A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Radiografía do sector hortícola galego: Calidade, seguridade alimentaria e apandar prezos baixos

Radiografía do sector hortícola galego: Calidade, seguridade alimentaria e apandar prezos baixos

24 de Maio do 2019

Xornada horta SLG

O 29 de marzo, o Sindicato Labrego Galego organizou unha xornada no Pazo de Tovar (Lourenzá) baixo o título “Retos e oportunidades para a produción de horta na Mariña”, á que asistiron unha trintena de afiliados e afiliadas e na que contamos con representantes de distribuidoras, da Xunta, consultorías técnicas e, como non podía ser doutro xeito, de labregos e labregas.

Vítor Álvarez, técnico da Consellaría de Medio Rural

O primeiro en falar foi Vítor Álvarez, técnico da Consellaria de Medio Rural, que analizou a normativa vixente que regula o sector hortícola. Vítor comentou que cada vez existe máis preocupación na Unión Europea e na propia Xunta por minimizar a posibilidade de contaminación, expansión de pragas ou intoxicacións alimentarias.

Neste senso, analizou polo miúdo o Real Decreto 1311 de 2011 sobre uso sostible dos produtos fitosanitarios, que “tenta buscar un equilibrio entre a dispoñibilidade de praguicidas e o aumento da protección da saúde humana”, regulando a xestión integrada das pragas. Unha das primeiras críticas do técnico de Medio Rural foi que, quitando substancias explosivas ou inflamables, case existe a mesma oferta de fitosanitarios para profesionais que para non profesionais; simplemente, no caso dos últimos, os envases son máis pequenos.

Hoxe en día, a norma obriga a obter o carné para aplicar fitosanitarios, un básico para quen non teña persoal asalariado, e outro cualificado para quen si teña. Tamén se está a esixir a contratación de persoal asesor en fitosanitarios en tendas, empresas de tratamentos e tamén nas propias explotacións segundo a súa superficie: a partir de 5 ha en pataca e viñedo; de máis de 2 ha en horta, flor e mazá; de 1 ha en viveiros; e máis de media ha en invernadoiro. Respecto disto, Álvarez criticou que o millo forraxeiro e as praderías estean exentos desta obriga.

Outra das claves nas que incidiu foi na importancia da trazabilidade e na obriga das tendas de fitosanitarios de levar un rexistro de transaccións e nas fincas dun caderno de explotación. “Hai pouco, detectáronse en Lugo plantas de lavanda que hospedaban Xylella fastidiosa, unha enfermidade que afecta as oliveiras e da que hai focos en Baleares e Levante. Sen trazabilidade, non poderiamos saber a onde foron esas plantas nin de onde viñeron. Por iso, a trazabilidade é importantísima. O sector vea moitas veces coma un control, pero benefícianos a todos”.

Antes de rematar, Vítor Álvarez lembrou a importancia de ter as anotacións do caderno de explotación ao día, pois “cando imos facer unha inspección é o primeiro que pedimos, e moitos dos que vemos deixan moito que desexar ao faltar datos. Hai modelos que se poden baixar da web da consellaría. Tamén hai que ser moi escrupulosos coas distancias de aplicación dos fitosanitarios, en special con respecto a augas, leitos fluviais, etc. Non é normal ver como en viñedos se bota o cobre a puños ou se sulfata sen produción, especialmente xente maior. Temos que rematar con todo isto. Todo o que lle fagamos ao medio ambiente vai repercutir directamente en nós".

José María Álvarez, Lego Fruit Agro SL

José María Álvarez falou en nome de Lego Fruit Agro SL, unha plataforma distribuidora de froitas e verduras de Ourense para a que traballan 184 labregos e labregas en exclusiva, cun funcionamento moi semellante ao cooperativo. “Traballamos por toda Galiza, principalmente produtos galegos. Aínda que distribuímos principalmente na comunidade, tamén exportamos a Barcelona, Madrid ou Bilbao produtos galegos”.

Para Álvarez, unha das máximas preocupacións de Lego Fruit é a seguridade alimentaria. “O maior problema que podemos ter é unha incidencia ou intoxicación. Pode supor o peche da empresa. Temos un enxeñeiro agrónomo na empresa e para nós é prioritaria a análise de cultivos e de terras. Trátase dunha esixencia do mercado, que mesmo obriga a ter certificacións como a Global GAP

En canto ás claves para gañar competitividade, José María Álvarez sinalou varias. Unha é a especialización. Para obter produtos de calidade, “cómpre especializarse nuns poucos cultivos, só os necesarios para ter unha boa rotación para non favorecer resistencias de enfermidades e para poder diminuír o máximo o uso de fitosanitarios”.

