A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. Conclúe o Foro Paneuropeo en Romanía consolidando a loita pola soberanía alimentaria en Europa do Leste

Conclúe o Foro Paneuropeo en Romanía consolidando a loita pola soberanía alimentaria en Europa do Leste

2 de Novembro do 2016

Food sovereignty

A loita contra a agroindustria e por un futuro xusto e sostible para a agricultura e os labregos e labregas deu un gran salto cara a adiante esta semana trala celebración do II Foro Nyéléni pola Soberanía Alimentaria, considerado como o evento máis grande ao redor desta cuestión na historia de Europa.

Despois de cinco días de debates, sentamos as bases para recuperar e relocalizar os nosos sistemas alimentarios e multiplicar as plataformas de soberanía alimentaria en todo o continente por parte dos e das participantes, que chegaron de máis de 40 países. Neste senso, estiveron presentes unha grande diversidade de persoas implicadas no sistema alimentario, incluíndo labregos e labregas, traballadoras do campo, sindicalistas, investigadoras, activistas, pescadoras, pastoras, pobos indíxenas, consumidoras e defensoras dos dereitos humanos.

Un dos principais logros deste foro foi a converxencia de organizacións de Europa oriental e de Asia central coas súas homólogas de Europa occidental. Para Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do SLG que participou no foro, “foi de destacar a alta participación, especialmente de organizacións do leste de Europa, con respecto a outros foros semellantes celebrados en Europa. Isto ten grande importancia, xa que moitos países do leste aínda teñen unha parte importante da súa poboación vinculada a actividades agrarias. Sen ir máis lonxe, Romanía, o país anfitrión, ten 3'7 millóns de granxas, o cal supón que unha de cada tres explotacións agrarias da Unión Europea están neste país”. No mesmo senso, Ramona Duminicioiu, da organización anfitrioa romana Eco Ruralis, advertiu que “o meirande dos países de Europa do Leste están nunha situación semellante a Romanía: teñen unha poboación labrega moi extensa e vibrante, pero igualmente vulnerable, ameazada polos acaparamentos de terras e pobres investimentos por parte dos mercados financeiros internacionais. Esta semana iniciamos a loita rexional e colectiva e intensificamos a coordinación do movemento pola soberanía alimentaria con Europa occidental. Se o movemento pola soberanía alimentaria é forte en Europa oriental e Asia central, serao tamén en Europa no seu conxunto”.

Indo ao miolo do II Foro Nyéléni, Isabel Vilalba explicou que, coa súa celebración, “demos continuidade a un proceso fundamental que se iniciou en Mali no ano 2007, no que distintos colectivos de diversos ámbitos -agricultura, consumo, medio ambiente, xustiza social, etc.- nos articulamos para traballar por garantir o dereito a unha alimentación suficiente e saudable de toda a xente producida a través dun modelo sostible que garanta unhas condicións de vida e de traballo dignas. Polo tanto, con este foro construímos alternativas a un sistema alimentario que está feito a medida dos intereses das grandes corporacións que só buscan monopolizar a produción de alimentos e de recursos que deberían ser universais como a terra, a auga ou as sementes”.

En concreto, no comunicado oficial ao remate do II Foro Nyéléni, explicábase que “para enfrontar a explotación destrutiva do sistema alimentario industrial, o foro decidiu centrarse nunha serie de accións claves. Estas incluíron estratexias en defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras agrícolas, especialmente migrantes; políticas públicas que poñan os recursos naturais (incluíndo a terra, a auga e os dereitos indíxenas de tenza) en mans da poboación local en troques das corporacións; sistemas de distribución de alimentos que dean preferencia aos produtos locais e sans; impulsar un tratado vinculante na ONU que regule en materia de empresas e dereitos humanos, e un movemento máis inclusivo que represente a xente marxinada. E como elementos centrais de todas estas accións estarán a agroecoloxía, entendida como un enfoque radicalmente local, inclusivo e sostible da agricultura”.

II Foro Nyéléni