A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. O Sindicato Labrego Galego celebra esta fin de semana en Nigrán o XIV Encontro da Secretaría das Mulleres

O Sindicato Labrego Galego celebra esta fin de semana en Nigrán o XIV Encontro da Secretaría das Mulleres

7 de Marzo do 2019

Rolda XIV Encontro Mulleres

O Sindicato Labrego Galego presentou, o 6 de marzo, o XIV Encontro da Secretaría das Mulleres. Foi a responsábel desta área da organización agraria, María Ferreiro, a encargada de comparecer diante dos medios de comunicación para falar dun evento que, nesta ocasión, versará sobre “Corpo e Territorio”.

Baixo esta premisa, o 9 e o 10 de marzo desenvolverase en Nigrán un programa de actividades que incluirá a participación da secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, para falar da mercantilización do territorio, e da activista feminista, Nanina Santos, para facer outro tanto sobre a mercantilización dos corpos. Outras actividades ao redor destas temáticas durante a fin de semana serán a proxección do documental “Benvidas ao club”, sobre o tráfico de mulleres e a explotación sexual ligadas ao Caso Carioca, no que se contará coa directora do filme, Carmen PG Granxeiro; ou unha palestra na que se coñecerán de primeira man proxectos liderados por mulleres como Fóra do Linde (tracción animal, horta ecolóxica, venda directa, etc. En Allariz) ou Monte de Vincios (xestión ecofeminista do monte en Gondomar).

POR QUE AS LABREGAS FARÁN FOLGA O 8 DE MARZO

Aproveitando a comparecencia diante dos medios de comunicación, María Ferreiro tamén falou da implicación do Sindicato Labrego Galego na Folga de Mulleres do 8 de marzo, da que esta organización agraria foi un dos colectivos que convocan, tanto este ano como o ano pasado. Para Ferreiro, está plenamente xustificada a participación das labregas galegas, tanto no eido laboral, como no dos coidados ou no do consumo:

  • Folga laboral: No eido laboral, explicou Ferreiro, “hai moitas mulleres labregas que non están cotizando a Seguridade Social e que, nun plano laboral están a ser totalmente invisibilizadas, consideradas polo sistema como simple axuda familiar. Nesta problemática segue candente a cuestión da titularidade compartida nas explotacións: na Galiza, estímase que unhas 30.000 labregas non son titulares da explotación familiar na que traballan a diario. A pesares de que existe unha lei que permite a cotitularidade nas granxas dende 2011, para propiciar a igualdade de dereitos laborais na profesión agraria, na Galiza só se deron de alta como cotitulares 18 mulleres dende aquela”. No conxunto do Estado, a proporción é de 350.000 labregas non titulares e 522 altas na cotitularidade (datos actualizados a decembro de 2018).

  • Folga de coidados: “No rural existe unha forte división sexual do traballo”, proseguiu a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, “e a parte dos coidados está asumida maioritariamente polas mulleres. Ademais, no rural dáse a circunstancia de que os servizos e recursos para conciliar a vida familiar e laboral -residencias, garderías, centros de día, etc.- son practicamente inexistentes”.

  • Folga de consumo: “Como organización e como mulleres labregas levamos moito tempo cuestionando o consumismo irracional no que se basea o noso sistema económico e alimentario. Somos produtoras de alimentos, pero percibimos uns prezos irrisorios por eles en comparación co que pagan polo produto final consumidores e consumidoras, con marxes comerciais que decotío superan o 1.000%. Por iso, apoiamos a folga de consumo tamén, porque é necesario repensar que consumimos e de que maneira o facemos, pensar nas condicións laborais e na remuneración do traballo agrario que se agachan detrás de cada alimento que mercamos”.

XIV Encontro Mulleres