A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Xunta de Galicia segue con atrasos na PAC 2023. Esiximos responsabilidade

A Xunta de Galicia segue con atrasos na PAC 2023. Esiximos responsabilidade

4 de Xaneiro do 2024

pac2024-

En novembro a Xunta utilizou os medios de comunicación para gabarse de anticipar a PAC. As granxas seguimos agardando. Denunciamos o desmantelamento de servizos públicos e esiximos a asignación de persoal requirida para xestionar a PAC

A mediados de novembro, a Xunta de Galicia anunciou a través dunha nota de prensa que Galiza ía estar entre as primeiras comunidades en pagar os anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC). Mesmo se aventurou a gabarse de que o FOGGA realizaría o pago do 70% da axuda total no anticipo e do 90% nas axudas de saldo.

Un mes máis tarde, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciamos publicamente que estes pagos estaban inda na súa maioría sen realizar. A través dunha axencia de prensa, a Consellaría do Medio Rural acusounos de faltar á verdade, se ben ao mesmo tempo admitiu que os pagos correspondentes a decembro non foran efectuados.

A realidade imponse. E, a día de hoxe, 4 de xaneiro do 2024, a Consellaría do Medio Rural segue sen pagar a PAC 2023. É dicir, a Xunta de Galicia non só non realizou o anunciado adianto da PAC, senón que nin tan sequera a está a pagar en tempo.

Como norma xeral os pagos son inferiores aos realizados noutras datas, ingresándose menos conceptos. Así, temos un número considerable de granxas que non cobraron os dereitos da Axuda Básica á Renda para a Sostenibilidade (ABRS), nin o pago redistributivo asociado. Até o dagora, os pagos equivalentes foran cobrados sempre no mes de decembro.

Dende o SLG-CCLL consideramos que esta situación de incerteza económica na que se atopan milleiros de granxas galegas débese á mala organización da Consellaría do Medio Rural, que non está dotando ao Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) de persoal abondo para poder tramitar os expedientes en tempo. Nin tan sequera se fixo pública unha data aproximada para a publicación das persoas beneficiarias.

De igual xeito acontece cas contías asociadas aos ecorrexímenes, que historicamente tamén se viñan cobrando en decembro, e que este ano a 4 de xaneiro inda non cobrou ninguén.

Engrosando a listaxe de consecuencias do desleixo da equipa liderada polo Conselleiro José Vázquez, a 4 de xaneiro tampouco están publicadas inda as concesións correspondentes ás axudas integradas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, tales como as de pastoreo, pastoreo en zonas de grandes carnívoros, produción ecolóxica ou agroambientais. Trátase de axudas que abranguen 5 anos de actividade produtiva, pagos moi importantes para a viabilidade das granxas, con 300€/Ha. para ecolóxico ou 160€/Ha. no caso do pastoreo en áreas con grandes carnívoros.

A día de hoxe ningunha persoa labrega das que solicitaron estas axudas entre marzo e xuño do 2023, sabe se as vai percibir. A esta incerteza engádese ademais a preocupación ante a posibilidade de que a Xunta de Galicia volte operar unha exclusión masiva de granxas que si cumpren os requisitos para percibilas (1, 2).

De igual xeito, a 4 de xaneiro do 2024, un ano despois de ser publicada a Orde no 2023, tampouco sabemos que incorporacións, plans de mellora e axudas a pequenas explotacións foron aprobadas. De feito, nesta caso a demora na resposta da Consellaría é tal que están a piques de vulnerar os prazos legais para o seu pago.

Fronte a esta alarmante inoperancia, dende o SLG-CCLL esiximos responsabilidade á Consellaría do Medio Rural, desistindo da súa estratexia de desmantelamento de servizos públicos e procedendo a incorporar o persoal necesario para que a xestión administrativa das políticas agrarias no noso país sexa minimamente digna.

Ademais, dados os antecedentes da Xunta de Galicia no tocante a publicitar axudas que logo non paga, permitímonos adiantarnos na solicitude de mesura e decoro por parte do Partido Popular de Galicia ante a tentación de sucumbir á realización de anuncios de pagos pantasma de axudas institucionais no marco do actual período pre-electoral.