A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Agroecoloxía>
  5. O VI Encontro Estatal Intervegas centrarase na auga e na agroecoloxía fronte ao despoboamento

O VI Encontro Estatal Intervegas centrarase na auga e na agroecoloxía fronte ao despoboamento

3 de Novembro do 2020

Encontro Intervegas VI

A Asociación Intermunicipal Territorios Reserva Agroecolóxicos Rede Terrae organiza, entre o 9 e o 12 de novembro, o VI Encontro Estatal Intervegas, que será totalmente online como consecuencia da pandemia orixinada polo Covid 19 e no que se debaterá ao redor do lema “Auga e agroecoloxía fronte ao despoboamento”. O Sindicato Labrego Galego forma parte da Rede Intervegas, que leva anos traballando para que o Congreso aprobe unha Lei de Protección do Solo Agrario que se atopa na súa última fase de desenvolvemento.

En principio, o encontro ía desenvolverse de maneira presencial en Almagro (Cidade Real), en Castela A Mancha, rexión na que Terrae ten varios municipios asociados como Miguelturra, Azuqueca de Henares, Alovera e Uceda. De feito, o encontro conta coa colaboración da Xunta de Comunidades de Castela A Mancha, a Deputación de Cidade Real, o Concello de Miguelturra, a asociación de municipios do Campo de Calatrava e a Asociación Aprofem. Está prevista a participación de dous ministros: o de Agricultura, Luís Planas; e a de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera; ademais dos conselleiros castelán manchegos Francisco Martínez (Agricultura) e José Luís Escudero (Desenvolvemento Sostible).

O papel dos novos modelos de agricultura sostible e xestión da auga e as respostas dende a agroecoloxía diante da crise sanitaria, ambiental e económica serán o centro do debate da primeira sesión deste VI Encontro Estatal Intervegas; mentres que, na segunda sesión, tratarase da loita contra o despoboamento e a recuperación da vida rural no século XXI xunto cun panel de experiencias de éxito. Na xornada final do 12 de novembro, presentaranse os avances na nova Lei de Protección do Solo Agrario que, dende a Plataforma Estatal Intervegas, da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, se vén propoñendo e negociando con representantes da administración estatal e das autonómicas.

Cumprido o prazo de preinscrición, actualmente son máis de cen as persoas inscritas. O encontro poderá seguirse por webstreaming dende a canle de Youtube de Intervegas. Intervegas Castela A Mancha agarda que, trala realización deste evento, se concrete a aprobación do Pacto Intervegas e se amplíe o número de asociacións e entidades da plataforma.

Cartaz VI Intervegas