A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vítor Fernandez, Casa do Neiro: "Facemos pastoreo día e noite porque é o mellor para as vacas e para nós"

Vítor Fernandez, Casa do Neiro: "Facemos pastoreo día e noite porque é o mellor para as vacas e para nós"

20 de Decembro do 2018

Vítor Fernández

Vítor é un mozo de 33 anos que, coma moitos do rural, tentaron buscar mellores oportunidades fóra da aldea. Tras dez anos traballando como comercial, tivo que regresar á casa de Esmoriz (Chantada) e facerse cargo dunha granxa de leite cando “nunca muxira unha vaca”. Dende o primeiro minuto, sentiuse apaixonado polo traballo gandeiro, pero tamén contrariado por ter que organizalo baixo as directrices dun modelo produtivista pensado por e para o beneficio da industria a costa do benestar dos animais e das persoas. Nesta entrevista, Vítor cóntanos como nadou contracorrente para poder vivir dignamente el e súa nai, hoxe en día, muxindo pouco máis de vinte vacas en réxime de pastoreo.

Nun principio, ti comezaches a túa vida laboral fóra da casa e á marxe da gandería. Por que?

Eu estudei música no conservatorio e, ao cumprir os dezaoito, marchei traballar a unha empresa de distribución de alimentos do meu tío. Comecei como repartidor e, despois, xa traballei como comercial. Pasei dez anos da miña vida vendendo até que, en 2013, coa chegada da crise, quedei no paro.

Que te impulsou a volver á granxa familiar?

Houbo un intre no que estando desempregado, e cotizando como autónomo pero sen apenas actividade, tiveron que operar a miña nai. Como ía estar entre tres e catro meses de baixa e meu pai estaba prexubilado, resultábanos inviable contratar alguén para substituíla, polo que decidín incorporarme.

Polo menos, xa tiñas experiencia por ter traballado na casa.

Non. A miña experiencia era nula, máis alá de axudar a ensilar ou quitar o zurro na casa. Nese momento da miña vida, eu nunca muxira unha vaca e apenas tivera contacto directo co gando. Literalmente. Os traballos da granxa sempre mos quixeron quitar de diante.

Daquela, foron difíciles os comezos.

Pois non. Xusto colleume nunha época na que estaba moi queimado da miña etapa como comercial. Volvín a casa resignado, dicindo para min que esa era a única saída que me quedaba: muxir vacas. Pero foi regresar, e comezou a gustarme dende o principio. Antes de operarse, miña nai explicoume como tiña que facer o traballo, que coidado particular precisaba cada vaca. E, en canto coñecín os animais, foi doado.

Pagou a pena o cambio?

Si, moito. Durante varios meses, traballei como me ensinaron, cun método convencional, e tentaba mellorar seguindo ese camiño marcado: pastorear polo día, estabular pola noite, todo orientado a que cada vaca producise o máximo posible en calquera época do ano: máis de 9.000 litros por animal. Estamos a falar de producións moi altas para estar en pastoreo e iso xeraba moitos problemas veterinarios como baixa fertilidade ou cetose.

E que fixeches?

En primeiro lugar, pasei a un réxime de pastoreo día e noite porque pensabamos que era o mellor para os animais e para nós. Nesa etapa, comezou un ruxe ruxe de que Celta ía introducirse no mercado do leite ecolóxico e romper o monopolio que, daquela, tiña Lactalis en Galiza. Celta, para poder entrar neste mercado, ofreceu prezos moi bos. De feito, eu estou cobrando hoxe un prezo base de 50 céntimos por litro.

Foiche doado pasar a ecolóxico?

Ao facer pastoreo día e noite, para dar o paso a ecolóxico só tiven que seguir a facer o que xa facía pero sen botar química algo que, por outra banda, xa tiña intención de facer por motivos de conciencia. Así que todo isto animoume a dar o paso de producir en ecolóxico hai dous anos.

"A raza que máis se asemella á vaca de toda a vida é a Montbeliarde"

Fálame un pouco das prácticas gandeiras na túa granxa.

Traballamos miña nai e máis eu, e xestionamos 27 hectáreas de superficie. Procuramos pastorear día e noite, sempre que teñamos pastos. Cando non hai pasto, pastoreamos o que podemos polo día e damos silo en pesebres no exterior pola noite, pero nunca estabulamos as vacas. Só entran nas cortes para muxir e para darlles penso, e volvemos botalas fóra.

E a raza Frisoa non vos deu problemas para vivir nestas condicións?

A Frisoa tamén é unha raza válida para pastorear. O que ten é que, se a comparamos cun coche, sería un Ferrari: precisa boas estradas, bos mecánicos, un bo taller, etc. É un animal que se deseñou só en termos de produción de leite, sen coidar outros aspectos como a fertilidade ou o físico. Eu apostei por introducir a raza Montbeliarde na nosa granxa, que foi unha maneira de recuperar a raza tradicional que houbo aquí toda a vida, unha vaca rústica que se foi cruzando coa Rubia, apta para dar carne e leite. Pero perdémola. A raza que máis se asemella a esta vaca nosa é a Montbeliarde. Trátase de animais con boa aptitude cárnica e de leite, cun bo físico, poucos problemas en parto e moi bos de patas. Unha raza espectacular para min. Así que, hai cinco anos, merquei seis Montbeliarde. Hoxe, sigo conservando esas seis e teño, a maiores, once becerras máis. En produción, teño actualmente 21 vacas dun total de 36 cabezas.

