marisqueo

27/06/2023

43 colectivos unímonos para esixir medidas fronte á contaminación das rías

Reclamamos á Xunta medidas urxentes para acabar cos verquidos contaminantes que están a provocar un drástico descenso na produción de marisco nos principais estuarios.

Os colectivos abaixo asinantes queremos facer público o seguinte: Levamos desde hai moitos anos reclamando un maior apoio, atención e coidado á Administración en relación ás súas obrigas legais e morais de protexer as rías e, sinaladamente, no referente á necesidade de adicar recursos humanos, económicos e tecnolóxicos para investigar e vixiar as condicións ambientais, os vertidos, a calidade da depuración das EDAR e a calidade das augas dos ríos que alimentan as rías. Das rías vivimos miles de familias e a súa actividade produtiva primaria é un motor socio-económico para todo o tecido produtivo da contorna e de Galicia. 

A produción galega de 2022, de ameixas do país (babosa, fina e rubia), redúcese en 2/3 respecto á media dos últimos vinte anos (2002- 21) e a de berberecho en 1/4 Pérdese tamén a metade do valor da produción galega de 2022 das devanditas ameixas respecto á media de 2002-21, a pesares da tendencia alcista dos prezos nos últimos anos, como consecuencia da escaseza de produto.

Economicamente esta situación repercute nos ingresos de miles de familias. Se tomamos como referencia as medias euros/ano dos pasados vinte anos (datos da web pescadegalicia.gal) e tendo en conta a diminución do valor do euro derivada da inflacción, as perdas en lonxa do conxunto de Galicia en 2022 elévanse a 25,7 M€ (14,1 M€ na ría de Arousa). Este devalo produtivo afecta directamente aos postos de traballo; en 2001 tiñamos en Galicia 6551 permex de mariscadoras/es (na ría de Arousa 2621) e no ano 2022 temos en Galicia 3614 (na ría de Arousa 1613) (datos IGE). Desde os sectores afectados e os colectivos ecoloxistas levamos moitos anos reclamándolle á Xunta de Galicia a rexeneración integral das rías, o control efectivo dos vertidos e un plan de rexeneración URXENTE dos bancos marisqueiros cunha forte dotación económica cun estudo multidisciplinar que analice as causas deste alarmante deterioro progresivo. Parellamente ao abandono e desleixo das súas responsabilidades competenciais no referente ao deterioro ambiental e produtivo do noso mar, a Xunta adicouse a aprobar un conxunto de normativas como a lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais (lei 5/2017), a lei de avaliación ambiental (lei 9/2021), o anteproxecto da lei de ordenación do litoral de Galicia e o anteproxecto da lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que, todas elas no seu conxunto, constitúen unha andamiaxe legal encamiñada a recortar os nosos dereitos ambientais e favorecer, promover e axilizar diferentes iniciativas empresariais (Minas, Altri, Acuicultura industrial e Eólicos) que son claramente lesivas para o ambiente e os sectores produtivos de Galicia. Estes proxectos traerán máis contaminación aos ríos e ás rías e ocuparán o espazo marítimo tanto dos nosos caladeiros e das actividades pesqueiras como das actuais concesións marisqueiras e das bateas. Entendemos que o abandono do noso mar xunto coa andamiaxe legal para furtar dereitos ambientais e cidadáns, son dúas caras dun mesmo obxectivo: mudar o modelo produtivo sen que haxa un debate social sobre as consecuencias socioeconómicas e ambientais para o conxunto dos intereses maioritarios da sociedade galega. Porque o novo modelo que se pretende instaurar favorece a intereses foráneos e minoritarios e crea menos postos de traballo que os que destrúe.

 

Na ría de Arousa, a 22 de xuño de 2023.

Acuimega ADEGA Agrupación Marisqueo a flote de Carril Agrupación Marisqueo a pé de Carril Agrupación Marisqueo a pé de Noia APM Amevila APM A Pobra APM Illa de Arousa APM San Amaro APM San Saturnino APM Viladomar APM Vilaxoán APM Xidoiros Asmecruz Asociación Mexiloeira do Barbanza Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) Asociación Tralapena de Touro Aspromeri Confraría de A Pobra do Caramiñal Confraría de Cabo de Cruz Confraría de Cambados Confraría da Illa de Arousa Confraría de Rianxo Confraría de Vilanova de Arousa Ecoloxistas en Acción Federación Arosa y Norte (FARN) Federación Rural Galega (FRUGA) Fundación Montescola Mulleres Salgadas - Asociación galega de mulleres do mar Opmega Opmegal Plademar Muros-Noia Plataforma Casalonga Limpa de Resíduos Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo "Cies" Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino Non Sindicato Labrego Galego (SLG)

 

Comunicado completo: 

43 colectivos unímonos para esixir medidas fronte á contaminación das rías