A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG insta a Medio Rural a emitir un novo informe contra a concesión mineira ao proxecto Alberta en Beariz e Avión

O SLG insta a Medio Rural a emitir un novo informe contra a concesión mineira ao proxecto Alberta en Beariz e Avión

24 de Outubro do 2020

Mina Beariz Avión

En agosto, o Sindicato Labrego Galego presentaba alegacións contra a solicitude de pasar dun permiso de investigación a unha concesión mineira por parte da empresa Recursos Minerales de Galicia SA para o proxecto mineiro Alberta I, en Beariz e Avión (ver bit.ly/MinaBearizAvión). Agora, o SLG diríxese á Consellaría de Medio Rural para pedirlle que se tome en serio os graves impactos deste proxecto e doutros que se están a tramitar por toda Galiza polas consecuencias, decotío irreversibles, que poderían ter no medio rural e nas actividades agrogandeiras e forestais.

No caso do proxecto Alberta, Medio Rural emitiu un informe limitándose a sinalar que non afectaba procesos de concentración parcelaria. Porén, están afectadas varias comunidades de montes veciñais como as de Lamacega, Betiscobo, Correa, Framia e Abeleira. Nos miles de metros cadrados que pretenden explanarse hai uns 10.000 m² de bosque de frondosas con carballos, bidueiros, salgueiros na zona de Porto Espiño, cos danos que iso provocaría no patrimonio natural. No resto dos 69.000 m² hai, na súa maior parte, repoboación de piñeiros financiada pola propia Consellaría de Medio Rural. O resto do monte de Doade está practicamente todo poboado por árbores, algunhas nacidas de xeito espontáneo e o resto repoboado, na súa maior parte, con piñeiros e algunha pequena zona con bidueiros e castiñeiros.

En canto á actividade pecuaria, nos montes de Correa, Framia e Abeleira existe unha explotación de gando vacún con case un cento de reses na que a Consellería de Medio Rural financiou varios quilómetros de peches, manga de manexo, pasos canadenses e outras infraestruturas. Ademais, no entorno dos lugares de Doade (Beariz) e Acevedo (Avión) tamén se aproveitan os pastos en extensivo por gando vacún e cabalar.

Dende o SLG, pedímoslle a Medio Rural non só que deixe de ignorar as consecuencias desastrosas que as actividades mineiras poden ter na área que xestiona, senón que adopte un rol proactivo no seo do seu organigrama e dea indicacións ás distintas direccións xerais con competencias para realizar informes de cara a avaliar exhaustivamente e denunciar os distintos impactos da minaría nas actividades agropecuarias.

Consideramos de extrema gravidade e un abandono de funcións que a Consellaría de Medio Rural siga calada diante da proliferación de proxectos mineiros por toda Galiza que coliden contra os intereses que debería defender. Que do proxecto Alberta o único que diga Medio Rural sexa que non afecta ningunha concentración parcelaria, ignorando o resto de impactos que o SLG denunciou coas súas alegacións, parécenos unha omisión de responsabilidades que roza a prevaricación. Non esquezamos que o proxecto Alberta afecta a solo rústico de protección agropecuaria e forestal, polo que o informe de Medio Rural é manifestamente insuficiente, unha deficiencia que só pode beneficiar á empresa mineira promotora.