A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O Sindicato Labrego denuncia impagos de leite por parte de Logística Alimentaria a través da empresa TeGestacín SL

O Sindicato Labrego denuncia impagos de leite por parte de Logística Alimentaria a través da empresa TeGestacín SL

14 de Xuño do 2019

Tegestacin

A empresa Logística Alimentaria, rexentada pola familia Sangiao cun amplo historial de impagos con Lácteos Tambre, volve reincidir na súa morosidade ás granxas ás que lles recolle o leite. En días pasados, Logística Alimentaria emitiu un comunicado autoexculpándose destas acusacións afirmando que “dende 2018 non compra leite no campo, centrando a súa actividade na transformación industrial”.

Porén, esta afirmación non é de todo certa. Logística Alimentaria segue mercando leite a través da empresa TeGestacín SL (http://tegestacin.es/empresa/). Dende o Sindicato Labrego Galego contactamos con granxas que xa acumulan entre un e dous meses de impagos de TeGestacín; estas explotacións denuncian que os atrasos nos cobros son tamén frecuentes. Desta vez, a escusa para non pagar baséase en que un virus informático lles impide abonar as mensualidades pendentes.

O equipo xurídico do Sindicato Labrego Galego está a estudar unha posible demanda xudicial contra a empresa con sede en Outeiro de Rei se non resolve axiña ese “virus informático” que lle impide cumprir as súas obrigas coas granxas. Pero, antes de ter que chegarmos á vía xudicial, a Consellaría de Medio Rural debería facer o seu traballo e mediar de maneira inmediata entre as empresas morosas e as granxas para resolver canto antes estes impagos que poñen en perigo a liquidez e economía das familias labregas afectadas.

Máis alá dos impagos, dende o Sindicato Labrego Galego volvemos reiterar a nosa demanda á Consellaría de Medio Rural para que regule un sector no que parece ser que, coa súa complicidade, se pode delinquir impunemente.

En primeiro lugar, consideramos que o feito de que siga a haber primeiros compradores que teñen deixado impagos, algúns mesmo condenados por iso como a familia Sangiao con Lácteos Tambre, sigan operando no mercado lácteo, é responsabilidade directa da Xunta de Galicia. O SLG leva máis dunha década pedindo que se regule a actividade dos primeiros compradores; en concreto, que a Administración lles esixa o depósito de avais ou outro tipo de garantías que cubran posibles impagos, e que exista unha vía de reclamación rápida e efectiva para as granxas que sufran a morosidade poidan ingresar o antes posible os cartos que lles deben.

Ademais, deberíase denegar a licenza para mercar leite a aquelas empresas ou persoas que teñan sido condenadas por impagos. Non é de recibo que empresarios como David López arruinase primeiro cooperativas como Xertigan, e que despois poida seguir con presuntas prácticas fraudulentas e impagos coa empresa Lácteos Ortegal coma se nada; ou que a familia Sangiao, tras varias sentenzas condenatorias, disolvese Lácteos Tambre e seguise operando no mercado con Logística Alimentaria e, agora, con TeGestacín SL.

Tegestacin