A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. 25N: A Secretaría das Mulleres do SLG esixe solucións á alta incidencia da violencia machista no rural

25N: A Secretaría das Mulleres do SLG esixe solucións á alta incidencia da violencia machista no rural

22 de Novembro do 2018

25N SLG Vilalba

Con motivo do 25 de novembro, Día contra a Violencia Machista, a Secretaría das Mulleres do SLG e o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) organizamos unha xornada de reflexión e debate en Vilalba. Será o sábado 24 de novembro, a partir das 18:00 horas na Casa de Cultura vilalbesa, e nela participarán María Ferreiro, responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG;-Marisa Barreiro, presidenta do Iescha; e Tania Merelas, doutora en Ciencias da Educación, experta en Xénero e Políticas Públicas de Igualdade e autora do libro Comezar desde cero. Voces de mulleres recuperando as súas vidas.

Un dos principais temas desta xornada será a alta incidencia da violencia machista no rural. Se atendemos ao último informe estatístico do Consello Xeral do Poder Xudicial, correspondente a 2015, a violencia machista ten maior incidencia nas zonas rurais que nas grandes cidades. Ese ano, o 55% dos casos de violencia a nivel estatal déronse en núcleos cunha poboación feminina inferior a 25.000 mulleres; o 31'6% se falamos de poboacións inferiores a 10.000. Esta alta incidencia da violencia machista en zonas decotío rurais, dáse tamén na Galiza: dos seis feminicidios rexistrados en 2017, cinco foron en concellos destas características (O Carballiño, A Estrada, Boiro, Redondela e Rianxo); dos tres feminicidios de 2018, dous (O Porriño e Cabana de Bergantiños).

A nivel de Estado, dende o Observatorio da Violencia denuncian que a incidencia dos asasinatos machistas é até catro veces superior en zonas rurais que en ámbitos urbanos. Sen ir máis lonxe, en 2017 tivemos “a peor cifra de vítimas mortais de violencia de xénero no ámbito rural, xa que o 60% do total residían en municipios rurais”.

O illamento; a carencia de transporte público cando non se ten acceso a un automóbil; a deficiente cobertura nas telecomunicacións; a inexistencia de servizos sociais, sanitarios ou de seguridade preto do domicilio; o temor ao desprestixio social nun entorno onde todas as persoas se coñecen; ou, no caso particular das labregas, a falta de acceso a uns ingresos propios polo seu traballo ao non ser titulares da granxa, son lastres que condenan a moitas mulleres do rural e labregas a padecer en silencio e sen apoios a violencia machista.

En vésperas do 25 de novembro, queremos lembrar que estes lastres son consecuencia directa do abandono do rural, do desmantelamento dos servizos públicos, da emigración forzosa por non haber futuro laboral. Dende xaneiro de 2012, cando se aprobou a Lei de Titularidade Compartida, na Galiza só se deron de alta como titulares da granxa familiar na que traballan 18 labregas, cando as estimacións que se facían daquela falaban de 35.000 que podían acollerse á lei. Miles de mulleres que carecen de dereitos laborais ou de ingresos propios e que, polo tanto, se atopan nunha situación de extrema vulnerabilidade en casos de violencia machista.

A alta incidencia da violencia machista debe obrigar ás autoridades a poñer en marcha, dunha vez por todas, políticas ambiciosas que sexan realmente efectivas á hora de rematar con esta lacra; pero, dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, queremos lembrar que esas medidas só serán papel mollado nas zonas rurais se seguen sumidas no proceso de deterioro, abandono e desmantelamento no que levan décadas e que, trala crise, non fixo máis que agravarse.

Cartaz SLG 25N