26/06/2023
A actitude irresponsábel e inoperante da CMR lastra o proceso de solicitude da PAC2023 que finaliza este venres
O SLG solicitou varias veces á Consellaría concretar distintos requisitos da PAC, ao que a administración inda non deu resposta. O RD4/2023 especifica como fin de prazo o 30 de xuño pero a CMR limitouno ao 15/06 e posteriormente aceptou a data do 30/06
A catro días do prazo final de entrega de solicitudes da Política Agraria Común (PAC), este venres 30 de xuño, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) queremos denunciar algunhas das múltiples eivas e inexactitudes provocadas pola Consellaría do Medio Rural que lastraron de xeito moi significativo o proceso de solicitude deste ano.
O grao de incerteza foi tal que até en dúas ocasións tivemos que dirixirnos á CMR para solicitar a concreción de determinados aspectos clave, ao que a Administración reaccionou ca falta de concreción e ritmo errático que a está a caracterizar ao longo deste proceso, ademais de bloquear con silencio administrativo as consultas específicas realizadas.
Na primeira das nosas comunicacións, dirixida o 8 de maio, solicitamos á Consellaría que fixera públicos os criterios mediante os cales realiza a clasificación de granxas en extensivas, semiextensivas e non extensivas, habida conta de que no Real Decreto 1053/2022, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas bovinas, non só non está clara esta definición, senón que especifica que cada comunidade autónoma pode adaptala ás súas peculiaridades. O cobro dalgunhas das axudas máis importantes dependen deste criterio. A CMR negouse a respostar.
Nun segundo escrito, dirixido o 23 de maio, solicitamos aclaracións relativas a dúas axudas agroambientais, imprescindibles para que as persoas poidan tomar decisións fundamentadas, cuestión moi relevante, dado que implica asumir un compromiso por cinco anos.
No relativo á agroambiental de cultivos sostibles para as froiteiras e o compromiso de non aplicar fitosanitarios no cultivo, trasladamos á Consellería que o seu criterio é moito máis restritivo que a propia norma de produción ecolóxica. Unha cousa é non empregar herbicidas e fitosanitarios na cuberta vexetal, e outra é non poder aplicar ningún tratamento a unhas froiteiras que están en produción, nen sequera os permitidos en produción ecolóxica. Solicitamos concretar este aspecto, pero a CMR tamén se negou a respostar.
Respecto á agroambiental sostíbel de pastos, o SLG fixo diversas preguntas sobre unha posible flexibilización do compromiso da fertilización exclusivamente orgánica, xa que atopámonos con granxas de carne en extensivo que teñen dificultades para cumprir estes criterios. A resposta do FOGGA e da Consellería sempre foi negativa. Sen embargo, unhas semanas máis tarde, coñecemos a través da prensa que a CMR comprometérase nunha xuntanza mantida ca Asociación de Gandeiros de Suprema a “facer máis flexible o uso de fertilizantes na axuda agroambiental de fomento de pastos”, iso si, sen especificar criterios técnicos nin realizar comunicación oficial, polo que seguimos sen ter claro cal é a intención da CMR, atopándonos na situación de non contar ca información imprescindíbel para, como labregas e labregos, poder decidir o tipo de solicitude que realizamos, ademais de dificultar, no que respecta ás organizacións agrarias, un correcto asesoramento ás granxas.
Outra mostra de irresponsabilidade administrativa con respecto á xestión da presente PAC é a chamativa cuestión do prazo de solicitude. O Real Decreto Lei 4/2023, publicado no BOE, especifica que se poden presentar solicitudes e modificacións deica o 30 de xuño. Sen embargo, o 30 de maio a Consellaría publica unha orde de modificación da Orde do 15 de marzo de 2023, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos a agricultura e á gandaría, que difunde a través dunha nota de prensa, e na que traslada que o que o prazo rematará o 15 de xuño. Posteriormente emite outra comunicación na que amplía o prazo ata o 30 de xuño, de por si o especificado inicialmente no RD4/2023.
É absolutamente neglixente someter ás persoas solicitantes da PAC á incerteza de se se amplía o prazo ou non, así como trasladar inexactitudes a través de notas de prensa. A flagrante irresponsabilidade e deficiencia na execución das responsabilidades que lle competen á CMR deu lugar a meses de moitas incertezas, provocando graves dificultades entre as persoas labregas, que careceron en moitas ocasións da información necesaria para tomar decisións técnicas vinculadas ás solicitude da PAC.
É totalmente intolerábel que un proceso desta relevancia, que compete á máis importante liña de actuación política comunitaria europea, en troques de estar acompañado e facilitado pola administración galega, provoque este grao de inseguridade e demoras por parte das persoas solicitantes, así como unha carga de tensión e estrés totalmente innecesario ás persoas que tramitan as solicitudes.