A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Sindicato Labrego, CUT e Sindicato Ferroviario-Intersindical rexistramos o preaviso para a Folga de Mulleres do 8M

Sindicato Labrego, CUT e Sindicato Ferroviario-Intersindical rexistramos o preaviso para a Folga de Mulleres do 8M

4 de Febreiro do 2019

Folga Feminista

O 31 de xaneiro, a CUT, Sindicato Labrego Galego (representado por María Ferreiro, responsábel da Secretaría das Mulleres) e Sindicato Ferroviario-Intersindical rexistramos na Consellería de Traballo o preaviso de convocatoria de folga de 24 horas para o vindeiro 8 de marzo, tal e como fixemos as tres organizacións sindicais o ano pasado seguindo o mandato dos movementos feministas.  De seguido, compartimos con vós o texto principal do preaviso:

PRIMEIRO.- ANTECEDENTES

Somos múltiples e diversas as mulleres que nos ergueremos este 8 de marzo de 2019 para denunciar que, precisamente, o feito de ser muller é a nosa principal causa de pobreza. Xuntámonos as obreiras para esta folga de mulleres de 24 horas. Somos as mulleres do rural e do urbano, as traballadoras do sector sector produtivo e reprodutivo, asalariado e sen asalariar. Somos paias, xitanas, migradas e racializadas. Temos tódalas idades e desexamos como lésbicas, bisexuais, heteros. Somos queer e somos trans.

Somos as tolas, as introvertidas e as lerchas. Somos as arrancadas da rúa. As asasinadas, as presas e as deportadas. Somos as humilladas, marxinadas e excluídas por ser mulleres que reivindican o seu dereito a unha vida libre de violencias, sen medo, unha vida digna de ser vivida.

Reivindicamos o noso dereito a movernos en liberdade por todos os espazos e a todas horas. Sinalamos a violencia sexual como a apropiación patriarcal dos nosos corpos, que afecta dun xeito máis cru ás mulleres en situación de ulnerabilidade como ás mulleres migradas e as traballadoras sexuais e as traballadoras do fogar.

Esiximos a dignificación do traballo dos coidados que sostén a vida. O capitalismo quere que desenvolvamos o traballo dos coidados de forma gratuíta e precaria para seguir a valerse da nosa vida e do noso corpo para perpetuarse. Dicimos basta e reivindicamos o traballo dos coidados como un traballo de ben social de primeira orde.

Esiximos os mesmos salarios e as mesmas condicións laborais que os homes polo mesmo traballo. Reivindicamos o noso dereito a sermos mulleres libres en territorios liberados. Reivindicamos que a nosa situación laboral nos permita desenvolver un proxecto vital con dignidade e autonomía.

Esiximos pensións de calidade. Esiximos que o embarazo ou os coidados non sexan obxecto de despedimento nin de marxinación laboral. Exisimos a ratificación do convenio 189 da OIT que regula o traballo do fogar. Esiximos dereitos laborais para as traballadoras sexuais. Berramos contra este sistema patriarcal, capitalista e colonial que arrasa coas nosas vidas.

Por iso decidimos, todas nós, ao berro de Todas con dereitos, ningunha con medo, dende o corazón da clase obreira e en simbiose co movemento feminista galego, convocamos esta folga xeral de 24 horas.

SEGUNDO.- OBXECTIVOS

Son obxectivos da folga legal os seguintes:

1.- As mesmas condicións laborais das mulleres e a fin da desigualdade laboral, mediante a consecución da supresión da fenda salarial.

2.- A fin da desigualdade no recoñecemento das prestacións sociais.

3.- A fin de réximes da Seguridade Social que castigan especificamente ás mulleres coa exclusión de prestacións de desemprego como é o Réxime Especial de Emprego no Fogar para a súa definitiva inclusión no Réxime Xeral.

4.- Por unha expansión dos dereitos básicos relacionados coa conciliación da vida persoal, laboral e familiar, que atenda ao dereito a vivir unha vida digna.

5.- Pola desaparición da discriminación no acceso ao emprego e a diminución da taxa de desemprego das mulleres.

6.- Polo establecemento de mecanismos legais para a erradicación do acoso sexual no ámbito laboral así como do acoso laboral; por estratexias efectivas de eliminación da precariedade laboral e da parcialidade e temporalidade asociada á contratación de mulleres.

7.- Derrogación da Lei de Estranxeiría e dos seus regulamentos e instrumentos represivos e pola saída inmediata do espazo Schenguen.

8.- Pola fin da externalización dos servizos públicos e as políticas neoliberais europeas que condenan á infravida ás mulleres.

9.- Pola igualdade e a equidade entre todas as mulleres, pola fin da exclusión das mulleres con diversidades funcionais.

10.- Pola fin da patoloxización e invisibilización das identidades trans.

11.- Pola fin da heteronormatividade.

12.- Contra o modelo penitenciario, punitivo e represivo, e na defensa dos dereitos das mulleres presas.

13.- Pola fin da persecución das prostitutas/traballadoras sexuais e na defensa de que sexan estas quen determinen o seu propio marco de dereitos e de autoorganización.

14.- Na defensa dos dereitos reprodutivos e da exclusiva capacidade das mulleres para decidírmonos sobre o noso propio corpo.

TERCEIRO.- DURACIÓN E HORARIO DA FOLGA

A folga xeral terá a duración DUN DÍA, iniciándose ás 00:00 horas do 8 de marzo, e finalizando ás 24:00 horas dese mesmo día. Especificamente, e para todas aquelas mulleres traballadoras do sector da prensa escrita (xornais), a folga iniciarase ás 00:00 horas do 7 de marzo, e finalizará ás 24:00 horas dese mesmo día, tendo tamén a duración DUN DÍA.

CUARTO.- AFECTACIÓN DA FOLGA E ÁMBITO XEOGRÁFICO

Esta convocatoria afecta exclusiva e universalmente a todas as mulleres traballadoras de Galiza (Comunidade Autónoma Galega), xa sexan empregadas públicas, de calquera réxime ou vínculo, xa sexan traballadoras dos restantes sectores produtivos, e de todos os centros de traballo, así como do tecido reprodutivo galego. Esta convocatoria está aberta ademais a todas aquelas persoas que estean sometidas á diferentes violencias patriarcais como reacción ao seu xénero.

(...)