Tamén é determinante para a competitividade a base territorial, con fincas o máis grandes posibles que favorezan a especialización devandita. Grandes operadores do mercado hortícola, como Florette, con quen estivo negociando Lego Fruit, consideran pequenas algunhas das mellores fincas desta distribuidora ourensá, que poden chegar ás 10 hectáreas. “En Florette dixéronnos que unha finca de menos de 60 hectáreas non lles é rendible, e puxéronnos exemplos como o dunha que traballa para eles en Murcia de 783 hectáreas”.

Outro factor importante para vender é a promoción e, neste senso, produtos de calidade como a Faba de Lourenzá aínda ten moito camiño por andar. “Pasamos o traballo de cultivala para despois venderlla a Asturias, onde lle sacan o beneficio. Se os cataláns chegan ter a Faba de Lourenzá de seguro que a coñecían até na China. Neste senso, o Pemento de Herbón si está en todas partes. Eu non dou vendido Faba de Lourenzá en Madrid, pero pídenme directamente Pemento de Herbón”.

Rafael Peláez, consultor técnico de horta

Este consultor técnico de orixe asturiana comezou subliñando a necesidade de que labregos e labregas reivindiquen o seu papel como produtores de alimentos. Fronte a iso, a sociedade demanda cada vez máis esixencias de calidade ás producións hortícolas. De cara a mellorar e adaptarse ás novas esixencias, Peláez identificou varios factores nos que cómpre mellorar na Galiza:

  1. Base territorial. Grande obstáculo na Galiza polo minifundio. “No cultivo de Faba de Lourenzá, por exemplo, estamos a falar dunha superficie media por parcela que non chega aos 4.000 m². A escasa base territorial aumenta custes e fai o traballo menos eficiente”.
  2. Infraestruturas públicas para poder regar. "Non se pode pensar no futuro da produción hortícola sen sistemas de rega. Son imprescindibles, mesmo para o cultivo de fabas".
  3. Formación do persoal asalariado. "Cada vez é máis necesario contratar man de obra allea á explotación. Obviamente, hai que darlles unhas condicións laborais dignas, pero tamén é importante que esixamos que estean debidamente formados para realizar o seu labor, e aí a Administración é responsábel da oferta formativa que se lles pode dar”.

Todo isto é necesario para afrontar as demandas da sociedade que, "fundamentalmente, son dúas por moito que nos pese: producir a prezos baixos e con calidade". Respecto dos prezos, o gasto medio por español nos últimos anos demostra que o diñeiro destinado a alimentación fica estancado, mentres que noutros inputs, como vivenda, non para de aumentar. En canto á calidade, debe estar identificada, ser diferenciable, medible e asegurable. “É posible que, nun futuro próximo, as esixencias de calidade sexan tan altas que non se diferencie a agricultura ecolóxica da convencional”.

Horta SLG1

Xulio Rodríguez, SAT Labregos de Lugo

Na sesión da tarde, tivemos un interesante diálogo con Xulio Rodríguez, produtor de horta de Mondoñedo a quen xa entrevistamos no Fouce (ver nº 320), e onde falamos polo miúdo da experiencia coa SAT Labregos de Lugo. Da xornada de Lourenzá, onde Xulio tamén explicou a historia e funcionamento desta cooperativa, rescatamos as súas reflexións ao redor da comercialización: “Para min, os prezos de mercado son baixos. Pero tamén, como presidente da SAT Labregos de Lugo ou en conversas con Horsal a través da cal tamén distribuímos, sei que os prezos son os que son e que, por desgracia, non van subir”.

Con estes vimbios, é fundamental unha boa planificación se queremos que as nosas producións teñan saída comercial. “Con todo o custe e esforzo que ten levar unha explotación de horta, non entendo que non se faga unha produción planificada. En Labregos de Lugo temos claro que ese é o camiño: non darlle tanta importancia ao prezo final como á garantía de que o que plantas vai ser comercializado e vai venderse máis ou menos a un prezo estable. Nós, cando aínda non rematamos unha campaña, xa temos totalmente planificado o que imos plantar para a seguinte. Cando produces hortalizas perecedoiras como tomates ou leitugas, case non tes marxe para fallar na comercialización. Tes que vender si ou si. Temos tentado especializarnos en produtos menos perecedoiros como a pataca, metendo moitos cartos e esforzo, e foi un fracaso. Saímos ao mercado cun produto moi ben presentado, cun bo envase, pero o mercado estaba saturado e o prezo tirado. E daquela decidimos centrarnos nos produtos perecedoiros. Certo que, unha vez que os recolectas, hai que vendelos si ou si; pero, por ese mesmo motivo, non poden vir importados de países moi afastados e hai que producilos aquí, cousa que non acontece coa pataca”.

