A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O leite en ecolóxico reivindica revalorización do produto, prezos xustos e implicación institucional

O leite en ecolóxico reivindica revalorización do produto, prezos xustos e implicación institucional

22 de Abril do 2022

Teixeiro_leiteEco

Alertan do estancamento de prezos baixos de industrias como Celta e demandan un prezo de partida de 55 cts/l máis calidades. Solicitan garantir a compra para centros públicos, promoción específica, medidas para cubrir custos e frear a caída prezos.

Arredor dunha quinta parte das granxas produtoras de leite ecolóxico do noso país secundaron na tarde de onte a convocatoria de xuntanza aberta realizada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Museo Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro, Curtis).

No encontro analizouse e debatouse a situación do sector e as necesidades das gandeiras e gandeiros de leite en ecolóxico; aportouse información sobre a situación no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galiza (CRAEGA) e elaboráronse propostas de traballo para defender e fortalecer ao sector.

Malia contar con tan só 113 explotacións no CRAEGA -20 delas presentes na xuntanza de hoxe-, na Galiza producimos máis da metade do leite ecolóxico a nivel estatal. Logo duns anos de incremento na cantidade de leite producido e comercializado, atopámonos arestora cunha situación na que as industrias afirman que “non hai mercado” para o leite ecolóxico. Nesta coiuntura, o prezo do litro de leite en ecolóxico baixou en todo o Estado español, padecendo as produtoras galegas un dos máis baixos de todo o territorio.

Neste senso, as granxas presentes no encontro sinalaron especificamente a situación de estancamento en prezos baixos de Leite Celta -a segunda empresa en volume de recollida de leite ecolóxico na Galiza, logo de Lactalis-, manifestando a súa disposicón a iniciar accións para reivindicar ás industrias un prezo mínimo de partida de 55 cts/l máis primas.

Canda esta dificultade -estreitamente vinculada ás carencias na revalorización do leite ecolóxico a nivel europeo nos últimos anos-, as granxas están tendo que afrontar, ao igual que tódolos sectores produtivos, a exponencial suba dos prezos de insumos como a electricidade, o gasóleo ou os plásticos. Aliás, existe unha significativa preocupación ante a sospeita de que algunhas industrias están devalorizar o produto poñendo no mercado leite ecolóxico envasándoo como convencional.

Para solventar a situación de baixada de prezos e de estancamento na demanda que estamos padecendo o sector produtor de leite ecolóxico na Galiza, as gandeiras e gandeiros reunidos hoxe en Teixeiro elaboraron unha batería de medidas para instar á acción por parte da Consellaría do Medio Rural e do Ministerio de Agricultura e Alimentación. Acordaron, asemade, solicitar unha reunión urxente ca Consellaría do Medio Rural para facerllas chegar directamente, habida conta do seu manifesto abandono cara o leite ecolóxico, que nin tan sequera estivo contemplado na estratexia de dinamización do sector lácteo galego.

En primeiro termo, propoñen a creación dun foro de traballo do leite ecolóxico que funcione como espazo de intercambio, no que estean presentes tódolos operadores vinculados ao sector. Complementariamente, demandan a inclusión dun apartado específico para o leite ecolóxico no Observatorio que se vai crear para estudar os custos de produción e o desenvolvemento da Lei da Cadea.

Aliás, entre as medidas de apoio para a transformación de produtos do futuro Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), pídese a priorización de inversións para produtos lácteos ecolóxicos, proporcionando os máximos apoios posíbeis, así como o deseño dunha estratexia de promoción propia para o leite ecolóxico. Nesta liña son fundamentais accións explícitas e de fondo por parte da Administración, como por exemplo garantindo a adquisición dunha porcentaxe de produtos ecolóxicos galegos na compra pública en centros educativos, sanitarios e residencias de persoas maiores, e acompañando esta acción cunha campaña de información en materia de alimentación saudábel.

No que respecta aos custos de produción e o apoio oficial a modelos produtivos respectuosos co medio ambiente, instan á Administración a sacar unha liña de traballo para a optimización da produción de forraxes propias; así como a primar o incremento de base territorial para as granxas en ecolóxico e a produción de cereais para o sector, a través dos instrumentos para a mobilización de terras.

No encontro aberto celebrado onte no Museo Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro) estiveron presentes tamén integrantes da Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a vogal do SLG-CCLL no CRAEGA, Concha López.