As solicitudes para participar como alumnado no vindeiro Programa Cultiva están abertas até o martes 15 de setembro. Máis información neste enlace: https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/relevo-generacional/visitas-formativas.
As estancias, que comezarán a partir de xaneiro de 2027, teñen unha duración de cinco días e son gratuítas para as persoas participantes.
Participantes da anterior edición do Programa Cultiva comparten as súas experiencias tras as súas estancias en granxas anfitrioas do Sindicato Labrego Galego.
Galiza, 11 de setembro de 2026. Un ano máis, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) volve a participar no Programa Cultiva, un programa de estancias formativas gratuítas de persoas mozas agricultoras en granxas modelo. Trátase dunha iniciativa financiada e desenvolvida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación dirixida a persoas mozas agricultoras e gandeiras que sexan titulares dunha granxa agraria no Estado español. As solicitudes están abertas até o martes 15 de setembro.
Máis información aquí: https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/relevo-generacional/visitas-formativas
Listaxe das granxas anfitrioas do SLG nesta nova edición
1. TRALALEIRA (Allariz-Ourense)
2. Adega e viñedos Lareu (Chantada-Lugo)
3. Alcouve da Moura SCG (O Rosal-Pontevedra)
4. Pablo Méndez Rodríguez (Ribadeo-Lugo)
5. Finca As Fadegas TC (Ribadeo-Lugo)
6. Angel Ramón Vázquez García (Friol-Lugo)
7. Colmeas Do Navia-EO (A Pontenova-Lugo)
8. Casa Bértolo SC (Friol-Lugo)
9. Ribeiregas SCG (Negreira de Muñiz-Lugo)
10. Horta do Cadaval (Redondela-Pontevedra)
11. Hortasan (Vedra-A Coruña)
12. Granxas Lousada SC (Irixoa – A Coruña)
13. María Osorio (Becerreá – Lugo)
14. MIMA TC (Allariz-Ourense)
15. Granxa de Gudín (San Sadurniño – A Coruña)
16. SAT Ganadería Sabedelle (Chantada – Lugo)
17. Estefanía Jacinto Prados (Begonte – Lugo)
18. Breogainas SCG (Trabada – Lugo)
19. Iván Díaz Souto (Vilalba – Lugo)
Que é a estancia?
É unha estancia formativa práctica nunha granxa agraria de acollida considerada modelo. Durante a estancia, a persoa participante pode aprender directamente doutras granxas sobre:
Duración, programa e compensación de gastos
As estancias, que comezarán a partir de xaneiro de 2027, teñen unha duración de cinco días e son gratuítas para as persoas participantes. O programa cobre o aloxamento, a manutención, os desprazamentos relacionados coa estancia e o seguro durante a formación. Ademais, existe unha compensación polos gastos de substitución, para facilitar que a persoa poida deixar temporalmente a súa granxa durante a estancia e contratar alguén que se encargue dela (110€/día). Importante: o CULTIVA non é un traballo remunerado nin un salario. É unha formación práctica nunha granxa de acollida.
Participantes da anterior edición do Programa Cultiva comparten as súas experiencias
Sara (Zaragoza), alumna de Simón no Alcouve da Moura (O Rosal)
Sara é de Cerveruela, un pobo de Zaragoza. O seu marido e mais ela son autónomos agrarios e cultivan campos de cereal, de pataca, de forraxe, etc. Ademais, en paralelo, coa súa irmá, teñen unha casa de turismo rural onde tamén hai animais. En palabras da propia Sara, trátase “dunha especie de granxa escola”. A moza chegou ao Alcouve da Moura (O Rosal, Pontevedra) interesada en profundar na agricultura rexenerativa. Simón amosoulle a horta, as fincas, os invernadoiros, todas as ferramentas e prácticas. “Fixemos prácticas de como plantar coas ferramentas que eles usan, porque son moi diferentes ao que eu fago na parte do meu traballo, explicounos como traballan o solo, a tenda, fomos ao almacén e mostrounos como se xestionan os pedidos online”. Sara, que compartiu estadía con Noelia, Arsenio e Manuel, confesa que non é o mesmo vivir a experiencia de maneira individual que colectiva.
“Eu prefiro colectiva, porque é unha maneira de coñecer xente, compartes os teus coñecementos e todo o vinculado coa parte laboral e logo coincidiamos á hora de comer ou cear e pasabamos as tardes, é moito máis enriquecer compartir con máis persoas estes momentos”. Da visita a O Alcouve da Moura, a moza de Cerveruela leva a experiencia e a aprendizaxe que posibilita este programa que, como ela mesma confesa, “se non houbese esta posibilidade que permite o programa Cultiva non tería a oportunidade de adquirir”. Tras a visita ao Rosal, Sara fixo este ano outra estadía en Canarias, centrada na apicultura.

