Acto público 14 de febreiro

14/02/2024

18F: Unha oportunidade para as políticas públicas que garantan alimentos saudables e rendas dignas

O SLG-CCLL presentou publicamente as súas propostas en políticas alimentarias ás candidatas/os á presidencia da Xunta. Cómpre transitar cara ao modelo agroecolóxico e reivindicar que a alimentación é un dereito das persoas, non unha mercadoría

A través dun acto público aberto á cidadanía realizado na mañá de hoxe na Praza do Toural (Santiago de Compostela), dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) trasladamos hoxe ás formacións políticas as propostas a desenvolver para garantir unha alimentación sa e de calidade para as persoas e o medio ambiente, consolidando no noso país un modelo agroecolóxico de produción arroupado e protexido por un medio rural vivo, no camiño á nosa soberanía alimentaria.

O evento deu inicio ca introdución da Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba, gandeira e produtora de faba de Lourenzá. Seguidamente, a labrega de Redondela e vicerresponsábel do Sector Vexetal no SLG-CCLL, Belén Ferbenza; o gandeiro de Vilar de Barrio, responsábel do Sector da Carne e vogal na IXP Vacún de Galicia, Samuel Formoso; a gandeira de vacún de leite en Chantada e economista especializada en políticas agrarias no SLG-CCLL, Ana Rodríguez e o viticultor de Arnoia e responsábel do Sector do Viño no SLG-CCLL, Bernardo Estévez, presentaron por sectores as propostas en materia de políticas agroalimentarias polas que aposta o Sindicato Labrego Galego para reverter a situación de destrución do tecido produtor de alimentos no noso país e loitar por un medio rural vivo.

É crucial que unha mudanza do rumbo nas políticas agroalimentarias ocupe un lugar central no novo goberno da Xunta de Galicia. As crises que nos axexan e baten en nós coma o incremento dos alimentos que importamos en Galiza, o peche continuado de granxas e proxectos agrícolas, a perda de renda agraria, ou a crise ecolóxica global (climática, enerxética, da biodiversidade, da auga, do solo fértil...) e os problemas recorrentes co transporte internacional deses alimentos quilométricos para as persoas e para o gando fan que sexa urxente repensar, redeseñar e reconstruír o noso sistema agroalimentario, a nosa relación co territorio e coa produción, distribución e consumo de alimentos.

É necesario priorizar a produción ecolóxica, económica e socialmente sustentábel de alimentos destinados a cubrir as necesidades nutricionais da nosa cidadanía. Non todo está en mans do goberno autonómico mais si hai marxe para mudar moitas cousas, para revitalizar, repoboar e rexuvenecer o noso medio rural agroecoloxizando o noso sistema agroalimentario.

Para o SLG-CCLL non chega con mudar de goberno, hai que avanzar con decisión na transición agroecolóxica, e para acadar ese obxectivo presentamos hoxe unha batería de medidas concretas a activar:

  • Garantir o relevo xeracional e as novas incorporacións con políticas de apoio, formación, asesoramento e acompañamento

  • Aumentar a superficie agraria e facilitando o acceso á terra, en especial ás pequenas granxas e novas incorporacións. Protexer a terra agrícola do seu acaparamento para outros usos como os eucaliptos, os eólicos, instalacións solares, a megaminería e outros

  • Apoiar as granxas pequenas e medianas, familiares e artesanais, labregas, que son as más orientadas á produción de alimentos de calidade para o consumo local

  • Mecanismos para que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria, como índices oficiais dos custos de produción que permitan incorporar as subas dos mesmos e rendas dignas para as persoas agricultoras, así como normas que acaben coas marxes desproporcionadas, a especulación cos alimentos e a posición de dominio da distribución, garantindo o acceso a alimentos saudables para as persoas consumidoras

  • Fomentar as producións diversificadas, a transformación no ámbito local, os mercados labregos, os circuítos curtos de comercialización e as rendas dignas, tamén mediante a compra pública

  • Facilitar a xestión das granxas evitando a burocratización e adaptando as normativas á realidade galega

  • Recuperar e/ou ampliar servizos públicos ao medio rural, recuperándoo coma un espazo onde poder vivir e facer comunidade

  • Defender e apoiar os montes en mancomún en particular e os bens comunais en xeral

  • Deseñar e implementar estratexias para a prevención de riscos derivados da crise climática (enfermidades, pragas, parasitos, especies invasoras, fenómenos meteorolóxicos extremos e anómalos...)

  • Adaptar a produción, distribución e consumo de alimentos a un contexto post-petroleiro e enerxético descarbonizado, o que exixe reducir o consumo enerxético, mellorar a súa eficiencia e basealo en fontes renovábeis, minimizar o consumo de alimentos e insumos quilométricos substituíndoos por circuítos curtos de comercialización de produtos saídos de granxas nas que se fechan ciclos de produción. Empregar a compra pública como ferramenta de gran importancia para incorporar nos colexios, residencias, centros de maiores... alimentos frescos, de proximidade e ecolóxicos.

  • Achegar o sistema agroalimentario ao modelo agroecolóxico mediante políticas de incentivo, formación, asesoramento e acompañamento para a produción, distribución e comercialización de alimentos naturais, sans e nutritivos desde o local e para o local a prezos xustos

  • Defender unha PAC adaptada á realidade labrega galega. Necesitamos un goberno que negocie no ano 2024  unha modificación intermedia desta PAC 2023-2027, que será no ano 2025. E necesitamos un goberno que estea moi pendente da PAC a partir do 2027: vaise empezar a negociar xa na Unión Europea e prevense cambios moi importantes.

O adianto das eleccións á presidencia da Xunta de Galicia que terán lugar o domingo 18 de febreiro abre unha oportunidade para reorientar as políticas agroalimentarias autonómicas. É urxente responder a décadas de destrución do medio rural e afrontar os retos derivados das crises climática e enerxética, entre outras.

Dende o SLG-CCLL chamamos á cidadanía galega a participar co seu voto nas vindeiras eleccións autonómicas e a demandar aos partidos políticos que aspiran a nos gobernar na lexislatura 2024-2028 un xiro agroecolóxico e pola soberanía alimentar dos pobos.