A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Valoración mobilizacións agrarias

Valoración mobilizacións agrarias

2 de Febreiro do 2024

LVC10224_BRU22

Posición do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas. Valoración da xuntanza convocada polo conselleiro de Medio Rural e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas asume que a alimentación é un dereito humano básico e defende unha alimentación nutritiva e saudábel ao alcance de toda a sociedade. Para acadar este obxectivo avogamos por un modelo agroecolóxico de produción orientado a garantir a soberanía alimentaria dos pobos, desenvolvido por moitas persoas produtoras organizadas en medianas e pequenas granxas habitando e velando por un medio rural vivo.

Pola contra, as políticas agrarias capitalistas neoliberais conciben os alimentos como unha mercadoría. Impulsan un modelo intensivo agroindustrial, orientado á exportación, altamente contaminante e con enormes dependencias enerxéticas e de insumos externos, sustentado artificialmente en subvencións e desregulacións comerciais en lugar de remunerar con prezos xustos os produtos agrarios. As características deste modelo son a orixe das problemáticas que están afrontando as granxas en toda Europa.

No marco das actuais mobilizacións en distintas partes da xeografía europea, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas participamos como Coordenadora Europea Vía Campesina nas accións convocadas no día de onte en Bruxelas xunto a máis de 30 organizacións da sociedade civil para pedir prezos xustos para as persoas labregas, medidas para as pequenas e medianas granxas que nos eximan de cargas burocráticas absolutamente desproporcionadas e o fin del acordo UE-Mercosur e outros tratados de libre comercio (TLC).

A nivel galego, neste momento estamos mantendo contactos con outras organizacións agrarias, ao tempo que seguimos de preto as reunións que o Ministerio de Agricultura está a ter cas organizacións a nivel estatal. Para concretar as nosas posicións e medidas de protesta, convocaremos ás bases a unha Dirección Nacional do SLG-CCLL o vindeiro mércores 7 de febreiro.

Xa a mediados de xaneiro dende o SLG denunciamos en rolda de prensa os problemas que para as granxas galegas, na súa meirande parte de modelo familiar, ía carrexar a complexa tramitación burocrática das novas normativas, engadidos ás dificultades xeradas pola alza de custos destes últimos anos e o desleixo da administración galega, estatal e europea na garantía de prezos xustos ao sector produtor. Nese momento demandamos ás administracións públicas unha moratoria para todas as granxas e a exención das pequenas e medianas granxas da nova normativa agrogandeira.

De feito, a advertencia de que a nova Política Agraria Común (PAC) ía ser problemática vímola facendo xa dende o ano 2022. Ao anunciar a xeira de asembleas informativas que iamos desenrolar por todo o país avanzamos: A diferencia fundamental é que imos ver moi aumentada a carga burocrática para cobrar, no caso galego, unhas axudas iguais ou inferiores ás que viñamos percibindo nestes anos.”

Conselleiros 2, propostas 0

Representantes do Sindicato Labrego Galego participaron tamén na mañá de hoxe na xuntanza convocada onte de urxencia polo conselleiro do Medio Rural, José González e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Como puidemos comprobar alí, e queda reflectido na súa propia nota de prensa, esta reunión carecía de significado máis alá de proporcionar aos medios de comunicación imaxes da administración galega “preocupándose” polo tema que, neste momento, e coincidindo ca campaña electoral, está abrindo os informativos.

O que si quedou claro é que a Xunta de Galicia renuncia a executar ningunha das súas competencias en materia de regulamentación agraria. É dicir, vai seguir sen proporcionar índices oficiais de custos de produción nin establecer medidas autonómicas que faciliten a carga burocrática, nin tampouco tomar accións contra as empresas que vulneran a Lei da Cadea.