A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Reacción ante o peche de Galicia Hoxe: O SLG expresa a súa indignación pola teima da Xunta en amordazar a parte da sociedade galega e pola brutal agresión á nosa lingua

Reacción ante o peche de Galicia Hoxe: O SLG expresa a súa indignación pola teima da Xunta en amordazar a parte da sociedade galega e pola brutal agresión á nosa lingua

29 de Xuño do 2011

Galicia Hoxe

O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa indignación diante do peche do xornal Galicia Hoxe, que seguirá o ronsel deixado por outros medios de expresión integramente redactados en galego e cunha liña editorial alternativa á oficial como A Nosa Terra, Vieiros, A Peneira ou GZ Nación. Todos eles botaron o peche nos primeiros anos de mandato de Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galiza.


Tería bastado cunha ínfima porcentaxe dos millóns de euros que o Goberno de Feijóo ten desbaldido na Cidade da Cultura para que Galicia Hoxe continuase dignamente co seu labor. Desta maneira, a Xunta amordaza a toda a pléiade de xornalistas, articulistas e temáticas que daban contido ao Galicia Hoxe e que non adoitan a ter eco noutros medios de comunicación; vaian coma exemplo cuestións centrais para esta organización sindical como a soberanía alimentaria, a alternativa comercializadora dos mercados de proximidade e da venda directa de produtos agrarios, a loita contra os transxénicos ou o comercio xusto. É evidente que a Xunta prefire unha Galiza na que só teña voz o pensamento único do neoliberalismo económico, social e cultural; e unha prensa escrita que só fale nun único idioma: o castelán. Dende a ditadura franquista, o idioma galego e a liberdade de expresión na Galiza non recordan unha agresión tan brutal, premeditada e destrutora como a que está a perpetrar o actual Goberno da Xunta.

Porque os galegos e galegas temos o dereito a informarnos no noso idioma e das problemáticas que realmente nos afectan; porque os cidadáns e cidadás temos dereito a que os cartos dos nosos impostos se xestionen de xeito democrático e transparente á hora de financiar os medios de comunicación, con independencia do idioma que utilicen, da xente que neles escriba ou dos temas que traten; porque os consumidores e consumidoras temos o dereito a elixir unha unha alimentación sa, sostible e de calidade; e porque que os labregos e labregas temos dereito a vivir dignamente do noso traballo; as persoas que formamos o Sindicato Labrego Galego nos reafirmamos no compromiso irrenunciable co noso idioma e cunha visión alternativa da agricultura que posibilite a mantenza dun medio rural vivo e a soberanía alimentaria de Galiza. Por moito que nos censuren, e por moito que lle pese ao Goberno da Xunta.