16/12/2024
A alimentación é un dereito, non unha mercadoría! Mobilización estatal contra os TLC fronte ao Ministerio de Agricultura
Competencia desleal, dumping e debilitamento da protección á saúde e ao medioambiente, entre os principais prexuízos dos TLC. Esiximos tamén o cumprimento dos compromisos adquiridos polo Ministerio a principios de ano en plenas mobilizacións do sector
Hoxe unha delegación do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCCLL) encabezada pola nosa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, participou na concentración convocada ás 12h. pola Coordinadora de Organizaciones Agrarias y Ganaderas (COAG) -da que facemos parte a nivel estatal e ca que partillamos espazo na Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC)- e ASAJA, fronte ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en Madrid.
Entre as nosas reivindicacións, salientamos o rexeitamento á sinatura de pre-acordo do tratado de libre comercio (TLC) entre a Unión Europea (UE) e países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai), demandamos a suspensión do xa establecido entre a UE e Marrocos e esiximos a dotación de recursos para unha Política Agraria Común (PAC) que favoreza a transición dos estados membros cara á agroecoloxía, con aspiración a garantir o dereito á soberanía alimentaria dos pobos.
As organizacións que facemos parte da CEVC condenamos a decisión da Comisión Europea e dos líderes do Mercosur de dar por concluídas as negociacións dun acordo de desregulación comercial ao que as organizacións de agricultorxs e traballadorxs do agro opoñémonos polo seu impacto social e a negación da necesidade de sistemas alimentarios sostibles que representa. Contradí tamén totalmente os compromisos adoptados polos gobernos nacionais destes bloques en materia de loita contra o cambio climático.
A proposta acordada privilexia nos dous continentes o modelo agroindustrial en detrimento das pequenas e medianas granxas e a agricultura labrega. A súa implementación provocaría competencia desleal, dumping e a caída de prezos para los agricultores/as europeos, ao tempo que suporía enormes problemas sociais e medioambientais nos catro países do Mercosur, en total oposición aos obxectivos do Pacto Verde e as promesas da UE no Diálogo Estratéxico sobre Agricultura.
As labregas e labregos europeos non queremos competir co campesiñado do Mercosur. A nosa responsabilidade é producir alimentos sans para a poboación europea. Demandamos aos Gobernos comunitarios que se posicionen na contra, tanto deste tratado, como deste xeito antidemocrático de negociar acordos comerciais.
Ademais, consideramos que este tipo de estratexias comerciais supoñen un perigo de saúde pública, dado que moitos dos estándares que hoxe rexen na UE non son os vixentes noutras rexións. De feito, o 37% dos pesticidas empregados neste países do Mercosur serían ilegais na Unión Europea.
Se queremos un sistema comercial xusto que contribúa á xustiza e á paz, o impulso dun modelo agroecolóxico que permita acadar a soberanía alimentaria para os pobos e respectar os dereitos das persoas labregas -recollidos na Declaración dos dereitos dos labregos e das labregas e outras persoas que traballan nas zonas rurais aprobada pola ONU no ano 2018-, debe ser o único marco dos intercambios alimentarios internacionais.
Alén de cambios nas políticas agrarias a nivel global, na mobilización que levamos adiante esta mañá organizacións de todo o Estado demandamos tamén un plan de choque ante o incremento continuado dos custos de produción, con implicación dos ministerios de Agricultura, Traballo, Economía e Facenda, para establecer medidas específicas e de vixilancia dos oligopolios que controlan os insumos do sector agrario, e deste xeito evitar a especulación de prezos e os custos inxustificadamente elevados. Asemade, esiximos o cumprimento das accións de apoio ao sector anunciadas polo Ministerio a principios de ano.
“O Ministerio, a raíz das mobilizacións do sector a principios de ano, sacou unha proposta de 43 medidas que practicamente quedaron todas en nada”, advirte Isabel Vilalba. “Moitas supoñían unha flexibilización e unha eliminación de burocracia que eran moi necesarias para o sector, e de xeito moi determinante para as producións ecolóxicas, por exemplo no caso da esixencia de grande maquinaria para os puríns, o caderno de explotación, o veterinario/a de explotación... Vemos que as medidas anunciadas neste sentido estanse pospoñendo, ao tempo que se vai achegando a data na que van entrar en vigor”.
Tamén é crucial que o Ministerio se implique en medidas que axuden a paliar os efectos do quecemento global -do cal precisamente a industrialización mundial do sistema alimentar é un dos principais responsábeis-, establecendo plans de actuación para previr e paliar as consecuencias tanto das secas como das inundacións, ao tempo que elabora unha estratexia de fondo que permita deseñar un camiño no que a actividade agraria sexa unha ferramenta para coidar os ecosistemas e contribuír positivamente á urxente recuperación medioambiental.