Realmente é rendible traballar cunha trintena de vacas? Compensa a baixada de produción co nivel de prezos que tedes en ecolóxico?

Si que compensa, porque a redución dos custes supera o que deixamos de producir. Aforramos en penso, horas de traballo, gastos veterinarios, auga, electricidade, gasóleo... Aforramos en todo. Só en penso, gastamos a metade que antes.

Cales son os teus plans de futuro? Ampliar? Diversificar?

Si, teño pensado ampliar un pouco máis e diversificar. Temos monte parado que me gustaría xestionar con colmeas, castiñeiros, quizais algo de porcos; mesmo facer transformación de lácteos. Pero non teño nada decidido e aínda haberá que agardar uns anos. Quero aproveitar os bos prezos que teño agora para amortizar e ir facendo novos investimentos de maneira que, máis adiante, se os prezos van a peor, poida ter outras producións das que tirar.

"Cando botei as vacas vivir fóra das cortes, dixeron que ía matar os animais"

Tiveches unha participación moi activa no Festival Son Labreg@, como organizador e como músico. Que sabor de boca che deixou?

Moi bo. Ver a tanta xente da contorna e de fóra que pasou o día alí, que se implicou e que pasou o día en Garabelos, sentíndose a gusto coas nosas propostas, para min foi un orgullo.

Cres que é importante organizar este tipo de eventos orientados á mocidade do rural?

Si, sobre todo porque nos dan a posibilidade de poñernos en contacto entre nós. Hai moita xente que está a facer cousas moi interesantes vinculadas á terra e, moitas veces, non nos coñecemos. Tendemos a estar illados e, deste xeito, eventos coma o Son Labreg@ serven para poñernos en contacto, para falar e compartir as nosas problemáticas durante unhas horas e poder regresar ao teu entorno pensando que non estás tan tolo.

Daquela, ¿hai quen pensa que estás tolo por facer o que fas?

Agora non, porque as contas e o traballo xa dan resultados, tanto a nivel social como económico. Eu síntome moi a gusto producindo desta maneira, tentando contaminar o menos posible e facendo as cousas ben. Agora esta aposta está a dar os seus froitos e é un orgullo para min, pero antes non era así.

Como era?

A primeira vez que botei os animais día e noite en pastoreo, dixéronme que ía matar as vacas todas, que ía arruinar todo o que fixeran meu pai e miña nai. Escoitei comentarios como que estaba tolo perdido, que viña dun mundo que non tiña nada que ver coa gandería, que estaba totalmente trabucado. Escoitei de todo. Como na canción dos Heredeiros da Crus: “Éche bon rapaz, non che ten maldad”. Primeiro, todo o mundo botaba pestes contra min, pero agora dinme que din o paso acertado.

"A volta da xente nova ao rural debe basearse na soberanía alimentaria"

Botas de menos que non haxa máis xente nova polo teu entorno?

Si, boto de menos que non haxa máis xente nova e que non haxa máis persoas que aposten por este tipo de producións, porque ten moitas posibilidades. Non me explico por que a gandería non vai cara a modelos coma este. Supoño que terá moito que ver co entorno no que vivimos, o capitalismo e o consumismo no que nos movemos e que nos empuxa cada día máis. En gandería, o capitalismo está moi implantado e imponos un modelo no que somos dependentes absolutos. Porén, cando diversificamos e optamos por producións máis pequenas, tentando chegar ao cliente de maneira directa; vivimos nós, damos de comer a máis xente, creamos postos de traballo, etc. Esa é a única maneira de que o rural volva ir cara a arriba.

Entón, ¿cres que a agricultura e a volta ao campo podería ser un remedio contra o éxodo da mocidade?

Por suposto. Pero se pensamos en venderlle á industria, trabucámonos. A volta da xente nova ao rural debe basearse en claves como a soberanía alimentaria. Sen soberanía alimentaria, non hai maneira de que os mozos e mozas volvan ao rural. É imposible. Se todos e todas vendemos á industria, estaremos facendo todos e todas o mesmo, e só tres ou catro poderán vivir malamente do campo. Pero se tecemos redes, con producións diversificadas que teñan valor engadido, volveremos traer xente para as aldeas.

Cres que as administracións son importantes nese cambio?

Tendemos a botarlle a culpa á Xunta do mal que nos van as cousas, pero temos que admitir que a Xunta nunca fixo nada e non podemos contar con ela. Se agardamos que a Xunta solucione isto, nunca veremos a solución. Creo que se pode facer moito máis dende os concellos, e Allariz é un bo exemplo do que digo.

E que tal por Chantada, entón?

No caso de Chantada, temos unha praza de abastos que dá noxo e vergonza. Ver esa praza de abastos é ver o reflexo da política agraria que ten o noso concello. Temos un par de postos de venda de carne e outro tanto de froita, pero coa riqueza agrogandeira que ten Chantada, esa praza debería estar chea de postos de venda con alimentos producidos localmente e vendidos polas propias labregas e labregos. E non é así. O rural que se impón é un no que o meirande das granxas só están preocupadas por producir máis e máis leite para a industria e en coller unha boa PAC. E o rural non o imos erguer así.

Vítor Fernández