A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. A fronte de organizacións sociais contrarias á revisión do Plan Forestal de Galiza reuniuse hoxe co PSOE e co BNG

A fronte de organizacións sociais contrarias á revisión do Plan Forestal de Galiza reuniuse hoxe co PSOE e co BNG

9 de Febreiro do 2021

Lei Forestal

Trala xuntanza mantida o pasado venres co grupo parlamentario do PP, representantes da fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais que se opoñen á primeira revisión do Plan Forestal de Galiza (PFG) reuníronse hoxe, 9 de febreiro, co PSOE e o BNG no Parlamento de Galiza.

A representación da fronte estivo integrada, desta vez, por Diego Sánchez Agra, Manuel da Cal, Benito Andrade, Xosé Alfredo Pereira, Cristóbal López e Belén Rodríguez, que se xuntaron ás 11:00 con Martín Seco, Carmen Rodríguez e Pablo Arambuena, do grupo socialista; e ás 12:30 con María Albert e Carme Aira, do grupo nacionalista. Ambos grupos parlamentarios escoitaron as nosas propostas e expresaron a súa intención de opoñerse e votar en contra da revisión do PFG.

Como na anterior xuntanza, hoxe se lles explicou aos deputados e deputadas do PSOE e o BNG os argumentos nos que sustentamos o noso rexeitamento á revisión do PFG e que se resume nun decálogo que se lles entregou actualizado con respecto á semana pasada:

  1. Fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal irreal e desfasado (datos de 2009), que descoñece a superficie de partida do E. Globulus e do E. Nitens. A 1ª revisión do Plan Forestal debería partir da actualización do Inventario Galego Forestal.

  2. Carece de consenso social. Na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.

  3. Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado poñendo a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais, e deixando de lado o interese público e xeral e a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais polo seu valor ecosistémico.

  4. Fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de Ha de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m³ de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m³ de cortas / ano.

  5. Propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. Nitens, pese a ter rebasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.

  6. Promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 Ha destes terreos.

  7. Favorece a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e desvía investimentos destinados a fins de conservación e servizos ambientais para fins produtivistas.

  8. Potencia a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios. Non formula solucións para as causas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.

  9. Agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentábel, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte.

  10. Alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís.

  11. Lei forestal