A denuncia da falta de control e seguimento sobre a experimentación con organismos xeneticamente modificados (OXM) na localidade de Mesía (A Coruña) revelou hoxe os fortes intentos de ocultar as irregularidades que arrodean a experimentación transxénica.
Imaxe da leira empregada para experimentación a ceo aberto con millo transxénico no concello de Mesía.
Antonte, mércores 15 de setembro, no marco do seguimento que a Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA) está a facer da única parcela -segundo o Ministerio- para experimentación transxénica concedida en Galiza (en Mesía, a cargo da multinacional PIONEER), confirmamos o crecemento de rebrotes dos cultivos malia que, segundo informou a DG de Desarrollo Sostenible del Medio Rural (Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, MARM) o pasado 12 de agosto, este ensaio fora destruído de xeito prematuro xa que “debido ás condicións climatolóxicas, a nascendencia das plantas de millo foi moi desigual[…] ” .
Imaxes do rebrote de millo transxénico. No chan pódense observar os restos do cultivo experimental, destruído mais non eliminado como esixe a lei, mediante o soterramento fondo dos restos. [15/09/10]
O rebrote deste millo transxénico constitúe, entre outras, unha contundente ameaza ás plantacións de millo convencional próximas (moi abundantes na zona de Mesía), xa que a contaminación ten lugar mediante a polinización (vento, abellas), incontrolábel a ceo aberto.
Dende a Plataforma Galega Antitransxénicos procedemos rapidamente a rexistrar a primeira hora da mañá de hoxe, pasadas menos de 48hrs. dende o descubrimento desta ameaza ambiental, solicitudes de información dirixidas tanto ao Xefe de Servizo de Sanidade e Producción Vexetal - Dirección Xeral de Producción Agropecuaria (Consellaría do Medio Rural), como ao Presidente do Consejo Interministerial de Organismos Modificados Genéticamente (MARM)
En segundo lugar, para facermos a denuncia pública da total ausencia da execución dos protocolos de precaución normativos e a falta de control sobre a destrución do experimento, realizamos unha convocatoria de rolda de prensa in situ aos medios de comunicación con apenas dúas horas de anterioridade con respeito á mesma.
De xeito consciente, a falla de marxe na convocatoria tiña como obxectivo non facer pública as intencións de realizar esta denuncia, a fin de que non puideran ser destruídas as evidencias -os rebrotes- atopados na leira.

Charo Sánchez e Analía Moares, voceiras da PGA, na rolda de prensa convocada na leira.
Á chegada das representantes da PGA (10:30 hrs. desta mañá), a leira amosaba evidencias da retirada manual dos pés de millo rebrotados.
Descoñecemos como se puido filtrar a información de que a PGA ía realizar esta acción de denuncia, máis tendo en conta que a xestión da mesma fíxose coa intensa discreción que estas respostas requiren.
Este suceso, ao noso entender, fala por si só do control e vixiancia ao que están sometidas as iniciativas en contra da imposición da tecnoloxía xenética.
Dende a Plataforma Galega Antitransxénicos, que a día de hoxe xa agrupa a 46 colectivos de toda Galiza, queremos expresar que este intento de bloquear a denuncia pública da neglixencia e falta de respecto polas medidas de control obrigatorias na experimentación con organismos xeneticamente modificado reforza a nosa loita e danos máis azos para seguir facendo fronte ás multinacionais da manipulación xenética e aos gobernos que as respalden.
