A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG insta á Consellaría de Medio Ambiente a asumir as súas competencias na xestión da fauna salvaxe na Galiza

O SLG insta á Consellaría de Medio Ambiente a asumir as súas competencias na xestión da fauna salvaxe na Galiza

1 de Decembro do 2020

Lobo

O pasado 23 de novembro, o coordinador do Sector de Vacún de Carne no SLG, Brais Álvarez, mantivo un encontro de traballo coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, no que tamén estiveron presentes as outras dúas organizacións agrarias. No encontro, comunicóusenos a proposta do Ministerio de Medio Ambiente para incluír o lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección (LESPRE).

Dende o Sindicato Labrego, expresamos o noso desacordo con esta medida, xa que implica empregar unha política única en todo o territorio do Estado para unha especie, cando a súa realidade é moi diferente dependendo da zona da que falemos. Actualmente, o 95% das poboacións de lobo atópanse rexistradas ao norte do río Douro, onde até o de agora esta especie ten a consideración de cinexética, condición que perdería en caso de saír adiante a proposta do Ministerio de Medio Ambiente. A nivel de xestión, declarar o lobo especie protexida implicaría despoxar a Galiza da súa capacidade para tomar decisións en canto ao estado e conservación desta especie. Cómpre destacar que, segundo os últimos datos dos que se dispoñen (2015), as poboacións de lobo en Galiza, lonxe de minguar, mantivéronse estábeis ou mesmo se incrementaron puntualmente nos últimos vinte anos. Tamén se constata que, nos últimos anos, houbo un aumento dos ataques do lobo sobre o gando, polo que incluír as poboacións de lobo do territorio galego na listaxe LESRPE é algo desproporcionado que non responde á realidade desta especie na Galiza. Diante disto, Brais Álvarez instou á Consellería de Medio Ambiente a unha actualización urxente do censo do lobo na Galiza sen a cal é imposible desenvolver políticas dirixidas a garantir a súa conservación e equilibrio poboacional.

Seguimos sen partidas orzamentarias suficientes para xestionar a fauna salvaxe

Na xuntanza mantida coa directora xeral de Patrimonio Natural, dende o SLG constatamos que a única preocupación da Consellaría de Medio Ambiente en canto á problemática da fauna salvaxe era a proposta de Madrid de incluír o lobo na LESRPE. Como xa dixemos, dende o SLG non vemos axeitada esta medida, pero tampouco nos parece que deba ser a principal preocupación da Consellería de Medio Ambiente no relativo á xestión da fauna salvaxe en territorio galego. Neste senso, cómpre lembrar que outras comunidades autónomas, como Asturias ou Cantabria, autorizan puntualmente batidas de lobos que se executan dende os propios servizos de gardaría das respectivas consellerías, en base a informes biolóxicos e censos actualizados; mentres que a Xunta de Galicia non as contempla e, nos últimos anos, practicamente nin autorizou batidas de lobos nin, polo que se ve, realizou estudos para coñecer a realidade actual das poboacións.

Outra das certezas que sacamos da xuntanza con Belén do Campo é que a Consellaría de Medio Ambiente non ten intención de aumentar as partidas orzamentarias para a prevención dos danos da fauna salvaxe, nin moito menos cubrir o 100% dos danos que estas especies producen ás explotacións agrícolas e gandeiras.

A maiores, dende o SLG expresamos a nosa preocupación diante da falla de controis sanitarios destas especies, en especial do xabaril, que noutras zonas de Europa está a actuar como vector de contaxio da peste porcina africana e favorecendo a súa propagación. Respecto disto, Belén do Campo limitouse a dicir que están estudando facer un monitoreo para controlar o número de xabarís en zonas onde existan explotacións porcinas, monitoreo que, en ningún caso, contempla un estudo sanitario para determinar ou non a existencia desta perigosa enfermidade en territorio galego.

A pesares de trasladar a directora xeral de Patrimonio Natural que dende a Xunta están en desacordo con incluír o lobo na LESRPE, dende o SLG instamos a que a Consellaría de Medio Ambiente se preocupe máis de asumir as súas competencias na xestión da fauna salvaxe en lugar de lanzar “balóns fora”. Para iso, deberían afondar nas distintas liñas de actuación que permitan a convivencia coas distintas especies de fauna salvaxe, deixando o debate actual sobre a caza destas especies nun segundo plano. Dende o SLG lembrámoslle á Consellaría de Medio Ambiente, unha vez máis, a necesidade de:

  1. Elaboración e actualización de forma urxente dun censo que permita determinar aquelas zonas onde poidan existir superpoboacións de determinadas especies de fauna salvaxe, e a busca de xeitos para acadar o equilibrio ecolóxico para que ningunha especie poña en perigo outras nin comprometa as actividades agrícolas e gandeiras.

  2. Asunción da responsabilidade civil da administración pública sobre o 100% dos danos que causan as especies de fauna salvaxe.

  3. Eliminación de zonas abandonadas que poidan servir de refuxio para a fauna silvestre próximas aos cultivos e paralización e reposición da legalidade no caso de forestacións ilegais de terras agrarias.

  4. Programa de Sanidade Animal eficaz e suficientemente dotado para o tratamento das enfermidades da fauna salvaxe, garantindo que non haxa contaxio de enfermidades infecciosas á cabana doméstica.

  5. Financiamento do 100% das medidas de protección, co aumento da partida orzamentaria destinada para tal fin.

  6. Programa de alimentación da fauna salvaxe a cargo da administración pública.