A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Contra a cobiza do oligopolio enérxético. Non á privatización dos lagos de Meirama e As Pontes

Contra a cobiza do oligopolio enérxético. Non á privatización dos lagos de Meirama e As Pontes

22 de Septembro do 2021

ConcentraciónAugasDeGalicia

Con motivo da apertura de sobres vinculada á solicitude de explotación privada dos recursos hídricos dos lagos de As Pontes e Meirama, distintas organizacións sociais convocamos unha acción de protesta nas oficinas de Augas de Galicia en Santiago de Compostela.

Este verán Augas de Galicia sacou a concurso dous aproveitamentos enerxéticos que suporían a privatización dos lagos das Pontes e Encrobas. Este luns día 20, con motivo da apertura de sobres vinculada a estes proxectos, a Asociación Petón do Lobo, o Sindicato Labrego Galego, SOS Encrobas, a Asociación Salvemos o Val de Barcia e Monte Xalo, a Plataforma As Salgueiras, a Asociación Fonte Seca e a Plataforma Quijote de Outes convocamos unha acción de protesta nas oficinas de Augas de Galicia en Santiago de Compostela contra a intención de ceder para explotación privada as augas destas dúas superficies hídricas. Cómpre lembrar que no caso do lago de Meirama, xa no seu día os terreos foron expropiados para o uso da central térmica, con forte represión sobre a poboación das Encrobas, que se opuxo á expropiación forzosa das súas terras.

 

Ao igual que sucedeu durante a ditadura franquista, novamente atopamos que a Administración pública, lonxe de aproveitar a oportunidade de devolver os terreos á cidadanía e empregar estas superficies para un uso público, está a ser cómplice da destrutiva cobiza do oligopolio enerxético.

 

A apertura de documentación revelou a existencia da presentación de dous proxectos de explotación privada, co dato especialmente preocupante de tratárense de proxectos que apuntan á combinación de modelos de produción hidroeléctica e eólica, aspirando á creación de macrosuperficies de rendemento multienerxético intensivo obtidas en base á sustración do seu aproveitamento á veciñanza.

 

As organizacións que nos desprazamos este luns ás oficinas de Augas de Galicia en Santiago de Compostela demandamos, en primeiro lugar, o compromiso da Xunta de Galicia cun aproveitamento público, tanto dos lagos de Meirama e As Pontes como dos se terreos vinculados, que procure resarcir as negativas consecuencias que a veciñanza das Encrobas e das Pontes tivo que padecer durante décadas debido á actividade das centrais térmicas instaladas na súa contorna.

 

É importante asemade denunciar e pór en coñecemento da cidadanía a falta de participación pública e de transparencia que está a ter esta nova tentativa de ceder aos intereses privados ámbolos dous territorios. As empresas que están a concorrer con proxectos, amparándose na protección que lles proporciona a Lei de Competencia da Xunta de Galicia, están plantexando o acaparamento dunha auga que é esencial, entre outras cuestións, para o abastecemento do Parque Natural Fragas do Eume. Sen embargo, a cidadanía neste momento non ten información nin é consciente do impacto que van ter estes proxectos.

 

Abonda xa de connivencia da administración pública cos intereses do oligopolio enerxético. Esiximos transparencia e democracia para garantir a información e participación da cidadanía. Rexeitamos a privatización das augas dos lagos de Meirama e As Pontes. Opoñémonos á destrución do noso medio rural, non permitiremos que a nosa terra sexa de novo devorada pola cobiza dos entramados enerxéticos.