A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O 4 de febreiro todas e todos a Compostela na defensa da Sanidade Pública

O 4 de febreiro todas e todos a Compostela na defensa da Sanidade Pública

1 de Febreiro do 2024

4fsossanidadepública

Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (MODEPÉN), Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Traballadores de Residencias de Galicia (TREGA) e Vellez Digna (Asociación de Familiares e Usuarios de Residencias) secundamos a convocatoria realizada por SOS Sanidade Pública e animamos á cidadanía galega a manifestarse este domingo en Santiago de Compostela. Esiximos unha atención á saúde digna tamén no rural.

O Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (MODEPÉN), o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Traballadores de Residencias de Galicia (TREGA) e Vellez Digna (Asociación de Familiares e Usuarios de Residencias) queremos trasladar todo o noso apoio á manifestación “Pola Sanidade que queremos en merecemos”, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para as 12h do vindeiro domingo 4 de febreiro en Santiago de Compostela.

Como alerta SOS Sanidade Pública, a situación de destrución da Atención Primaria Galega está alcanzando un punto de inflexión que vai ser irreversíbel en breve se non se toman medidas inmediatas.

O goberno da Xunta de Galicia é o segundo pola cola de todos os gobernos autonómicos en canto a gasto sanitario por persoa, cuestión que se agrava ao termos en conta que somos un dos territorios ca poboación máis envellecida. É imprescindíbel incrementar o orzamento sanitario, especialmente na Atención Primaria, alomenos ata o 25% do total que indica a Organización Mundial da Saúde. Esta medida ten que verse reflectida, entre outros aspectos, nun incremento urxente do persoal de medicina familiar, pediatría e enfermaría.

Urxe tamén a reapertura dos Centros de Saúde pechados, así como a creación de novos centros onde sexa necesario. Nesta mesma liña, insistimos na demanda da reintegración ao Sistema Público dos servizos privatizados, con especial fincapé na recuperación do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para o Sistema Público.

O peche de estruturas sanitarias non só está a favorecer que entidades privadas fagan negocio ao abeiro da destrución da sanidade pública, senón que está a privar dunha atención sanitaria digna e en igualdade de condicións a milleiros de persoas. Esta realidade impacta de xeito intenso nas áreas rurais, onde constantemente estanse suprimindo servizos sanitarios, afectando estes recortes a moitas familias, e especialmente ás mulleres, que é sobre quen recae en maior medida as responsabilidades vinculadas aos coidados das persoas do seu entorno. Esiximos unha atención á saúde digna tamén no rural.

Os problemas na atención sanitaria afectan aos dereitos humanos e sociais no noso país en cuestións tan esenciais como é poder contar cunha asistencia de calidade en caso de emerxencia, para o que é absolutamente necesario aumentar o número de ambulancias asistenciais e medicalizadas, que na actualidade non chegan para cubrir a demanda. Lamentábelmente, a miúdo coñecemos polos medios de comunicación graves consecuencias derivadas desta carencia.

Esiximos, como temos denunciado en reiteradas ocasións, que sexa implementado un plan urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias. Os últimos informes do Ministerio de Sanidade certifican que día de hoxe existe un incremento na Galiza da mortalidade evitable e xeral, non explicable pola epidemioloxía. Este aumento é consecuencia do excesivo alongamento das listas de agarda para primeiras consultas, probas diagnósticas e intervencións quirúrxicas.

É preciso asemade reorientar o Sistema ao modelo comunitario e participativo a fin de garantir unha atención integral. Para acadalo é necesario desmedicalizar o Sistema -acabando co uso irracional e abusivo dos fármacos e das novas tecnoloxías- e poñer o eixo do mesmo na Atención Primaria, atendendo ao tempo cuestións específicas como a elaboración de forma consensuada dun Plan de Saúde Mental que dote ao Sistema Sanitario Público Galego de recursos e de persoal, e que a atención médica e o control da saúde das persoas incluídas na Dependencia sexa realizada íntegramente dende a sanidade pública.

Se, malia aos continuos recortes da Xunta de Galicia e á súa estratexia de depauperación da calidade da sanidade pública para favorecer a súa privatización, as galegas e galegos seguimos podendo ser atendidas nos centros médicos, é en grande medida polas persoas que desempeñan un traballo tan sensíbel e socialmente esencial como son os coidados médicos. Sen embargo, as súas condicións laborais son pésimas, acusándose o seu deterioro nos últimos anos.

Neste sentido, esiximos a eliminación da inestabilidade e precariedade laboral no Sistema Público e a implementación dunha política xusta e incentivadora, con concursos públicos transparentes e abertos para cubrir os cargos de xestión do Sistema Público que permitan erradicar as prácticas de clientelismo e nepotismo, así como o restablecemento das xerencias de Atención Primaria e dotalas de capacidade resolutiva e orzamento propio.

O Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (MODEPÉN), o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Traballadores de Residencias de Galicia (TREGA) e Vellez Digna (Asociación de Familiares e Usuarios de Residencias) animamos a toda a cidadanía a sumarse á manifestación convocada para o vindeiro domingo 4 de febreiro, e unha vez máis condenamos a estratexia de destrución do sistema público de saúde operada polo Partido Popular instrumentalizando a Xunta de Galicia durante os últimos quince anos.