25/04/2015
85 socios e socias de La Arzuana poden perder o dereito a cobrar 700.000 euros que lles debe a cooperativa
O Sindicato Labrego Galego celebrou hoxe, 24 de abril, unha xuntanza con socios e socias da Cooperativa La Arzuana para informarlles da proposta de informe do administrador concursal no concurso de acredores que afecta á entidade. Nesta reunión, á que asistiron o coordinador comarcal do SLG, Xulio Fernández, e o avogado Ramón Barreiro, deuse a coñecer un feito gravísimo: as persoas socias de La Arzuana foron enganadas pola xunta reitora da entidade, de maneira que perderon boa parte dos dereitos de cobro que tiñan por leite entregado do que non chegaron a ingresar nin un céntimo.
En total, os socios e socias de La Arzuana reclaman 743.512 euros por entregas de leite sen cobrar da cooperativa. O problema é que a única débeda contraida que lles recoñece a proposta de informe no concurso de acredores que se está a tramitar ascende a 43.853 euros.
A orixe deste engano do que se senten vítimas os gandeiros e gandeiras remóntase a setembro de 2014, cando nunha asemblea de socios e socias celebrada para tratar as dificultades polas que atravesaba a empresa, a xunta reitora, encabezada polo seu presidente, Eugenio Montero, e os asesores que trouxo, convencéronos de que a única vía para cobrar os cartos que se lles debía era que convertesen a súa débeda en capital social da cooperativa, algo semellante a mercar participacións da empresa para sanear a súa contabilidade e tentar reflotala. A xunta reitora convenceunos de que, se non obraban así, a cooperativa desaparecería e, con ela, toda posibilidade de cobro. O resultado disto é que tal acordo implica que non se lle recoñece como crédito as facturas de leite dos meses de xullo, agosto e parte de setembro de 2014, é dicir, a maior parte da débeda da cooperativa coas explotacións socias produtoras.
Ao final, La Arzuana acabou crebando e os socios e socias que capitalizaron a súa débeda perderon o dereito a cobrar os case 700.000 euros capitalizados. En total, están afectadas 85 persoas físicas ou xurídicas socias. Delas, 62 capitalizaron o total do que se lles debía, que ascende a 562.490 euros; e as 23 restantes capitalizaron a maior parte da súa débeda, que ascende a 137.168. Son unicamente estas 23 as que teñen dereito a cobrar os 43.853 euros dos que falabamos ao comezo.
Os únicos beneficiados deste engano serán o resto de acredores, pois en caso de que a cooperativa teña liquidez para saldar débeda, non terán que repartir o cobro cos socios e socias que caeron no proceso de capitalización.
Cómpre non esquecer que a crítica situación pola que están a atravesar as granxas socias de La Arzuana prodúcese nun contexto ao que hai que sumar a difícil conxuntura no sector, con prezos no leite por baixo dos 27 céntimos que non dan nin para cubrir os custes da actividade.
Dende o SLG, responsabilizamos tanto á Xunta Reitora da Cooperativa como á Consellaría de Medio Rural. Medio Rural e a Xunta de Galicia son culpables por acción, ao promover por motivos políticos a constitución de Alimentos Lácteos para xestionar a factoría de Leite Pascual en Outeiro de Rei, con cooperativas como La Arzuana, un negocio que remataría por arruinalas a todas; e tamén é culpable por omisión, pois a pesares de ser a ideóloga dunha cacicada que lle custou varios millóns de euros ao erario público, non fixo nada por paliar a situación terminal na que deixaron a un milleiro de explotacións lácteas e a varias cooperativas gandeiras. En canto á xunta reitora e ao seu presidente, Eugenio Montero, son culpables por enganar aos socios e socias por cuxos intereses debían velar.
Se a actual conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, ten a decencia que non tivo o seu predecesor no cargo, Samuel Juárez, debería emprender accións extraordinarias para paliar a situación terminal que están a sufrir as granxas socias de La Arzuana da que, como xa dixemos, son responsables tanto a Consellaría que ela dirixe como a xunta reitora da cooperativa.