12/02/2024
18F: Unha oportunidade para mudar as políticas agroalimentarias galegas
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas presentará ás candidatas/os á presidencia da Xunta as súas propostas políticas. Acto aberto á cidadanía este MÉRCORES 14 de febreiro, ás 11.30h., na Praza do Toural en Santiago de Compostela
O adianto das eleccións á presidencia da Xunta de Galicia que terán lugar o domingo 18 de febreiro abre unha oportunidade para reorientar as políticas agroalimentarias autonómicas. É urxente responder a décadas de destrución do medio rural e afrontar os retos derivados das crises climática e enerxética, entre outras.
A través dun acto público aberto á cidadanía, este mércores 14 de febreiro dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) trasladaremos ás formacións políticas as propostas a desenvolver para garantir unha alimentación sa e de calidade para as persoas e o medioambiente, consolidando no noso país un modelo agroecolóxico de produción arroupado e protexido por un medio rural vivo, no camiño á nosa soberanía alimentaria.
Este acto de presentación pública, ao que xa foron convidados os partidos políticos, terá lugar ás 11.30h. na Praza do Toural de Santiago de Compostela.