A CMR e a Subdireción Xeral de Gandaría seguen sen atender ás consecuencias do baleirado sanitario nas granxas galegas

26/03/2024

A CMR e a Subdireción Xeral de Gandaría seguen sen atender ás consecuencias do baleirado sanitario nas granxas galegas

Esta mañá arredor de 150 de gandeiras/os do SLG-CCLL concentráronse na delegación da Xunta de Galicia en Ourense. O Subdirector Xeral de Gandaría e o Conselleiro de Medio Rural seguen desaparecidos. Solicitamos xuntanza en Compostela

Na mañá de hoxe arredor de cento cincuenta gandeiras e gandeiros do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) concentráronse diante da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense para manifestar o seu apoio á granxa de Manzaneda á que a administración galega obrigou a sacrificar a pasada semana máis de corenta animais sans, así como para protestar fronte ao sacrificio obrigatorio de centos de animais e as indemnizacións de miseria vinculadas á declaración de Zona de Prevalencia 0 de tuberculose bovina no territorio galego.

Finalmente os gandeiros afectados e o representante do Sindicato Labrego Galego na comarca Xosé Manuel Parente foron recibidos pola secretaria do Subdelegado da Xunta de Galicia en Ourense. Esta persoa comprometeuse a trasladar as nosas reivindicacións a Santiago a fin de facilitar unha xuntanza. Pola nosa banda solicitaremos unha reunión co Subdirector Xeral de Gandaría e o Conselleiro do Medio Rural.

“Parécenos totalmente inaceptable que non se presentara hoxe aquí o Subdirector Xeral de Gandaría, ante un caso tan grave como é o baleirado sanitario desta explotación de Manzaneda -criticou Xosé Manuel Parente-. A distancia entre Santiago e Ourense é a mesma que dende Ourense a Santiago, así que se eles non queren vir aquí imos ter que ir nós alí e van ter que recibirnos e dar cara, xa non só diante do Sindicato Labrego Galego, senón diante das dúas persoas ás que truncaron o seu futuro e medio de vida a semana pasada sacrificándolle 46 cabezas de gando”.

Dende a concentración, a tamén gandeira e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba Seivane, cualificou de “auténtica barbaridade” a actual actuación da Xunta de Galicia ca xestión da tuberculose bovina. “Dende o ano 2021, no que se declara a prevalencia 0 na Galiza, a práctica que teñen é con un positivo en laboratorio matar tódolos animais da granxa. Pero se estas granxas estiveran en territorios cunha maior prevalencia da enfermidade non chegarían a matar a tódolos animais, seguirían analizando ata demostrar que non queda ningún animal positivo, non tendo polo tanto consecuencias tan duras como as que están a ter as nosas granxas. Sentímonos absolutamente discriminados.” Ademais, abondou Isabel Vilalba, “os novos animais que merque esta granxa non van ter mellores garantías de que non volten dar positivo daquí a un tempo, entre outras cousas porque a tuberculose mantense nos reservorios silvestres, nas poboacións de cérvidos, corzos ou xabaríns, abundantes no noso territorio. Polo tanto, non nos parecen proporcionadas nin xustificadas estas medidas que se están a tomar”.

Xosé Anxo Pérez Rúa, representante do SLG na comarca, salientou a inxustiza de que dúas persoas gandeiras se vexan nunha situación tan grave por mor de “decisións políticas”, e destacou que “o status sanitario na cabana gandeira alcanzado nos últimos anos en Galicia, non foi grazas as súas políticas, senón ao esforzo das propias explotacións gandeiras. Hoxe tamén estamos eiquí para denunciar que todo o peso económico e emocional do status sanitario de Galicia, recae unicamente nas explotacións gandeiras”.

Nesta mesma liña, explicou: “a categoría indemne en tuberculose en Galicia outórgalle á actual Consellaría de Medio Rural unha posición privilexiada para xustificar ante Bruxelas a redución de custos en saneamento gandeiro, a redución de custos en reposición de animais mortos e a redución de custos en lucro cesante. Estes recortes págano logo granxas como esta de Manzaneda, que vai ter que afrontar perdas superiores aos 30.000€ e tardará alomenos dous anos en voltar a producir. O actual estatus de prevalencia 0, prexudica enormente os intereses das gandeiras e dos gandeiros”.

Dende o Sindicato Labrego Galego deunciamos hoxe en Ourense que a Consellería do Medio Rural nos últimos anos non axuda nin asesora, so se adica a fiscalizar, e cunha absoluta falta de empatía en casos de granxas como a de Palleirós. “Aínda hai gandeiras e gandeiros que teñen estima polo seu gando, e é moi duro psicoloxicamente desfacerse de todos os animais por decisións alleas e sobre todo por criterios administrativos”, enfatizou Pérez Rúa.

Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos o establecemento dun diálogo directo inmediato ca Consellaría do Medio Rural e a Subdelegación Xeral de Gandaría para abordar esta situación, e demandamos -canda as medidas aprobadas o pasado 15 de marzo en Manzaneda-, que sexa a propia administración a que se encargue de levar os animais ao matadoiro e de repoñer outros animais sans a custo 0.