En canto á posibilidade da venda directa, Xulio dixo que as súas posibilidades son moi limitadas en zonas rurais. “Eu non estou de acordo co sistema, pero co volume que nós manexamos e co que precisamos vender para vivir é imposible que as hortalizas que se producen nesta comarca se poidan vender todas aquí. Vivimos nunha zona rural e aquí non damos vendido. Case todo o mundo ten horta, polo que temos que tentar producir en épocas nas que non produce a xente que planta para autoconsumo. Aquí, no verán, non é que o prezo da leituga caia porque todo o mundo produce, é que directamente non a vendes”. E, ademais, aínda que non nos guste, “a maioría da poboación merca os seus alimentos en grandes superficies comerciais, tamén no rural”.

Fernando Veiga, Horsal

Na xornada de Lourenzá tamén participou Fernando Veiga, xerente de Horsal, a maior cooperativa que se dedica á comercialización de hortalizas na Galiza. Fundada en 1986 no Salnés, hoxe forman parte dela 84 produtores e produtoras de toda Galiza, entre quen se inclúe a SAT Labregos de Lugo, que suman 18 hectáreas de invernadoiro e 68 hectáreas ao aire libre en 253 parcelas. A facturación de Horsal en 2018 foi de 3.247.000 €, que se repartiron de maneira desigual entre socios e socias: nos dous extremos, a cooperativa ten 32 produtoras/es que facturan menos de 6.000 € por ano e 5 que facturan máis de 50.000 €. No medio, 40 fincas facturan entre 6.000 e 40.000 € anualmente.

En canto aos produtos, o 45% do que venden é leituga, 20% pemento de Padrón, 10% repolos

e 8% cebola. O tomate e a xudía supoñen entre o 5-6% e, con porcentaxes inferiores ao 1%: kiwi, cabaciño, berenxena, pemento branco, etc.

Respecto dos prezos, en Horsal cúmprese o que falaron os expertos da mañá: calidade a prezos baixos. “Os prezos que temos pareceranvos un crime para o sector produtor, pero son os mellores prezos que conseguimos negociar: Leituga riza 0'24, leituga lisa ou roxa 0'26, 1'86 o pemento de Padrón, 0'61 a cebola chata, 0'30 o repolo liso, 0'35 o repolo picudo, 0'50 o tomate de primeira, 1'03 o tomate de sabor e 1'50 a xudía”.

O 80% da produción de Horsal está concentrada en 4 grandes cadeas de distribución e tamén venden en catro mercados centrais: MercaMadrid, MercaBarna, MercaValladolid e MercaZaragoza. Ademais, comercializan a través dunha cadea de froitarías de Cataluña e exportan un 1% da produción a Reino Unido e Alemaña (pemento de Padrón).

Para Horsal son fundamentais aspectos como a planificación. “En outubro, tódolos produtores entregan a súa declaración de cultivos por semanas e parcelas do ano seguinte. Temos tres técnicos que xuntan toda esa información e reorganizan a planificación segundo as previsións de ventas que haxa”.

O outro piar de Horsal sería a seguridade alimentaria. “Non se poden dar tratamentos fitosanitarios sen prescrición do departamento técnico e o caderno de campo compróbase todos os meses, con penalizacións se non se entrega. Cando un está nunha asociación de produtores, o problema non é do individuo, é do conxunto da organización, que pode perder a certificación de calidade -no noso caso, a Global GAP, que nos custou sangue, suor e bágoas conseguila-, perder clientes, etc. Nós gastamos tódolos anos máis de 20.000 € en analíticas. Se a un produtor se lle detecta unha substancia que non está anotada no caderno de campo, cousa que non ten acontecido, habería tamén penalizacións”.

Respecto a alternativas como a venda directa, Veiga admitiu que “temos socios que preferirían vender a través doutro tipo de circuítos máis sostibles. Pero, se pensamos no práctico, a inmensa maioría dos consumidores e consumidoras tenden a mercar en supermercados, gústenos ou non. Como sociedade, actuamos así. Podemos pelexar contra iso, declarar que non nos gusta e optar por vías alternativas; ou tentar adaptarnos ao sistema da maneira máis eficiente posible. E aí é onde estamos. É unha postura demasiado pragmática, certo, pero é a que nos achega agora un maior nivel de estabilidade, seguridade e renda dentro dos parámetros nos que nos movemos. Como organización, debémonos á base social, aos produtores e produtoras de Horsal, e esa é a razón de ser da cooperativa: garantir un nivel de vida digno e sostíbel para os socios e socias”.

Horta SLG 2