
06/05/2025
A alimentación non pode supeditarse ao lucro das empresas enerxéticas: demandamos un plan de autosuficiencia
O autoabastecemento enerxético paliaría as eivas estruturais no rural galego e protexería o acceso da poboación á alimentación. Estamos sistematizando as perdas nas granxas galegas, animamos a recopilar e achegarnos a documentación pertinente
“Doime o peito literalmente cando me acordo do día que quedamos a escuras. Como era para unhas horas, en principio estabamos relativamente tranquilos, pero segundo foron pasando as horas isto foi cambiando radicalmente, pois quedamos a escuras sen poder encontrar algo pa poder muxir. As vaquiñas berraban segundo iba pasando o tempo: 8 ,9 ,10... E así ata as 5 máis ou menos da mañá. Algo que non desexo que o viva nin o peor inimigo. Perdemos de facer unha muxidura cunha perda de 400 litros ou algo máis. Despois subiron as células somáticas [indicador de mastite ou doutro tipo de infeccións na ubre] e houbo animais preñados de pouco tempo que perderon a cría. Non sabería poñer prezo a todo iso vivido, pero entre as perdas económicas e a dor que pasaron os pobres animais e mais nós por non poder facer nada, a noite aínda foi máis negra ca nunca. Alguén debería pagar por este dano”.
Esta vivencia, escrita polo noso afiliado Juan Carlos Villasenín da gandaría Santa Eufemia de Trazo nas horas seguintes ao apagamento do pasado luns 28 de abril, concreta en boa medida a extrema preocupación que invadiu a meirande parte das gandarías galegas, empurradas dende fai décadas pola propia Xunta de Galicia cara un modelo industrializado, absolutamente vulnerable a calquera tipo de incidencia no subministro eléctrico -nada esporádicas no noso medio rural, por outra banda-.
Concretamente o sector lácteo galego foi un dos máis afectados, ao depender fortemente do abastecemento eléctrico para o seu día a día: tarefas imprescindíbeis como o muxido ou a conservación do leite non poden pospoñerse sen consecuencias económicas.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estamos valorando accións de reclamación por estas perdas, polo que recomendamos ás granxas que compilen todos os elementos de proba das mesmas, así como de calquera outro danos sufrido, tales como facturas de alugueiro de equipos, reparacións de bens afectados, perdas no leite por malas calidades, facturas veterinarias...
Até o momento temos sistematizado as seguintes problemáticas:
1. Unha parte das granxas non dispoñen de xeradores e/ou de grupos electróxenos e o alugueiro dos mesmos foi moi complexo, sobre todo en certas zonas, polo que algunhas non atoparon ningún sistema dispoñible. Algunhas persoas gandeiras percorreron Galiza de punta a punta para conseguir un sistema para poder muxir.
2. En moitas granxas a calidade do leite tamén sufriu as consecuencias ao romperse o sistema de frío, porque se tardou en encontrar unha solución ou porque o sistema alternativo que se tiña, ou que se deu conseguido, non cubría todas as necesidades da granxa.
3. En moitos casos houbo problemas co subministro da auga, que tamén depende da existencia de subministro eléctrico, o que intensificou o estrés nos animais e, por conseguinte, nas persoas gandeiras.
4. Estragos e persistencia de problemas técnicos nos aparatos electrónicos por mor do apagamento e a volta da tensión eléctrica.
5. E nos casos máis graves, as granxas que non conseguiron muxir até o restablecemento do subministro eléctrico, e sen posibilidade de contactar telefonicamente cos servizos veterinarios, tiveron e teñen problemas de saúde dos animais, ademais da angustia persoal que provoca non poder atender aos animais que vemos que están sufrindo.
A responsabilidade destas perdas non corresponde ás persoas que producimos alimentos, senón que foi derivado dun problema de abastecemento, que é responsabilidade das empresas de distribución de enerxía, unhas corporacións, por certo, que gozan de beneficios multimillonarios e que se impoñen no noso territorio con estratexias abusivas, abondosamente referidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en múltiples sentenzas contra polígonos industriais eólicos, por exemplo.
Dende o Sindicato Labrego Galego instamos á Xunta de Galicia a asumir a súa responsabilidade como administración pública e traballar nunha valoración económica dos danos producidos, habilitando un procedemento sinxelo e áxil para a compensación dos mesmos.
E é que o apagamento do luns 28 de abril tamén valeu para pór sobre a mesa o feito de que as granxas galegas xa estaban sendo vítimas de cortes de electricidade, unha desatención administrativa e permisividade cas empresas enerxéticas que levan décadas tentando paliar asumindo en solitario a compra de xeradores.
Dado que a Consellaría do Medio Rural impulsa practicamente como única dirección a modernización vía robotizado dependente do subministro eléctrico, o SLG insta tamén á conselleira María José Gómez a presentar un plan de medidas para facer fronte aos fallos no subministro, non só do apagamento do 28 de abril, senón de xeito estrutural polas reiteradas faltas de abastecemento eléctrico nun rural que sempre e o último en recibir solucións.
Aliás, as axudas da Xunta de Galicia á instalación de enerxías renovables deben ser completamente reconfiguradas e deixar de estar orientadas a trasvasar cartos públicos cara as empresas enerxéticas, abandonando o enfoque do “lucro” para respostar única e exclusivamente ao cumprimento do dereito ao acceso á enerxía nun contexto de electrificación desorbitada de todo tipo de actividades e tarefas imprescindíbeis no día a día.
O sistema de produción de alimentos debe contar cas máximas proteccións. É unha gravísima irresponsabilidade poñelo ao servizo do caldo gordo dos beneficios das empresas enerxéticas. Todas as granxas deberían ser autónomas enerxeticamente, blindándose cun sistema de autoconsumo que protexa a produción de alimentos. Mentras se vaia avanzando cara esta transformación, a CMR debe activar de contado unha tarifa enerxética especial reducida para as granxas, acorde á importancia da súa actividade profesional esencial: alimentar á poboación.