Sergio (Fórnea), alumno de Uxía en Tralaleira (Allariz)
Sergio é de Fórnea, do concello de Trabada, na Mariña Lucense, onde ten un proxecto de horta ecolóxica, Breogainas SCG, que botou a andar hai arredor de cinco anos. Este ano participou, por primeira vez, no programa Cultiva como alumno dunha das granxas anfitrioas do SLG. Uxía de Tralaleira (Allariz) foi a súa docente na estadía, que xirou arredor do coidado e da aprendizaxe da horta. “Quedamos pola mañá no invernadoiro e faciamos todo o necesario: recollida para facer o reparto posteriormente, arranxar os cultivos, plantar novos e tamén visitamos outras fincas”, sinala.
A estadía cadrou coa época da plantación, polo que foi un moi bo momento para que o mozo de Fórnea puidera presenciar como é o proceso de plantar de Uxía e cales son as ferramentas que utiliza, tendo en conta, ademais, que a climatoloxía de Ourense non é a mesma que a de Lugo. “Sen dúbida é unha boa maneira de adquirir formación. Cada quen na súa casa planta do xeito que quere, as distancias que quere e fai as asociacións de cultivo que quere. Os sistemas de regos e tempos en cada sitio son distintos, dependendo das condicións do clima. Todos os días na horta son diferentes, gustaríame quedar máis tempo”, asevera Sergio, resaltando que a semana que estivo en Allariz foi, ao ser ver, curta, por el pasaría outra semana máis!
Esta estancia permitiulle coñecer outros cultivos que el na súa horta non plantan ou que o fai doutro xeito, alén de remedios para frear pragas na colleita. “Por exemplo cultivan unha variedade de melón que nós levamos tempo querendo probar, o melón de Galia, que dáselle incríbel, e este ano animeime a cultivar, a ver como vai. Tamén plantan sandías, que era outro cultivo que tamén queriamos probar, á parte de facer máis sementeiras”, recoñece o mozo.
Tras a primeira experiencia participando no Cultiva, Sergio ten claro que lle gustaría seguir formándose no marco deste programa, ampliando o seu coñecemento a outras latitudes e, incluso, participar pero xa non só como alumno, senón como granxa anfitrioa, para que tamén outra persoas vaian a coñecer o seu proxecto en Fórnea.

Cristina (Asturias), alumna na Granxa de Gudín e en Ribeiregas
Cristina (Asturias) participou como alumna en dúas granxas anfitrioas do Sindicato Labrego Galego, na Granxa de Gudín (San Sadurniño), con Ignacio; e en Ribeiregas (Negreira de Muñiz), con Dora, que tamén acolleu como alumnado a Noelia e a Arián.
A produtora asturiana cultiva mini kiwi, fai visitas a fincas e tamén transformación do alimento en zume. Interesáballe facer a estadía en Galiza porque as condicións climatolóxicas son similares ás do seu lugar de orixe, Asturias. Na primeira estancia que fixo, con Ignacio en San Sadurniño, percorreron os viveiros, estiveron coas ovellas e tamén houbo tempo para visitar o obradoiro compartido A Fusquenlla.
Na segunda, con Dora en Negreira de Muñiz, afondou en todo o vinculado coa transformación de alimentos, xa que en Ribeiregas dedícanse á confección de zumes, marmeladas, vinagre etc. Nesta estadía compartida con outras dúas persoas, a participante do programa Cultiva tamén tivo a oportunidade de coñecer, da man de Ribeiregas, O País do Abelleiro, que, nas propias palabras da produtora, “fai un labor moi importante de concienciación medioambiental”.
Cristina xa participara noutros programas Cultiva, en Valladolid e en Ciudad Real e non descarta facer algún máis no futuro. Con todo, para ela a visita a Galiza foi moi especial, sobre todo polo clima que encontrou aquí, ademais da boa acollida recibida tanto da Granxa de Gudín como de Ribeiregas.

Xabier (A Pontenova), alumno de María Xosé en Mimá (Allariz)
Xabier é un mozo apicultor orixinario de Cangas que hai uns anos botou a andar un proxecto apícola en Lugo, na Pontenova, canda o tamén apicultor e Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego, Brais Álvarez. Ambos son socios en Colmeas Do Navia-EO. Xabier e Brais foron ampliando o seu proxecto cara ao sur, cara a Castro Verde e Palas de Reis. Ademais, o participante do programa Cultiva tamén fai parte do traballo apícola nas Rías Baixas: a reprodución. Este ano participou como alumno nunha das granxas anfitrioas do Sindicato Labrego Galego. Dende Lugo viaxou a Allariz, onde María Xosé o acolleu durante cinco días abríndolle as portas do seu proxecto Mimá, no que traballan horta, apicultura e tamén cultivo de flores.
“Explicáronme como iniciaron o proxecto, que xa leva quince anos, como fixeron todo sen mecanización inicial e como se foi ampliando e consolidando até o que é hoxe en día”, confesa Xabier, que, tendo experiencia xa nas abellas descoñecía o ámbito da horta, no que se formou con María Xosé grazas a este programa. “Explicoume que producións teñen, cales son máis interesantes comercializar, etc, ademais de amosarme todo o traballo que se fai en Allariz en canto á venda no mercado e os proxectos que xermolaron na contorna”, engade.
No que se refire á apicultura, a estadía centrouse, entre outros aspectos, na loita contra a varroa destrutor e a vespa velutina, “as dúas grandes ameazadas que temos agora mesmo”.
Á pregunta de que supuxo para el participar nesta estancia, o apicultor non dubidou na resposta: “Estudei na universidade, fixen máster e creo que este programa é o mellor que coñecín, porque nunha semana vas directamente á granxa que leva anos de vantaxe. Os coñecementos que adquirín aquí nunha semana en calquera das estadías tería que pasar anos para aprendelos eu só”, asegura Xabier, que o ano pasado fixo unha estadía en Cantabria, en Jalea Real e este ano, logo de visitar a María Xosé en Allariz, viaxou até Aragón onde participou noutra centrada na apicultura ecolóxica.
