17 de abril

15/04/2016

17 de abril, Día Internacional da Loita Labrega: 20 anos defendendo a terra e honrando a vida

Esta semana, as organizacións agrarias que formamos parte da Vía Campesina celebramos o Día Internacional da Loita Labrega, unha efeméride que conmemora o coñecido como Masacre de El Dorado dos Carajás no que a policía militar do estado brasileiro de Pará asasinaba 19 labregos Sem Terra. A matanza perpetrouse en 1996, polo que neste 2016 se cumpre o seu vixésimo aniversario.

Esas mortes promovidas dende o poder e dende o capital que está a acaparar a terra seguen a estar de actualidade con asasinatos como o da activista hondureña Berta Cáceres, a comezos de marzo deste ano; ou a morte doutros dous Sem Terra en Paraná, este 7 de abril, a mans da policía militar e matóns da madeireira Araupel nunha emboscada a membros do MST que participaban na ocupación de terras públicas usurpadas ilegalmente por esta empresa privada. Nun comunicado, A Vía Campesina denuncia que “estes feitos só reflicten a inxusta realidade cotiá de moitas persoas que defenden a agricultura labrega en todo o planeta”

O xeito capitalista de dominar a natureza e producir na agricultura está en crise”, segue o comunicado. “Hai un enfrontamento entre dous proxectos de produción, da sociedade e da forma de convivir coa natureza. Dous proxectos para o futuro.

"Dunha banda, o modelo do agronegocio do capital, que subordina todo á súa insaciable xeración de lucro, e para isto impón o monocultivo, destrúe a biodiversidade, intensifica o uso de agrotóxicos, expulsa aos labregos e ás labregas dos seus territorios e domina a gobernos e estados.

“E, por outra banda, temos o proxecto da Vía Campesina, baseado na soberanía alimentaria, onde a agricultura busca producir alimentos sans para todo o pobo, en equilibrio coa natureza, xerando mellores condicións de vida para a poboación rural.

“A violencia, a represión dos terratenentes, a inercia dos gobernos son parte desta loita permanente e cotiá entre as dúas formas de ver a natureza, a agricultura, a vida e os alimentos. Ademais, o acaparamento de terras, que se multiplicará en África e Asia coa escusa de compensar a grande cantidade de emisións de CO2 emitidas polos países máis industrializados, ameaza con aumentar aínda máis a violencia exercida contra as familias labregas.

“Por iso, esta xornada de mobilización global é unha data simbólica para as nosas loitas, que marcaron as nosas vidas para seguir articulando accións de denuncia e resistencia que nos permiten dialogar coa sociedadade para a construción colectiva do noso modelo agrícola”.

Da reforma agraria á denuncia dos transxénicos no Estado

Diversas campañas reivindicativas xa se puxeron en marcha con motivo deste 17 de abril, dende unha Conferencia Internacional sobre Reforma Agraria que se está a celebrar estes días en Brasil; até a campaña de solidariedade co compañeiro Andrés Bódalo, do Sindicato de Obreiros do Campo (SOC), que foi encarcerado en virtude dunha sentenza a todas luces inxusta e desproporcionada que só busca desmobilizar a resistencia labrega ao poder do capital.

Ademais, no Estado español, diversas organizacións como a Plataforma Rural, Rede de Sementes, Greenpeace e diversos movementos contra os transxénicos e pola soberanía alimentaria, aproveitaron este 17 de abril para reivindicar unha agricultura libre de transxénicos e denunciar que en España seguen a cultivarse unhas 100.000 hectáreas do millo MON 810 de Monsanto ao tempo que 19 países europeos prohibiron os OXMs no seu territorio.

17 de abril