Tareixa Ledo Regal presentou, o 18 de decembro no Auditorio de Galiza (Compostela), o seu libro “Lidia Senra Rodríguez. Historia dun liderado entrañable”, publicado por Edicións Laiovento. E fíxoo arroupada por máis de trescentas persoas que asistiron ao acto, e xunto á secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire; Xosé Manuel Beiras, en representación da editorial; Isabel Vilalba, responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG; e á propia Lidia Senra.

Guiados e guiadas pola palabra de Isabel Vilalba, que exerceu de moderadora, a primeira en falar foi Carme Freire, que se referiu a Lidia Senra como “parte indisoluble da historia do Sindicato Labrego, de Galiza e do mundo, unha muller labrega que fai historia por ser como é, por crer no que cre e, sobre todo, por facer como fai”. Respecto do libro de Tareixa Ledo, Freire destacou o mérito da autora “de estudar e de compartir con nós o relato da construción colectiva dunha revolución. Unha revolución máis calada que outras, pero non por iso menos revolucionaria, que se está a producir no Sindicato Labrego Galego e que se enfronta ao máis difícil: loitar dende a crenza profunda de que un mundo mellor é posible, e de que se poden vencer todas as políticas neoliberais que nos esnaquizan como persoas e como pobos”.

Como representante de Edicións Laiovento, Xosé Manuel Beiras afirmou que era unha “honra” publicar este libro, e enlazou a traxectoria de Lidia Senra coa de mulleres loitadoras da historia de Galiza, como María Balteira ou María Castaña.

Tamén interveu a hoxe secretaria de organización do SLG, Lidia Senra, que quixo centrar o protagonismo do acto nas mulleres labregas, parte fundamental da nosa historia e que, grazas a este libro, rachan o seu silenzo despois de tantos anos de anonimato. Senra tivo palabras especiais de agradecemento para toda aquela xente que fixo posible que fose elixida secretaria xeral do SLG, na primavera de 1989, o cal supuxo o inicio dun proceso de emerxencia das mulleres desta organización agraria que hoxe se plasma en feitos como a paridade en todos os órganos de dirección. Rematou Senra expresando a súa esperanza en que o libro de Tareixa Ledo contribúa a avanzar na loita global pola igualdade das mulleres e en reivindicacións concretas como a cotitularidade de labregos e labregas nas explotaciós agrarias.

Finalmente, a autora do libro, Tareixa Ledo Regal, explicou o contido do libro e o significado do “liderado entrañable” que exemplifica en Lidia Senra. Ledo contrapuxo o xeito clásico de liderar, vencellado polo xeral a esquemas machistas e de carácter frío, piramidal e mandatario; con outro xeito de liderar que está sendo reinventado por mulleres como Lidia Senra, que se caracteriza pola súa calidez, proximidade e confianza coas persoas. Boa parte da intervención de Tareixa Ledo centrouse tamén en “poñer en valor a vida e a contribución das mulleres labregas”, protagonistas do seu libro xunto á ex-secretaria xeral do SLG.

Se a música do grupo Caivanca foi a que abriu o acto, tamén había ser musical o remate, cun emotivo recital de Mini e Mero que puxo o punto e a parte co “Sementar, sementarei”, de Fuxan os ventos, para dar continuidade á xornada coa participación do público, un xantar feito exclusivamente con produtos labregos, e varias actuacións musicais e intervencións persoais ao longo de toda a tarde.

Lidia Senra xunto á autora do libro, Tareixa Ledo Regal.

A responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG encargouse de conducir o acto.

As butacas da sala Mozart, no Auditorio de Galiza, non chegaron para as máis de trescentas persoas que asistiron ao acto.
