Altri30x

30/06/2024

A cidadanía galega expresa unha vez máis o seu rexeitamento á macrocelulosa de Altri-Greenalia

Aliás da contaminación de augas e o medioambiente, milleiros de granxas veríanse afectadas pola instalación desta factoría. Instamos á Xunta de Galicia a protexer os dereitos da cidadanía e retirar o apoio a un proxecto que preocupa á poboación galega

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participou hoxe na mobilización “Arrodea a Xunta” convocada pola Plataforma por Unha Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa en Santiago de Compostela.

Ao igual que na histórica manifestación celebrada en Palas de Rei (Lugo) o pasado mes de abril, novamente a cidadanía galega visibilizou hoxe na capital galega a súa oposición ao proxecto Gama, unha macrocelulosa dez veces maior que a actualmente instalada en Pontevedra, promovida pola lusa Altri e a galega Greenalia (Greenfiber SL).

Dende a mobilización a Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba, gandeira e produtora de fabas de Lourenzá, destacou a gravidade do impacto que esta factoría operaría nas granxas produtoras de alimentos nun radio de máis de 30km arredor desta macrocelulosa, que ocuparía 360hectáreas de territorio e captaría diariamente 46 millóns de litros diarios, vertendo posteriormente 30 litros de augas contaminadas.

“Ademais da calidade de vida e saúde da poboación en xeral, de ser construída esta fábrica a afectación máis importante recaerá sobre as actividades que están ligadas á terra, principalmente na agricultura, a gandería e o marisqueo. Perderíanse milleiros de postos de traballo. A día de hoxe, na contorna de 30km de afectación mínima desta industria hai máis de 5.000 granxas produtoras de alimentos”, alerta a Secretaria Xeral do SLG.

Xunto con este impacto xeralizado, producións de calidade diferenciada, como a Denominación de Orixe Queixo Arzúa Ulloa ou as IXP Queixo de Tetilla e Mel de Galicia ou numerosas granxas en ecolóxico da comarca veríanse prexudicadas de xeito destacado.

Por outra banda, as propias empresas impulsoras afirman que esta macrocelulosa afirman que consumiría alomenos 1,2 millóns de m3 de madeira de eucalipto nun radio de 60 km, agravando a problemática de sobreplantacións de eucalipto xa patente no noso país, e entrando en contradición coa moratoria introducida na Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria, na que se prohiben as novas plantacións desta especie ata finais do ano 2025.

“A cidadanía galega está mobilizándose unha vez máis contra este proxecto que ademais de agravar a carencia de superficie agraria útil na Galiza -a máis baixa de todo o Estado- implicaría aumentar a superficie de plantacións de eucaliptos, que ademais dun impacto na nosa biodiversidade, agravaría o risco de incendios que xa cada ano padecemos moi de perto a poboación que vivimos nas áreas rurais”, recalca Vilalba.

Dende o SLG-CCLL instamos á Xunta de Galicia á escoitar á cidadanía e retirar o seu apoio á instalación desta macrocelulosa contaminante, protexendo a importante produción de alimentos da comarca da Ulloa e asumindo a responsabilidade de non empeorar a carencia de terras derivada da forestación intensiva, é dicir, a protexer os dereitos da cidadanía galega e non os intereses privados destas dúas empresas, polémicas tanto por anteriores episodios de contaminación -como no caso de Altri en Portugal- como por presentar proxectos que incumpren os requisitos de avaliación medioambiental -como no caso de varios dos polígonos industriais eólicos presentados por Greenalia na Galiza-.