A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Milleiros de granxas galegas inda non cobraron ningún dos importes da PAC, que a CMR comprometeuse a adiantar en novembro 2023

Milleiros de granxas galegas inda non cobraron ningún dos importes da PAC, que a CMR comprometeuse a adiantar en novembro 2023

24 de Xaneiro do 2024

Explotación

Esiximos á CMR dotar de persoal e medios ao FOGGA para cumprir ca súa responsabilidade de ser eficaces nas resolucións. Canda as demoras nos pagos, un ano máis a descoordinación da CMR entorpece as solicitudes de novas incorporacións

En decembro do ano 2023 a Consellaría do Medio Rural (CMR) amosábase fondamente indignada porque o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alertaba publicamente de que a Xunta de Galicia non só non adiantara os pagos da Política Agraria Común (PAC), senón que nin sequera os estaba a facer efectivos un mes máis tarde de anunciar o suposto adianto.

E chegou principios de xaneiro do ano seguinte, e a Consellaría seguía sen efectuar os pagos da PAC. Ademais, un ano despois de ser publicada a Orde do 2023, nin as solicitudes de novas incorporacións, nin as de plans de mellora, nin as de axudas a pequenas explotacións estaban inda resoltas.

E chegou finais de xaneiro, e moitas granxas seguen inda sen cobrar a PAC.

Dende o SLG-CCLL valoramos que esta situación de incerteza económica na que se atopan milleiros de granxas galegas débese á mala organización da Consellaría do Medio Rural, polo que esiximos á CMR que dote ao Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) de persoal e medios abondo para poder tramitar os expedientes en tempo.

Neste senso, dende o Sindicato Labrego Galego calculamos que a día de hoxe hai varios milleiros de granxas que inda non cobraron absolutamente ningún dos importes da PAC, polo que pedimos a súa priorización. De igual xeito cas contías asociadas aos ecorrexímenes, que non se deron pagado en decembro porque a Administración non fixo os trámites requeridos para proceder aos mesmos, e que a 24 de xaneiro inda non cobrou ninguén.

E as resolucións das axudas de incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións? U-las?Pois seguen pendentes de publicación pola Consellaría. E, por se fora pouco, inda por riba este luns a CMR publicou a convocatoria para o vindeiro ano. Isto significa que, ao igual que denunciamos o ano pasado,  a resolución das solicitudes do 2023 vai ter lugar unha vez que xa se iniciou o prazo de solicitude da nova convocatoria 2024, procedemento que implica consecuencias negativas directas para as granxas solicitantes.

Por unha banda, aquelas persoas que iniciaron durante o ano 2023 o proceso de instalación inicial contando con obter esta axuda, perderán a posibilidade de solicitala, ao seren xa titulares de granxas, precisamente por térense tomado o traballo de ir arrancando xa o proxecto. Por outra, as persoas que teñan posibilidades de obter a axuda na nova convocatoria publicada, perderán varios días ou semanas do prazo establecido para a mesma -aberto dende o 22 de xaneiro-, ao notificárselle a denegación ca nova convocatoria xa en marcha.

Neste senso, en primeiro termo queremos chamar a atención sobre a irresponsabilidade da CMR ao reincidir nunha cuestión que prexudica un aspecto socialmente tan sensíbel como é a incorporación de novas persoas labregas á produción de alimentos. A tendencia ao despoboamento do medio rural é patente, e prevese que 6 de cada 10 persoas que se adican arestora á produción de alimentos estean xubiladas no ano 2030.

En segundo lugar, e a fin non só de que a administración pública galega non incorra novamente nesta mala praxe, senón co gallo tamén de dinamizar a incorporación de cada vez máis persoas á actividade agraria, reiteramos á Xunta de Galicia a demanda de que o prazo de solicitudes de axudas de incorporación á actividade agraria estea aberto durante todo o ano, non unicamente durante dous meses como está establecido arestora, a fin de adecualo á realidade das necesidades da produción agroalimentaria do noso país.