Nos últimos meses unha nova ameaza planea sobre as nosas aldeas, unha INVASION EÓLICA como lle veñen chamando moitas plataformas veciñais.Diante disto, dende o Sindicato Labrego Galego apoiamos a marcha do 5 de xuñ, Día do Medio Ambiente, convocada por varios colectivos e organizacións ecoloxistas e sindicaisda Galiza.
Desde finais de 2019, o goberno galego e español tramitan en conxunto uns 75 megaparques eólicos, que se suman aos 180 xa en explotación, e que serán aprobados pola vía da urxencia e sen couto, coa idea de acadar os 5000 MW de potencia instalada en 2020. Porén a cobiza do lobby enerxético en Galiza non ten límite e pretende ata 2030 duplicar a potencia instalada, ampliando as áreas de expansión eólica a vales, zonas húmidas, agras, primeira liña de costa e, incluso, preto dos núcleos de poboación, a carón das nosas casas.
Galiza xa conta con máis de 4000 aeroxeradores instalados nos nosos montes! Neste momento xa superamos os 100 concellos con estacións eólicas. Temos o maior nº de aeroxeradores por habitante do Estado español. En 2020, a potencia instalada aquí acadou os 130 kW/km2, fronte os 54 kW/km2 do Estado español, ou os 72 kW/km2 de Alemaña.
MÁIS E MÁIS MENTIRAS
Promesas de creación de postos de traballo para fixar poboación no rural máis ben ímonos ir do rural porque non se vai poder vivir nel con muiños perto das nosas vivendas de 200 metros de altura.
As empresas enerxéticas empregan un modelo oportunista e fraudulento, que pintan de verde, como limpo e ecolóxico, esnaquizando o territorio con proxectos eólicos fragmentados para evadir a normativa legal e o pago de impostos. Mentres, nós, seguimos a pagar unha factura de electricidade cada vez máis alta.
Esta invasión de proxectos eólicos solo veñen a devaluar o noso medio de vida nas aldeas e vilas rurais, os nosos traballos e as economías locais.
O desenvolvemento sen planificar das instalacións eólicas a grande escala, en ausencia de políticas de aforro e eficiencia da enerxía, carrexaría múltiples impactos, impactos irreversíbeis. Non fan excepcións á súa localización: proximidade ás vivendas, ás granxas, á zonas de paso das aves e dos animais. Invaden tanto zonas agrogandeiras como espazos naturais protexidos
É preciso cuidar dos servizos ecossistémicos dos montes e das nascentes dos rios, que son imprescindiveis para a vida.
Prima absolutamente o interés e beneficio das grandes eléctricas fronte cunha lexislación que favorece o oligopolio enerxético fronte aos dereitos das comunidades locais. Unha normativa agravada pola Lei galega de fomento da implantación de iniciativas empresariais de 2017 e pola Lei de simplificación administrativa deste mesmo ano 2021, un complemento á xa coñecida como Lei de Depredación, que permiten axilizar a tramitación e posta en marcha dos novos proxectos eólicos restrinxindo a participación pública, facendo irrelevante a conservación do medio natural e do patrimonio, e outorgándolle ás empresas dereitos de usurpación das terras.
Se non teñen o noso respaldo e beneplácito, non se deberían construír nin seren declarados proxectos de utilidade pública. Precisan da nosa licencia social: o pobo é quen máis ordena!
Cunha produción renovable (eólica e hidroeléctrica) que supera o consumo actual, o 30% da electricidade producida na terra galega segue a exportarse fóra do país, mentres o subministro á cidadanía, empresas e industrias galegas seguen a ser dos máis caros do Estado.
Por todo isto apoiamos a marcha do día 5 de xuño !!
