graves consecuencias da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica nas granxas galegas. A Consellaría do Medio Rural nunca estivo á altura das circunstancias e nin lles deu solución ás granxas afectadas, nin sabe abordar un problema que se pode repetir en breve. Por todo iso, solicitamos que se fagan públicas as axudas dunha vez por todas para que as gandeiras e os gandeiros de Galiza poidan recorrer a elas agora, cando máis o precisan.