A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandeiras e investigadoras constatan os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto

Gandeiras e investigadoras constatan os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto

25 de Xaneiro do 2024

xornada pastos

Xornada informativa en Teixeiro dentro da campaña de denuncia da industrialización da IXP Ternera Gallega/Vacún de Galicia. Alimentar en base a pasto garante a calidade da carne, mellora o benestar animal, rexenera os solos e dignifica o traballo gandeiro

En novembro do ano pasado, os 8 vocais das industrias, os 3 de ASAGA en representación dos cebadoiros, os 2 de Unións Agrarias e os 2 de Gandeiros Galegos da Suprema, votaron a favor de eliminar da marca Ternera Gallega Suprema a todas aquelas granxas que non ceban ou aquelas granxas que non teñen instalacións para cebar xatos.

O único voto contrario a este cambio, oposto precisamente aos valores cos que se xerou a marca e privilexiando un modelo industrial baseado en cebadoiros, foi o do vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) na IXP Ternera Gallega, Samuel Formoso.

Fronte a este escenario, dende o SLG-CCLL activamos unha campaña de información e sensibilización, articulando ao sector para demandar solucións que paralicen esta viraxe industrial da IXP.

No marco da mesma tivo lugar durante o día de hoxe no Centro Etnográfico de Teixeiro (Curtis) a xornada “Os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto. É a herba alimento abondo para alimentar rumiantes?”.

Logo da introdución da gandeira de leite e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba, a primeira parte deste espazo de análise e formación estivo centrada na exposición de diversos estudos académicos e traballos de investigación arredor do acabado en pasto.

O enxeñeiro Eloi Villada Legaspi, realizou un repaso histórico á introdución na Galiza da alimentación do gando en base a concentrados, contextualizando no éxodo rural dos anos 70 e 80 do século XX o inicio das mudanzas na alimentación tradicional do gando, momento no que se comeza a empregar concentrados para acelerar o crecemento dos animais.

Villada confirmou que, sempre que se empreguen as técnicas axeitadas, aquelas explotacións que dispoñan de terras dabondo para alongar o período de pastoreo aforrarán concentrados, apuntando estudos que certifican que o emprego de forraxes verdes e ensilados ao longo do período de cría e cebo non afectan negativamente á calidade organoléptica da carne. Xa que logo, concluíu: “para o acabado final dos xatos de TG, a necesidade de encortellar aos animais a partir dos oito meses é moi discutible”.

Seguidamente, Enma Serrano, investigadora do Centro de Investigación y Formación Agraria CIFA Cantabria destacou que, alén da alimentación do gando, cuestións como o tratamento dos animais no desprazamento ao matadoiro e durante o seu tempo no mesmo -nomeadamente os controis de estrés e os sistemas de refrixeración empregados para os canais-, inflúen decisivamente na calidade da carne, apuntando que a dureza da carne non ten tanto que ver ca crianza do gando como co seu tratamento posterior nos matadoiros.

Serrano incidiu tamén en que a calidade do canal non é a calidade da carne, e en que cómpre pensar neste aspecto dende unha perspectiva global, xa que implica moitas variables interconectadas. Abondando na necesidade de aplicar perspectivas holísticas tanto a nivel de alimentación como do proceso de venda en si mesma, a técnica de CIFA Cantabria concluiu “obter unha carne de calidade implica a participación de moitos profesionais facendo ben o seu traballo”.

O bloque de presentación de estudos arredor da nutrición de rumiantes en base a pasto finalizou ca intervención de Xan Pouliquen, enxeñeiro técnico agrícola do grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) “Carne de vacún a pasto”. Pouliquen explicou o resultado de distintos estudos arredor da viabilidade económica das granxas, destacando que a realidade contradí en moitos casos o paradigma capitalista agroindustrial de que canto máis grande é unha explotación máis beneficios aporta. De feito, Pouliquen explicou que esta característica pode conlevar unha intensificación de custos por hectárea.

No tocante concretamente á calidade da carne en relación á alimentación do gando en base a pasto, Xan Pouliquen recomendou elaborar a ración base de herba, completando con penso. “O que deberíamos facer é que os animais coman o máximo posible de herba nun punto de equilibro completo, e no caso de que esa herba poda estar algo desequilibrada meteríamos penso para compensar. Isto implica coidar as calidades da herba. A calidade da herba depende de moitas circunstancias, mesmo da época do ano, polo que se poden valorar a combinación de distintos tipos de alimentación ou coordinar algúns dos ritmos das granxas, como por exemplo os partos.”

Á xornada pechou cunha mesa de experiencias labregas, nas que a afiliación do Sindicato Labrego expuxo con exemplos reais das súas granxas as melloras, non só na calidade da carne, senón tamén na vida das propias persoas gandeiras e no benestar animal, da alimentación en base a herba.

As produtoras e produtores que alimentan ao seu gando en modelo extensivo, ao aire libre e en base a pasto téñeno claro: os beneficios a nivel medioambiental, de benestar animal e condicións laborais e aforro de custos para as persoas gandeiras son obvias e irrefutábeis.

Unha clara mellora na rexeneración dos pastos e da calidade dos solos -así como do seu aporte como captadores de CO2-, o emprego de abono natural en lugar de químico, a drástica redución no consumo de plásticos (por exemplo ao non ter que ensilar), o significativo descenso do tipo de enfermidades e, polo tanto, tamén da cantidade de medicación administrada aos animais, a mellora da presenza de ácidos graxos saudábeis na carne -por exemplo o Omega3-, o benestar que para os becerros e as vacas implica poder estender os meses de lactancia criados ao aire libre ca súa nai e cun destete máis natural, ou a significativa redución nas horas de traballo e custos para as persoas gandeiras que supón apostar por modelos de produción sostíbeis son só algúns dos innumerables beneficios que aporta a alimentación en base ao pasto, e que até o dagora a ningún axente do sector se lle ocorrera cuestionar, nin moito menos desprestixiar.

Dende o SLG-CCLL cuestionámonos: Se as granxas levan dende a creación de TG Suprema -hai décadas- acadando eses indicadores cunha alimentación saudábel en base a pasto e prácticas medioambientalmente sostíbeis, que motivo xustifica que se lles obrigue a alcanzar eses mesmos indicadores que xa cumpren, pero acortellando e alimentando con concentrados, cun maior impacto medioambiental, aumento de custos e en detrimento do benestar animal?

Nos vindeiros meses continuaremos avanzando nesta campaña de información e sensibilización, demandando solucións que paralicen esta viraxe industrial da IXP Ternera Gallega e impedindo que teña lugar este cambio de paradigma que pretende agasallar o prestixio do bon facer labrego ao modelo agroindustrial, ca complicidade das industrias, os cebadoiros, Unións Agrarias, Gandeiros Galegos da Suprema e a Consellaría do Medio Rural.