19/11/2024
A Confederación Intersindical Galega (CIG), o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO), o Colexio oficial de Traballo Social de Galicia (COTS) e o Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) denuncian que a Xunta vai a entorpecer e dilatar, unha vez máis, a atención á dependencia en Galicia
A Xunta de Galicia limita a participación do Consello Galego de Benestar Social reducindo as súas funcións
As mencionadas organizacións, que fan parte do Consello Galego de Benestar Social (CGBS) e no que levan anos denunciando as malas prácticas da Xunta de Galicia no funcionamento do dito órgano consultivo, queremos denunciar agora outra máis, agochada na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao Proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2025.
Unha vez máis o Goberno galego utiliza unha “lei ómnibus” para cambiar pola porta de atrás leis e normas moi importantes para a vida dos galegos e as galegas como son as que nos ocupan: a Lei 13/2008 do 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia e o Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia.
Galicia é a comunidade autónoma, segundo os datos do Imserso a 30 de outubro deste ano, que ten menos solicitudes por persoa potencialmente dependente. Dito doutro xeito, de cada 100 persoas potencialmente dependentes en Galicia só hai 18 solicitudes, a cifra máis baixa do Estado, moi lonxe de Andalucía con 41 ou Castela-León con 39. A falta de medios humanos e as continuas modificacións na normativa van na liña contraria de incrementar e mellorar a atención ás persoas dependentes.
Por iso, rexeitamos a inclusión dunha nova modificación da norma que se fai, por riba, pola porta de atrás no debate dos orzamentos para furtar a democrática participación da cidadanía tanto directamente, pois non se dá publicidade á tramitación nin se poden facer achegas en fase de exposición, como nos ámbitos onde a sociedade está representada como o Parlamento ou o CGBS.
A modificación normativa busca unificar os procedementos de recoñecemento da situación de dependencia e do recoñecemento do grao de discapacidade, posibilitando tramitar e resolver ambos de xeito conxunto, recortando inversión en persoal, eliminando persoal especializado de Traballo Social e sobrecargando, unha vez máis, os Servizos Sociais Comunitarios. Isto provoca, ao o noso entender, as seguintes cuestións que consideramos problemáticas:
-
Que a solicitude para o recoñecemento da situación de dependencia poda solicitarse nun único procedemento co recoñecemento do grao de discapacidade.
-
Que a asistencia para cumprimentar e presentar a solicitude deberá recaer no persoal das Administracións Públicas que xa teñen esta función encomendada en calquera outro procedemento administrativo.
-
Que a tramitación prioritaria nos casos de emerxencia social non teña en conta valoración social realizada por un/ha profesional do Traballo Social mediante a elaboración dun Informe social motivado.
-
Que a aplicación do baremo debe ser unha función exclusiva dos Servizos Sociais Especializados e, concretamente, dos Equipos Técnicos de Valoración, que deben ser reforzados e non sobrecargar ás profesionais de Servizos Sociais Comunitarios.
-
Que non se concreta a titulación requirida dos/das profesionais que conformarán os Equipos de Valoración, en contra do regulado na actualidade.
-
Que o único informe que pode valorar a situación de dependencia ou discapacidade é o Informe Social elaborado por profesionais do Traballo Social, non informes emitidos por Servizos sociais como se referencia na norma.
-
Que o Programa Individual de Atención debe ter en conta as expectativas ou necesidades da persoa interesada e a valoración realizada polas profesionais do Traballo Social nas súas intervencións. Do mesmo xeito, debe quedar garantido o carácter prioritario dos Servizos fronte as libranzas.
Cuestións coma estas, relacionadas coa a atención a dependencia, vimos denunciándoas de xeito habitual nas reunións do CGBS e facendo propostas para a súa mellora. Desde hai anos vimos solicitado de maneira reiterada, a necesidade da crear un grupo de traballo para analizar a situación na que se atopa o Sistema de Atención á Dependencia en Galicia, para poder compartir os problemas detectados dende os distintos ámbitos nos que traballamos e facer achegas para melloralo. Por parte da Consellería fai tempo que se aceptou esta proposta pero nunca se levou a cabo, e vemos como se lle segue a dar largas mentres que as persoas dependentes seguen agardando por unha valoración e ou unha axuda ou servizo.
Pero isto non é máis que o reflexo da falta de interese da Xunta de Galicia en que o CGBS desenvolva as funcións que lle corresponden como o órgano colexiado superior consultivo e de participación do sistema galego de servizos sociais, que son, entre outras:
a) Avaliar a planificación e xestión dos servizos sociais.
b) Informar, no ámbito material dos servizos sociais, os proxectos de planificación e programación, así como os anteproxectos de leis e os proxectos de normas regulamentarias que se diten en execución de leis na devandita materia.
c) Emitir ditames, a instancia do Parlamento de Galicia, no ámbito dos servizos
A realidade é que o CGBS non desenvolve as anteditas funcións e se limita a ser receptor da información que a Consellería de Política Social remite e a emitir un informe previamente elaborado por esta sen contar coa opinión das partes que o conforman para a elaboración do mesmo.
Coa Lei de Acompañamento a Xunta dálle unha volta de torca ao papel consultivo do CGBS e “dá carta de legalidade” á participación restrinxida que se practica e limita a súa capacidade de opinión a aquelas cuestións relativas aos servizos sociais que a Consellería considere cernando a posibilidade de opinar sobre as políticas, leis e normas relativas aos servizos sociais como se podía facer ata o de agora ao modificar as funcións no seguinte xeito:
b) Emitir ditames no eido dos servizos sociais, por instancia da consellería competente en materia de servizos sociais.»
En resumo, a Lei de Acompañamento vai supoñer un novo retroceso na atención ás persoas dependentes en Galicia e vai a restrinxir a participación da sociedade civil no eido dos servizos sociais.