A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Lidl, Alcampo, Eroski, Gadis e Froiz vulneran o acordo lácteo ante a permisividade da Xunta de Galicia

Lidl, Alcampo, Eroski, Gadis e Froiz vulneran o acordo lácteo ante a permisividade da Xunta de Galicia

27 de Agosto do 2021

Leite_270821

Abusos comerciais como os que están a cometer estas distribuidoras teñen consecuencias directas: a día de hoxe, malia que o prezo de produción dun litro de leite oscila entre os 33 e os 38 céntimos por litro, as gandeiras e gandeiros galegos cobran entre 32 e 34 cént./l., moi lonxe dun prezo digno que cubra custos de produción e traballo.

 


Cadeas de distribución como LIDL, ALCAMPO, EROSKI, GADIS ou FROIZ están empregando esta semana o leite como produto reclamo para atraer clientela [IMAXE ADXUNTA]. Nos seus lineais os prezos oscilan entre os 0,56 e os 0,59€/litro, moi lonxe dos 0,69 euros/litro como mínimo que, segundo datos dun estudo encargado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicado en xuño deste mesmo ano, son precisos para comezar a garantir prezos que cubran custos de produción e remuneren o traballo do sector produtor.

Non se trata de casos illados, senón dunha práctica recorrente. Tan recorrente que precisamente no ano 2015 Goberno, distribución, industrias e algunhas organizacións agrarias asinaron o Acordo Lácteo que, entre outras cousas, vaticinaban ía pór fin a estes abusos, habilitando á Administración pública para iniciar expedientes e interpor sancións. Tamén fai pouco máis dun ano o Real Decreto-ley 5/2020, aprobado para adoptar medidas urxentes en materia de agricultura e alimentación, salientou a necesidade de previr que os operadores que realicen a venda final do produto ás persoas consumidoras podan repercutir a ningún dos operadores anteriores o risco empresarial derivado da súa política comercial en materia de prezos ofertados ao público.

O establecemento do prezo do leite parte dunha anomalía histórica”, denuncia a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba. “Non se ten en conta primeiro o custo de produción e logo establécense os elos seguintes, senón ao revés. De arriba cara abaixo. A distribución pon un prezo, a industria queda ca parte que considera para obter o seu beneficio, e logo impón un prezo ao sector produtor. A día de hoxe existe un marco regulatorio que a Administración debería estar facendo respectar para facer fronte a estas prácticas abusivas. A baixada de prezo final é unha práctica desleal que arrastra os prezos á baixa na cadea, ademais de potenciar esas mesmas actuacións noutras superficies comerciais e dificultar inda máis que se poda pór fin á banalización do leite como produto alimentario. Dado que a Xunta de Galicia ten competencias para vixiar, evitar e sancionar estas prácticas abusivas, esiximos a inmediata actuación da Administración, asumindo as súas responsabilidades e freando a chegada destes prezos ruinosos ás granxas”.

Galiza é a maior produtora de leite do Estado, cun 39,1 % do total de entregas, moi lonxe da súa inmediata seguidora, Castela e León, cun 12,5% (Observatorio da Cadea Alimentaria, 2021). O sector leiteiro é esencial económica e socialmente no noso país. Sen embargo, a política de brazos cruzados da Administración galega para facer cumprir o Acordo Lácteo, un texto que precisamente Alberto Núñez Feijoo se fartou de cualificar de “histórico”, segue a empurrar á quebra as pequenas e medianas explotacións galegas.

A consecuencia para o elo máis débil da cadea é que a súa marxe estréitase a favor dos máis fortes, neste caso a industria e a distribución. Abusos comerciais como os que están a cometer LIDL, ALCAMPO, EROSKI, GADIS ou FROIZ teñen consecuencias directas: a día de hoxe, malia que o prezo de produción dun litro de leite oscila entre os 33 e os 38 céntimos por litro, as gandeiras e gandeiros galegos cobran entre 32 e 34 cént./l., moi lonxe dun prezo digno que cubra custos de produción e traballo.