08/03/2024
8M: Políticas agrarias con perspectiva feministas para alcanzar a Soberanía Alimentaria!
Persiste a discriminación das labregas nas políticas agrarias, así como a invisibilización dos seus aportes á alimentación. Percibimos menos axudas públicas, somos minoría na titularidade das granxas e minimízanse os nosos aportes nas estatísticas
Como cada ano, hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estará presente nas mobilizacións e distintas accións convocadas con motivo do Día Internacional da Muller.
No XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do SLG, celebrado a pasada fin de semana en Chantada, fortalecémonos no noso compromiso de loita polos dereitos das mulleres. Dende a forza que proporcionan as alianzas con outras organizacións e compañeiras feministas, este 8 de marzo esiximos, unha vez máis, unha verdadeira igualdade para as mulleres labregas.
“A discriminación das mulleres labregas é patente en moitos ámbitos”, explica a Responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro. “Segundo datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), o número de granxas de mulleres que perciben axudas PAC está moi lonxe de poder equipararse coas recibidas polos homes. Nós tan só obtemos o 27,5% das axudas directas e o 26,34% de Desenvolvemento Rural. Ademais, atendendo aos datos publicados polo Ministerio de Agricultura, en todas as comunidades as mulleres temos granxas con menor dimensións -a diferencia do tamaño é máis salientábel no caso das mulleres mozas-, e tan só o 32% das titulares de granxas son mulleres”.
Ademais, o verdadeiro peso das mulleres na produción de alimentos está significativamente invisibilizado. Sendo as que en maior medida alimentamos aos nosos pobos en todo o planeta, a carencia dunha verdadeira perspectiva de xénero na estatísticas e datos oficiais minimiza os nosos aportes. “Segundos datos do "Borrador de la estrategia para la igualdad de las mujeres rurales" (2021) do Ministerio analizando datos do Instituto Nacional de Estadística (2020), as mulleres representan só o 1,04% da poboación activa dedicada ao agro, é dicir, menos da cuarto parte das persoas que se dedican á rama agraria. Non obstante, as mulleres están moi presentes por exemplo na produción para o autoconsumo nos fogares, ou ao mesmo nivel en carga de traballo que os homes nas granxas pero sen estar recoñecida a súa titularidade”, abonda María Ferreiro.
Dende o Sindicato Labrego Galego reivindicamos un ano máis a eliminación dos rasgos patriarcais que condicionan as políticas públicas, un reflexo máis da violencia estrutural do patriarcado, e chamamos á unidade dos feminismos para seguirmos avanzando xuntas na consecucións dos nosos dereitos.
Ademais, estas son as nosas demandas no proceso de mobilización e negociación que se está dando ante a UE, Ministerio de Agricultura e da Galiza:
- Prezos xustos para os nosos alimentos que cubran os nosos custes de produción.
- Priorización nas políticas agrarias do modelo de pequenas e mediadas granxas familiares.
- Aposta de Europa pola nosa seguridade e soberanía alimentaria.
-Reforzo do apoio económico e institucional a todas aquelas iniciativas que xeren desenvolvemento económico e social no medio rural e vida nos nosos pobos.
- Incentivos e maiores facilidades ás solicitudes de incorporación de mozas e mulleres ao sector agrario.
-Reforma do sistema de seguros agrarios para afrontar os efectos do cambio climático, como os recorrentes e intensos períodos de seca.
-Potenciación dun modelo de produción sostible que conxugue de forma equilibrada a rendabilidade para as mulleres e homes do campo e a preservación do medio ambiente e a biodiversidade.