A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Aperfasa, Fruga, Ovica e SLG inician unha campaña para demandar solucións aos danos da fauna salvaxe

Aperfasa, Fruga, Ovica e SLG inician unha campaña para demandar solucións aos danos da fauna salvaxe

8 de Maio do 2019

Manifestación Fauna Salvaxe

A Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa), Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), Federación Rural Galega (Fruga) e Sindicato Labrego Galego (SLG) reuniron en Compostela, o 8 de maio, varios centos de gandeiros e gandeiras de toda Galiza para reclamar solucións urxentes aos danos provocados pola fauna salvaxe. E fixérono cunha marcha que comezou sobre as 12:00 na Consellaría de Medio Rural, en San Caetano, e transcorreu até a Consellaría de Medio Ambiente, en San Lázaro, para bater potas e tixolas diante da administración competente para ver se así escoita dunha vez por todas unhas demandas que levan anos desoíndo.

En ambas consellarías, rexistráronse escritos para facer chegar as reivindicacións de miles de granxas que, en moitas comarcas, están ao borde do peche por non poder seguir aturando as perdas millonarias que especies como o xabaril ou o lobo causan cada ano nas granxas. As persoas que se encargaron de rexistrar os documentos foron Xosé Antonio Muíño (Aperfasa), Diego Fernández González (Ovica), Xurxo Álvarez (Fruga) e Isabel Vilalba Seivane (Sindicato Labrego Galego). No remate da manifestación, fronte á sede da Consellaría de Medio Ambiente, o gandeiro Roberto Louzán, de Cotobade (Pontevedra), e a gandeira Clara Basanta Cartea, de Trabada (Lugo), leron un manifesto e deixaron claro que este só era o comezo dunha campaña de mobilizacións que non rematará até que a Xunta atenda estas demandas:

1.- REDUCIÓN INMEDIATA DOS DANOS-POBOACIÓNS. A xestión da fauna silvestre é unha competencia única e exclusiva da administración pública. Esiximos a elaboración urxente dun mapa de zonas nas que se están a rexistrar superpoboacións dalgunhas especies e, en consecuencia, a redución inmediata nestas comarcas do número de exemplares para termos un equilibrio ecolóxico no que ningunha especie poña en perigo ás outras ou que comprometan a actividade agrícola e gandeira. Resulta imprescindible a análise das causas que deron lugar a esta situación de danos graves e desequilibrio e a posta en marcha dun plan de xestión, con medidas urxentes e outras a medio prazo, e coa participación de todos os colectivos interesados. Na actualidade hai poboacións cun desproporcionado número de exemplares que están a causar enormes perdas económicas polos danos en cultivos ou ben na cabana gandeira. A agricultura e gandería deben ser consideradas actividades esenciais para a conservación do medio natural, a biodiversidade e a loita contra os incendios forestais. Os danos da fauna silvestre están a afectar en gran medida ao modelo agrícola máis sostible a nivel ecolóxico, como é o caso da gandería extensiva e mesmo a razas en perigo de extinción, como é o caso do cabalo galego, ovella galega e outras razas autóctonas. Nos casos de danos reiterados é imprescindible que a Xunta de Galicia poña en marcha medidas para reducir o número de exemplares nesas zonas. É imprescindible a elaboración urxente dun censo real, comarcalizado e actualizado das poboacións de xabarín e lobo. Para determinar un censo que se considere equilibrado debe considerarse non só a superficie forestal, como acontece na actualidade, senón as necesidades de alimento desas poboacións, que non poden recaer de xeito principal nos cultivos e animais da xente agricultora e gandeira. Neste momento debe atenderse á situación excepcional da superpoboación, coas consideración de praga, do xabarín, en toda a comunidade, que afecta gravemente á agricultura e gandería e aos ecosistemas naturais, imposibilitando a convivencia, e en consecuencia acordar e pór en marcha con urxencia medidas de redución de exemplares. Debe implantarse así mesmo un programa de incentivos e penalizacións dos tecores, que poden ir dende o económico ás licenzas, segundo o grao de compromiso e cumprimento dos programas de redución de danos. A xente afectada, se non hai actuación dos tecores, terá dereito a esixir directamente medidas preventivas para evitar que se sigan a producir danos, tales como que outros tecores podan actuar nese territorio.

2.- ASUNCIÓN DA RESPONSABILIDADE CIVIL DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA SOBRE O 100% DOS DANOS. A xestión da fauna silvestre é unha competencia da administración pública e o seu mantemento debe ser asumido polo conxunto da sociedade, recoñecendo a responsabilidade civil subsidiaria e remunerando a totalidade dos danos ocasionados polas distintas especies da fauna silvestre (xabarín, lobo, corzo, corvos…). Neste sentido, cubriranse as perdas tanto directas como indirectas a valor de mercado. Esiximos que no menor prazo posible se cree o fondo de corresponsabilidade previsto na actual Lei de Caza co fin de sufragar o 100% dos danos. Os pagos deben ser inmediatos e cubrir a totalidade dos gastos ou custos de reposición nos que tivesen que incorrer as persoas que sofren os ataques. Actualmente hai moitos danos que non se están a cubrir, as contías son moi inferiores ás perdas e mesmo hai danos de especies que non se cobren en absoluto.

3.- ELIMINACIÓN DE ZONAS ABANDONAS QUE PODAN SERVIR DE REFUXIO PARA A FAUNA SILVESTRE PRÓXIMAS AOS CULTIVOS. PARALIZACIÓN E REPOSICIÓN DA LEGALIDADE NO CASO DE FORESTACIÓNS ILEGAIS DE TERRAS AGRARIAS

4.- PROGRAMA DE SANIDADE ANIMAL EFICAZ E SUFICIENTEMENTE DOTADO PARA O TRATAMENTO DAS ENFERMIDADES DA FAUNA SILVESTRE E QUE GARANTA QUE NON HAXA UN CONTAXIO DE ENFERMIDADES Á CABANA DOMÉSTICA (tuberculose, brucelose, peste porcina, triquinose, sarna…) Está a haber un incremento alarmante das enfermidades de carácter contaxioso propagadas por especies salvaxes dentro e fóra de Galiza. Así estamos asistindo á aparición de novos focos de peste porcina africana, tuberculose bovina ou brucelose no gando; ou a transmisión da Enfermidade de Lyme nas persoas a través da carracha do corzo (Ixodes ricinus), que pode causar graves consecuencias na saúde humana e mesmo a morte. Agora mesmo, non se está a facer practicamente nada ao respecto e debería haber un programa de control sanitario suficientemente dotado en orzamento e medios para evitar futuras crises sanitarias e que involucrase consellarías como Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade.

5.- FINANCIAMENTO DO 100% DAS MEDIDAS DE PROTECCIÓN MÁIS ACAÍDAS A CADA CASO como mallas electrificadas, adquisición e cobertura de custes na tenza de cans gardiáns, etc.

6.- PROGRAMA DE ALIMENTACIÓN DA FAUNA SILVESTRE A CARGO DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA. Posta en marcha e financiamento público dun programa para a plantación en terreos forestais de suficientes árbores con froito ou cultivos destinados á alimentación da fauna silvestre e compensación de persoas propietarias que planten árbores con esta función e teñan unha rendibilidade menor durante anos ás especies de crecemento rápido, así como o estudo do impacto de medidas como que algúns cadáveres podan quedar no medio.

Manifestación Fauna salvaxe