A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Máis de medio cento de persoas partillaron análises e estrateixas de coidado do común para soster a Vida

Máis de medio cento de persoas partillaron análises e estrateixas de coidado do común para soster a Vida

17 de Decembro do 2022

fotoGrupoforo

Ao longo da xornada de hoxe estamos celebrando na Casa Común de Rarís (Teo) o VI Foro Labrego de Agroecoloxía. Os comúns como elemento clave para reconfigurar a nosa relación coa terra e o territorio, e avanzar na Soberanía Alimentar

Ao longo da xornada de hoxe dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estamos desenvolvendo na Casa Común de Rarís en Teo (A Coruña) a sexta edición do Foro Labrego de Agroecoloxía, que nesta convocatoria ten lugar baixo o lema “Coidando o común para soster a Vida”,

Máis dun cento de labregas/os e persoas activas no ámbito da agroecoloxía en proxectos ao longo de todo o país reflexionaron sobre o papel que os comúns tiveron na economía e cultura labregas, analizaron claves para o seu fortalecemento e deseñaron estratexias para a súa recuperación e preservación.

Ao longo da xornada o común foi identificado como o espazo entre o individuo e o Estado, vinculado ás necesidades comunitarias, e non exento da necesaria xestión dos conflictos relacionais propios da acción colectiva. Así, ao longo das exposicións e debates sinaláronse unha significativa cantidade de visións comunitarias ao respecto do emprego da terra, da auga... De partillar traballos, infraestruturas ou de como concibir o territorio e determinados bens dende o punto de vista do interese xeral e do ben común. “A necesidade, ao igual que a festa, fai que a xente se xunte”, apuntou unha das relatoras.

Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do SLG, reivindicou a importancia de espazos coma o Foro Labrego Galego para “fornecer a oportunidade de valorar as formas comunitarias nas que a xente labrega e do rural se organizaba, as cales non so se demostra neste encontro que teñen unha pertinencia moi importante a nivel de identidade e utilidade no seu momento histórico, senon que tamén vemos con claridade que poden ser ferramentas moi válidas para os retos que temos na actualidade”.

A apertura e primeira mesa do encontro, “A importancia dos comúns na cultura labrega e na Galiza” correu a cargo do labrego Xosé María García Vilaverde, o historiador Antom Santos Peres e a investigadora especializada en Comunidades de Montes Veciñais en Man Común Lara Barros. As poñentes realizaron unha revisión histórica dende unha perspectiva sociolóxica aplicada ao noso país, reivindicando as dinámicas comunitarias fronte ao individualismo, a recuperación da memoria como unha peza ensencial para construír a nosa identidade e os montes en man común como eixos fundamentais para articular o noso país.

A contextualización dos significados dos espazos comúns no pasado, no presente e no futuro foi introducida polo Responsábel de Sectores Vexetais no SLG, Santiago Cid, e presentada polas labregas Elia Rodríguez Álvarez e Belén Fervenza Couñago -Rede Galega de Sementes-, os investigadores David Soto Fernández e David Fontán Bestilleiro, do Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Nuria Sotelo, do proxecto Aldearte, abordou algúns dos aspectos máis lúdicos dos bens comúns na ponencia “Gozando en común do Común”.

Logo dun xantar composto por petiscos agroecolóxicos, a sesión de tarde deu comezo ca conversa ecofeminista “Entre a economía feminista e a economía dos comúns”, na que participaron a gandeira e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba; a labrega e responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro e a directora da Cátedra de Agroecoloxía e Sistemas Alimentarios da Universidade de Vic, Marta Rivera Ferre.

O bloque final de intervencións centrarase nas estratexias que permiten a volta ao común. Nuria Alonso Leal, da Fundación Entretantos, abordará o papel das institucións públicas; Raquel Fernández Rodríguez, de Amigas da Terra Galiza, centrarase na cuestión da enerxía. A veterinaria do concello de Brión, Pilar García, e o concelleiro de Desenvolvemento Local de San Sadurniño, Manuel Varela, explicarán a proposta dos obradoiros compartidos de produción agroalimentaria, reivindicados como espazos colectivos para o ben común.