A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Aumentan as perdas por mor da EHE. Esiximos á CMR axudas que cubran a totalidade de custos derivados

Aumentan as perdas por mor da EHE. Esiximos á CMR axudas que cubran a totalidade de custos derivados

30 de Outubro do 2023

ehe2

Demandamos máis información ao sector, investigación pública, medidas preventivas e máis rapidez no servizo veterinario oficial. Iniciamos unha campaña de recollida de datos nas granxas ante a posibilidade de que a CMR estea a minimizar o impacto da EHE

Nas últimas semanas estase dando un incremento de casos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nas granxas galegas de gando vacún. A Consellaría do Medio Rural réstalle gravidade a esta enfermidade aludindo a unha baixa incidencia, malia que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) tenlle advertido das perdas que se están a producir nas granxas, moitas delas xa de por si nunha complicada situación económica por mor do ascenso de custos de produción e/ou descenso do prezo do leite, no caso do sector lácteo.

Dende o Sindicato Labrego esiximos que a Consellaría asuma as súas responsabilidades e estableza unha interlocución co Ministerio de Agricultura a fin de habilitar axudas para compensar ao sector, completando con partidas autonómicas aquelas contías non cubertas polo Goberno central. Estas medidas de apoio ás granxas deberán abordar non só a compensación por animais mortos, senón tamén todos aqueles custos asociados á morte ou morbilidade animal, tales como o lucro cesante, os servizos e tratamentos veterinarios, o sacrificio ou as medidas de desinsectización.

Neste sentido, dende o Sindicato Labrego queremos pedir ao Conselleiro que non xogue a enganar ao sector dando a entender nos medios de comunicación públicos que se vai activar unha axuda para paliar as mortes de animais pola EHE, cando na realidade o programa de axudas ao que alude é un procedemento xeral xa existente, e polo tanto non unha medida específica para facer fronte á Enfermidade Hemorráxica Epizoótica.

A Consellaría do Medio Rural debe tamén proporcionar máis información ás gandeiras e gandeiros, así como dinamizar a consecución de fondos para proxectos de investigación pública que axuden a desenvolver medidas preventivas para este tipo de novas enfermidades no gando. De xeito urxente, a CMR debería realizar as xestións oportunas para axilizar o servizo veterinario oficial, xa que o aumento do número de casos require dun número maior de persoal para facelo. Aliás, a día de hoxe o Laboratorio Central de Veterinaria de Alguete, encargado de analizar as mostras, acumula demoras de semanas na notificación dos resultados. Neste sentido, se ben este centro depende do Ministerio de Agricultura, dende o SLG-CCLL consideramos pertinente que a Consellaría estude o reforzo desas probas no laboratorio de sanidade e patoloxía animal LASAPAGA de Mabegondo, activando recursos propios tal e como están facendo outras comunidades autónomas.

Recollida de datos

Como sinalamos a finais de setembro, constatamos unha falta de información e transparencia por parte da CMR ao respecto desta nova enfermidade nas explotacións gandeiras. Obviando a crecente intranquilidade nas granxas, un mes despois da detección dos primeiros casos na Galiza, o conselleiro José González Vázquez segue sen contar cos axentes do sector nin activar medidas para dar unha resposta inmediata.

Dende o Sindicato Labrego Galego vimos de iniciar unha campaña de recollida de datos nas distintas comarcas a fin de concretar o grao de incidencia da EHE na cabana gandeira, así como todas aquelas perdas económicas derivadas da mesma, que como sinalamos van dende o lucro cesante por perda de produción ou a afección na capacidade reprodutiva -tanto en leite como en carne-, até os servizos veterinarios, sacrificio de animais, medicamentos ou deinsectantes, gastos que as gandeiras e gandeiros están tendo que afrontar en solitario.

Paralelamente á recollida de datos de incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, valoramos a posibilidade de iniciar mobilizacións fronte á Consellaría do Medio Rural, habida conta da preocupación ao respecto de que a ineficacia da CMR con esta problemática acade o nivel de desleixo amosado co da lingua azul, enfermidade transmitida precisamente polo mesmo mosquito que a EHE.