A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG solicita que se cubran todos os custos ocasionados polo lume na Galiza

O SLG solicita que se cubran todos os custos ocasionados polo lume na Galiza

28 de Xullo do 2022

Imaxe do cartaz Lumes Nunca Máis

O goberno galego non foi capaz ou non quixo activar todos os medios, previstos no PLADIGA, para facer fronte aos incendios máis catastróficos. En setembro deberá comezar o debate para lograr un consenso social sobre os cambios precisos no modelo de prevención, que ten que implicar mudanzas importantes para que non se repita.

Ante a terríbel vaga de lume que vén de atravesar Galiza, con irreparábeis danos sobre o medio e os fogares, dende O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) esiximos á Xunta de Galicia, a través das consellerías correspondentes, que cubran o 100% dos custos ocasionados sobre as vivendas, instalacións agrarias e auxiliares, a perda de animais e de colleitas, e todas as perdas que se puideran ocasionar por mor dos incendios. Responsabilidade clara da xunta por non ter activados os medios previstos ante a anunciada vaga de calor.

Na Galiza contamos co Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) que obedece ao que se recolle na Lei 3/2007, do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, á Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil, á Lei 5/2007, do 7 de maio, de Emerxencias de Galicia, ao Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) e ao Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia. Tal como especifica a propia Xunta no seu sitio web, "a Lei 3/2007, no seu artigo 5 punto 2, establece que as competencias da Xunta de Galicia en materia de incendios forestais serán exercidas polo Consello da Xunta e pola consellería competente en materia forestal. E segundo o artigo 6, puntos 1b) e 2, correspóndelle á Xunta de Galicia elaborar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e á consellería competente en materia forestal exercer estas competencias."

Mais o goberno galego non contratou todos os medios, ante a anunciada vaga de calor que, segundo o PLADIGA, precisa para actuar ante estas catástrofes. Por iso, cada unha das hectáreas, fogares e granxas queimadas son responsabilidade da Xunta de Galicia, polo que debe asumir as consecuencias habilitando o presuposto necesario.

No mes de setembro, nos Consellos Agrario e Forestal, propoñemos debater os cambios precisos no modelo de prevención de incendios para actuar con máis eficacia e, no seu caso, os medios e recursos imprescindíbeis para poñer fin ás vagas de lume que cada verán chegan aos nosos montes, ás nosas colleitas, aos nosos animais, e que previsiblemente coa crise climática pode que haxa anos que se siga a incrementar o risco.

Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA)

O PLADIGA recolle como funcións básicas: prever a estrutura organizativa e os procedementos para a prevención, detección, extinción e investigación de incendios forestais segundo as épocas de perigo; establecer con carácter xeral as épocas de perigo, relacionadas co risco de incendios forestais, en función das previsións xerais e dos diferentes parámetros locais que definen o risco; reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais; entre outras. Ademais, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia inclúe os medios humanos e materiais: os medios propios da Consellería do Medio Rural, de entidades públicas e privadas; os medios propios da Administración Local, incluíndo os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), as brigadas de prevención e extinción, os vehículos motobomba conveniados, os parques comarcais de bombeiros e os parque municipais de bombeiros; os medios contemplados no Plan Contra Incendios Forestais Estatal do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación para o apoio as CCAA: e os apoios puntuais de medios das CCAA fronteirizas coas que existe convenio ou acordo, no grado 3 que nesta vaga debía ser utilizado a petición de axuda a EUROPA.

Son ducias de milleiros de hectáreas queimadas de altísimo valor ecolóxico e social, pobos, vivendas, granxas. Distintos colectivos sociais, entre eles o Sindicato Labrego Galego, asistimos ás concentracións que se convocaron nas cidades da Galiza ao longo destas semanas co fin de reivindicar unha nova política de ordenación territorial de cultivos e forestal, recursos para a prevención, medios e condicións dignas de traballo nos servizos de extinción.