A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O IV Foro Labrego de Agroecoloxía abordará os retos da emerxencia climática para a agricultura

O IV Foro Labrego de Agroecoloxía abordará os retos da emerxencia climática para a agricultura

14 de Novembro do 2019

Presentación IV Foro

O Sindicato Labrego Galego volve colaborar na organización do Foro Labrego de Agrecoloxía, un evento que chega á súa cuarta edición en 2019 e que, desta vez, escolleu o Convento Franciscano de Herbón (Padrón) para desenvolver o seu programa os días 16 e 17 de novembro. Nesta ocasión, tal e como adianta o xogo de palabras que dá título ao Foro -”Soberanía climática, emerxencia alimentaria”-, as diversas palestras e obradoiros virarán ao redor dunha cuestión candente como a crise por emerxencia climática.Como en edicións pasadas, o Foro está organizado pola Asociación Herbamoura e ten o financiamento da Deputación da Coruña.

Para presentar o evento, o SLG ofreceu, o 13 de novembro, unha rolda de prensa na que participaron Henrique Outes, vicerresponsábel da Dirección de Horta do SLG, e Pura Seoane Alvela, labrega ecolóxica.

Pura Seoane explicou que son, precisamente, os labregos e labregas quen están vivindo de cheo o cambio climático na súa profesión, con alteracións nos ciclos de choivas e secas, coa aparición de pragas e enfermidades fóra de época, etcétera, feitos que se traducen nun fondo sentimento de incerteza e impotencia. Máis alá de como lles afecta aos labregos e labregas na súa vida diaria o cambio climático, todos estes síntomas tradúcense “no berro da terra, que é tamén o berro do planeta. Eu que traballo a terra cada día, síntoa berrar”.

Por iso, para Pura Seoane son necesarios foros como este de agroecoloxía que se vai celebrar esta fin de semana, xa que “como labrega, síntome coa responsabilidade de trasladar ese berro da terra á sociedade e de poñelo en común con outras persoas que loitan ou están dispostas a loitar contra o cambio climático”.

Un programa ambicioso que contará con figuras de primeiro nivel nos seus ámbitos e especialidades

Máis centrado no programa, Henrique Outes destacou a ambición do Foro Labrego de Agroecoloxía neste 2019, xa que aborda por primeira vez a crise de emerxencia climática dende o punto de vista da agricultura. “Probablemente, non se fixo un evento centrado en agricultura e cambio climático cun programa tan completo coma este nin no Estado nin a nivel europeo. Ademais, contaremos con persoas que son auténticas referencias nos seus eidos como Xosé Veiras en cambio climático, Xan Xosé Neira en recursos hídricos aplicados á agricultura, Xoán Doldán ou Begoña de Bernardo en cuestións relacionadas co decrecemento económico, Pablo Meira na percepción da sociedade respecto da emerxencia climática ou Lidia Senra nas políticas europeas que se están a desenvolver ao respecto”.

Así, o sábado encargaranse de abrir as intervencións Xosé Veiras, biólogo experto en cambio climático; Isabel Vilalba Seivane, labrega e secretaria xeral do SLG; e Pablo Meira, do Grupo de Investigación en "Pedagoxía Social e Educación Ambiental" (SEPA-interea), da Universidade de Santiago de Compostela. E farano na palestra “Como afecta o cambio climático ás producións labregas?”.

De seguido, teremos cinco labregos e labregas convidadas que, a través do seu exemplo, explicarán as “Alternativas labregas de loita contra o cambio climático”. Neste caso, Santi Rodríguez Cid falará de tracción animal, Antonio Carral e Alejandra González de agricultura rexenerativa, Belén Fervenza de horticultura e sementes e Bernardo Estévez de viticultura biodinámica.

Xa pola tarde, analizaranse as políticas de cambio climático que se están a desenvolver en diversos ámbitos, coa ex-eurodeputada Lidia Senra, que nos falará dende unha perspectiva europea; Javier Alonso, experto no sector agroalimentario de COAG, que abordará a cuestión dende unha óptica estatal; e Begoña de Bernardo, presidenta de Véspera de Nada e impulsora do Centro para a Resiliencia Pousadoira, que tratará a perspectiva galega.

A xornada do 16 de novembro rematará cun obradoiro de traballo en grupos coordinado por Feitoría Verde no que desenvolverá unha treboada de ideas para responder á pregunta “E nós, como labregas e consumidoras, como podemos organizarnos?”.

Rolda de prensa IV Foro

As consumidoras e consumidores teñen un papel fundamental no quecemento global do planeta

O domingo estará máis centrado no noso papel como consumidores e consumidoras á hora de loitar contra o cambio climático. Comezarán a xornada tres voces que explicarán de que maneira o noso modelo de consumo pode frear o cambio climático: Daniel Rodicio, da Mocidade do SLG, analizará o impacto do consumo de carne segundo o modelo produtivo; Nanda Couñago, de Amarante Setem, o consumo de produtos téxtiles; e Patricia Iglesias, de Amig@s da Terra, o impacto do transporte de alimentos nas emisións de gases con efecto invernadoiro.

Seguirá unha palestra na que se abordarán alternativas de consumo para loitar activamente contra o quecemento global do planeta. Nela, Iván Rodríguez Lombardero, coordinador do SLG na Mariña e xeólogo ambiental membro da Rede de Decrecemento Eo-Navia, falará de consumo enerxético; Xoán Doldán, decano da facultade de Económicas da USC e vicepresidente de Véspera de Nada, do consumo tecnolóxico e a depredación de recursos que implica; Xan Xosé Neira Seijo, profesor da Escola Politécnica de Lugo, do consumo agrario de auga segundo o modelo produtivo utilizado; mentres que María R. Lafuente, de Adega, explicará como é a xestión de residuos no Concello de Allariz.

O Foro rematará cunha palestra na que se reflexionará sobre os diversos escenarios cara aos que nos leva o actual ritmo de consumo e produción, así como a crecente escaseza de recursos minerais e enerxéticos, da man de Nacho Jorganes (Verdegaia), Belén Rodríguez (Adega) e unha representante do movemento Extinction Rebellion.

Dende a Asociación Herbamoura e o Sindicato Labrego Galego agardamos que esta nova cita do Foro Labrego de Agroecoloxía sirva para achegar novas ideas e azos para construírmos un modelo agrícola e alimentario alternativo e baseado en premisas como o respecto ao medio ambiente, o coidado da saúde das persoas, a xustiza social ou a soberanía alimentaria; e tamén, nestes tempos de emerxencia climática a nivel planetario, que contribúa, a maiores, a arrefriar o planeta. Porque a agricultura, a gandería e os sistemas alimentarios poden e deben ser parte da solución ao problema do quecemento global, e non unha das súas principais causas, tal e como acontece agora.

Presentación IV Foro