29/08/2024
6 de setembro: Concentración diante do Consello Regulador Ribeira Sacra
Rolda de prensa do SLG e UUAA en Monforte para anunciar mobilizacións conxuntas en demanda de prezos e recollida na Ribeira Sacra. Solicitamos a convocatoria dunha mesa de traballo, orzamento de crise, medidas para liberar stock e plan integral de actuación
Na mañá de hoxe a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, e o Secretario de Coordinación Sectorial de UUAA, Félix Porto, trasladaron en rolda de prensa en Monforte unha análise da situación actual da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra e anunciaron unha mobilización conxunta que terá lugar o venres 6 de setembro diante da sede do Consello Regulador, tamén en Monforte.
“Esta situación non é algo puntual que non se vira vir, a caída no consumo de viños tintos en toda Europa vense constatando nos últimos anos, e ademais no caso da Ribeira Sacra xa hai uns stocks que se veñen arrastrando dende o momento da COVID”, introduciu Isabel Vilalba. “É un momento moi complicado, que pode ser dramático para unha comarca na que o mantemento da viticultura ten un impacto directo no tecido económico e social. Convocamos unha mobilización o día 6 con UUAA porque parécenos fundamental dar unha resposta inmediata, resposta que por parte da administración xa vai bastante tarde, malia a ter contado con tempo para polo menos tentar paliar a situación tan dramática que temos hoxe”.
Dende a súa investidura no mes de abril puxémonos en contacto ca nova conselleira do medio rural e trasladámoslle esta problemática, tamén nos comunicamos a principios de maio co Consello Regulador. Así mes tras mes, por escrito, ata coñecérmonos a chegada de cartas ás persoas viticultoras confirmándolle a non recollida da uva.
“Case estamos á porta da vendima e segue sen haber medidas anunciadas, non entendemos por que a Consellaría non pon medidas enriba da mesa. Tanto o ano pasado como este anunciou destilación de crise pero non habilitou orzamento, tampouco explicou por que non se optou por unha poda en verde. O 12 de agosto a Conselleira concedeunos a reunión solicitada en abril e nese espazo anunciounos que se ían tomar accións na semana seguinte, sen que finalmente se producira tampouco ningún movemento”, explica a Secretaria Xeral do SLG-CCLL.
A ninguén se lle escapa que a posibilidade dunha non recollida na Ribeira Sacra é problema moi grave que afecta a centos de produtores e produtoras -que ademais manexan uns custos de produción que multiplican por tres o custo medio no Estado español-, e que pon en risco tanto o actual tecido produtivo como o relevo xeracional, sendo tamén moi preocupante como pode afectar a situación actual á vindeira campaña. Entón, por que a Consellaría do Medio Rural está renunciando a actuar?
“Dende o Sindicato Labrego Galego demandamos á Xunta de Galicia que sexa habilitado un orzamento de crise para apoiar ás persoas viticultoras e ás adegas, optando paralelamente por aquelas medidas que liberen ou reduzan os stocks, pero sempre co compromiso de recollida da uva e mantemento dos prezos -concreta Isabel Vilalba-. Ademais precisamos un plan integral adaptado ás estratexias de consumo e a este momento de crise, pero tamén con visión de futuro. O responsábel por pare da Consellaría sería convocar unha mesa de traballo para poder deseñar unha estratexia que aborde o sector no seu conxunto”.
Concretamos novamente a proposta de actuacións que xa trasladamos fai semanas á Consellaría:
Grarantía de recollida de uva e prezo
Orzamento de crise
Limitar plantacións
Campaña de promoción importante diferenciando a DO Ribeira Sacra
Mapa claro que permita coñecer con certeza os límites da DO
Estudio de custes da produción de uva na Ribeira Sacra
Estratexias de adaptación a novos hábitos de consumo