A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Juyoung Gam, horticultora de Barreiros: "O futuro está na diversificación de cultivos e na venda directa"

Juyoung Gam, horticultora de Barreiros: "O futuro está na diversificación de cultivos e na venda directa"

21 de Septembro do 2018

Juyoung Gam

Se algún día nos cadrase ver a Juyoung Gam, poderiámonos preguntar que fai unha labrega coreana cultivando a terra a carón da praia de San Bartolo, en Barreiros (Lugo). Para obter a resposta, teriamos que remontarnos ao ano 2008, cando Juyoung fixo o Camiño de Santiago e coñeceu a Miguel -xixonés fillo dun emigrante de Barreiros-, ao que uniu dende aquela a súa vida. Despois viría a decisión de vivir da terra na Galiza, pero iso xa ten máis miolo por debullar...

Para unha muller que veu de Corea do Sur a Barreiros para vivir da agricultura, os comezos non deberon ser moi doados.

Si, os comezos foron difíciles, sobre todo á hora de facernos con terra. Vivimos nun núcleo urbano, a carón da praia de San Bartolo. Aquí, en Barreiros, hai moita gandería de vacún de leite e carne e moito turismo. Ambos factores fan que sexa difícil acceder á terra para alguén que empeza de cero. Nós botamos un ano para conseguir a finca. Ao final, atopámola de casualidade, un día que fomos á oficina agraria comarcal e xusto acababan de poñer o cartel para alugala. Tratábase dun terreo que se utilizara como recinto para practicar paintball e que atopamos nun estado lamentable. Foi duro acondicionalo, pero hoxe temos aquí a horta, os invernadoiros e a tenda.

Xa eras labrega no teu país de orixe?

Non. Precisamente, esa foi outra dificultade engadida: ter que aprender o oficio dende cero. Fíxeno asistindo a cursos na Escola Pedro Murias; a través da Cooperativa Terras da Mariña, da que son socia; vendo como traballan en fincas de aquí da zona, como a de Elia Rodríguez; ou mesmo nalgunhas de fóra. Teño visitado hortas de Francia, Euskadi, Asturies e mesmo en Corea. De feito, no meu país de orixe estudei a fondo cultivos como o allo ou a cebola con técnicas propias de alí, xa que Corea do Sur é un país onde, por falta de terra, están afeitos a aproveitar cada centímetro de superficie cultivable. Tamén nos asesora un biólogo asturiano, Rafael Peláez, que traballa con nós seis meses ao ano.

Como é a agricultura nun entorno urbano orientado cara ao turismo?

Vivir aquí ten desavantaxes, como a de non poder optar á certificación ecolóxica, pero ten avantaxes como a posibilidade de comercializar boa parte do que produces a carón da finca. Dende o principio, a xente das urbanizacións viña directamente até a nosa casa mercar as hortalizas. Só tivemos que facer un pouco de publicidade ao principio para darnos a coñecer e, despois, funcionou o boca a boca.

Juyoung Gam 2 Falaches antes dunha tenda...

En efecto, este ano decidímonos a montar unha pequena tenda de madeira a pé de finca, e vendemos aquí directamente, sen ter que desprazarnos para distribuír. Ademais, vendemos alimentos doutros produtores que eu non teño, como mel ou pan. Agora mesmo, eu estou dada de alta como labrega, e temos unha empregada na tenda seis meses ao ano que tamén cotiza.

O teu proxecto considéralo rematado ou tes algún outro plan para o futuro?

O ano pasado fixen unha viaxe formativa a Euskadi co Sindicato Labrego Galego e coñecín varias experiencias que me gustaría poñer en práctica aquí. Por exemplo, gustaríame facer un pequeno centro de transformación para elaborar marmeladas cos excedentes que teña de amorodos e arandos. En Corea son tradicionais tamén as conservas de hortalizas para o inverno. Eu xa fago conservas para min, pero moita xente estame a pedir conservas cando merca hortalizas pero, como agora mesmo non teño licenza para facelo, prefiro non vender até que teña ese pequeno obradoiro con todos os permisos necesarios. A maiores, gustaríame comezar a vender para o ano que vén a través do sistema de cestas semanais.

Tes unha clientela fiel para poder dar ese paso?

Agora no verán, en temporada alta, coa chegada das familias que veñen veranear, estamos a venderlle a máis de 200 persoas. O resto do ano, teño unha clientela fixa dunhas 25 familias.

O teu caso é un bo exemplo de que é posible asentarse no rural e vivir da agricultura, mesmo sen experiencia previa.

É que no rural hai moito futuro. Pódese asentar poboación a través da agricultura, pero debemos fuxir do modelo dominante e apostar polas producións locais. En horticultura, corres moitos riscos se baseas o teu traballo en venderlle a maioristas, xa que están a pedir uns estándares de produción e calidade semellantes aos de zonas como Andalucía Andalucía cos que en Galiza non podemos asumir. É como se nos obrigasen a participar nunha carreira sen unha perna. Creo que o futuro está na diversificación de cultivos e na venda directa. Se nos especializamos nuns poucos cultivos, imos depender sempre das grandes distribuidoras e estar condicionadas por se che recollen ou non o produto, se o aceptan os tamaños cos que traballas, e iso moitas veces sen que te valoren a ti como persoa nin o teu traballo.

Juyoung Gam 1