Novas

  • ‘A agroecoloxía é o relevo’: Mañá o Pazo de Santomé de Mondoñedo acollerá o VIII Foro Labrego de Agroecoloxía

    ‘A agroecoloxía é o relevo’: Mañá o Pazo de Santomé de Mondoñedo acollerá o VIII Foro Labrego de Agroecoloxía

    • 06,Feb 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • Agroecoloxía
    • FORO LABREGO AGROECOLOXÍA
    • mondoñedo
    • Arredor de 80 persoas inscritas no Foro, organizado polo Sindicato Labrego Galego co financiamento da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

    • Palestras centradas no relevo xeracional, visitas a proxectos labregos e xantares agroecolóxicos este sábado 7 e domingo 8 no Pazo de Santomé en Mondoñedo.

    Galiza, 6 de febreiro de 2026. Esta fin de semana o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), co financiamento da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, organiza a oitava edición do seu Foro Labrego de Agroecoloxía. Baixo o título ‘A agroecoloxía é o relevo’, o Pazo de Santomé en Mondoñedo acollerá este sábado 7 e domingo 8 de febreiro o encontro –no que están inscritas arredor de 80 persoasque contará con palestras centradas no relevo xeracional, visitas a proxectos labregos e xantares agroecolóxicos.

    PROGRAMACIÓN

    Sábado 7 de febreiro

    A programación abrirase ás 11h horas do sábado 7 de febreiro coa visita agroecolóxica ao proxecto de vacún de carne de Bruno Botana en Estelo (Mondoñedo). Logo dun xantar agroecolóxico no seminario de Mondoñedo, ás 15:30h terá lugar a abertura do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía a cargo de Isabel Vilalba Seivane, labrega da Mariña e integrante da Executiva Nacional do SLG-CCLL; e de Daniel García Fernández, deputado da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

    Tras esta benvida inicial, Vidal Martínez Sierra, presidente do GDR Terras de Miranda, intervirá na mesa ‘Benvida ao territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda’, á que seguirá o coloquio ‘Relevo Xeracional: Situación actual e respostas políticas’ (16h), onde afondaremos no contexto socioeconómico do relevo xeracional no territorio galego da man de Xosé María García Vilaverde, labrego e membro da Executiva Nacional do SLG; Mar Pérez Fra, doutora no Departamento de Economía Aplicada da USC; Programa Terractiva – Guillermina Fernández Villar, investigadora en relevo Xeracional do Laborate da USC; Proxecto Nó Rural – Miguel Teixido Sotelo do GDR Seitura 22, entre outros.

    Ás 18:30h será a quenda da palestra ‘A formación que fomenta o relevo xeracional’, a cargo de Alba Vázquez Lema, docente de agroecoloxía de Formación Profesional acompañada de alumnado; Laura Megias Garriga, da Rede estatal de Espazos Test Agrarios; Eva López Quiroga, do Espazo Test Eoalimenta; e Víctor Álvarez Arias, técnico da Consellería do Medio Rural. A primeira sesión do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía finalizará ás 21h cunha cea agroecolóxica no seminario.

    Domingo 8 de febreiro

    A segunda xornada do Foro inaugurarase o domingo 8 de febreiro ás 10h con Habelas Hainas: Experiencias de éxito no Relevo Xeracional’, onde participarán a finca As Fadegas T.C, proxecto de hortalizas e froita (Ribadeo- Lugo); Refol S.C, proxecto de vacún de carne (Xermade- Lugo); e Casa Codesal S.L, proxecto de vacún de leite (Friol-Lugo). Despois dun breve descanso, David González Sánchez falaranos da súa experiencia en Sustraiak, no marco da mesa ‘O papel da Agroecoloxía no Relevo Xeracional’ (11:15h); á que proseguirá Pensando o relevo desde a organización’ (12h), espazo facilitado con REXENERANDO SCG e que levará ao peche do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía cun xantar agroecolóxico no seminario de Mondoñedo.