A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Demandamos á CMR que a axuda de vacún para TG non exclúa ás granxas de Suprema que non marcan en matadoiro

Demandamos á CMR que a axuda de vacún para TG non exclúa ás granxas de Suprema que non marcan en matadoiro

2 de Xaneiro do 2024

suprema matadoiros

Os criterios da Xunta discriminan ás granxas que realizan a venda de animais a través de circuítos de comercialización local. A Xunta pretende utilizar este incentivo económico para avanzar na industrialización da IXP TG, e en especial da TG Suprema

A mediados do decembro pasado, o director xeral de Gandaría, José Balseiros, anunciou a través dos medios de comunicación que antes de fin de ano a Xunta de Galicia ía convocar unha axuda de ata 12 millóns de euros para aquelas produtoras e produtores amparados baixo a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega (IXP TG).

Estamos a dous de xaneiro do 2024 e, como adoita ser habitual, media unha ampla marxe entre compromisos da Consellaría e as súas actuacións reais.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) queremos facer fincapé na importancia de que, no caso de ser finalmente habilitada, esta axuda para o vacún de carne que supostamente a Consellaría vai dirixir aos becerros marcados dentro da IXP Ternera Gallega non exclúa ás granxas de Suprema que non marcan en matadoiro.

Segundo os criterios anunciados pola Xunta, esta prestación non podería ser percibida por aquelas persoas gandeiras que teñen animais marcados ao nacer dentro da categoría Suprema, pero que logo son distribuídos en circuítos curtos de comercialización -por exemplo vendidos directamente a carnicerías locais ou a restauración-, e que até o dagora en moitas ocasión non están sendo sacrificados por dentro da marca ao non aportar este segundo certificado -polo que ademais hai que pagar- ningún valor engadido ao produto.

O coordinador do sector vacún de carne no SLG-CCLL, Brais Álvarez, advirte de que esta axuda “é un exemplo máis da preocupante industrialización que están tentando que teña a IXP Terneira Galega, e en especial a Suprema. Esta axuda que segundo anunciaron vai esixir para poder cobrala que os animais sexan marcados co selo no matadoiro da IXP so beneficia ás industrias, que son quen esixen este selo para logo poder comercializar a carne, cun valor engadido que a miúdo non repercute na persoa produtora”.

A día de hoxe, moitos produtores e produtoras de Suprema dan saída aos seus becerros a través de carnicerías e compradores locais, xa que para vender o produto como IXP TG é necesario que estea macado como tal, non é necesario contar cun dobre selo engadindo o do matadoiro de TG. As condicións ás que a Xunta avanzou que vai someter estas axudas pode provocar que moitas persoas gandeiras pensen dúas veces a quen vender, e acaben entrando nos canais industriais para a comercialización.

Por outra banda, dende o SLG-CCLL consideramos tamén que esta axuda debería estar dirixida a todo o sector e non so a quenes marcan dentro da IXP. De feito, o valor medioambiental que as gandarías de carne teñen por todo o país fai que sexa moito máis necesaria unha axuda por vaca nutriz, e non esta axuda para unha parte do sector. Do mesmo xeito, a subida dos custos de produción afecta a todas as granxas do sector por igual. “Tal e como está plantexada, esta axuda afondará no peche de granxas, en especial daquelas que están ligadas ao territorio dende a produción á comercialización”, analiza Brais Álvarez.

Subsanar discriminacións precedentes

Nesta liña, cómpre lembrar que o SLG-CCLL solicitou no pasado mes de outubro unha xuntanza coa Consellaría de Medio Rural para debater como vai aplicar a Xunta de Galicia a sentenza favorable ao SLG onde se recoñece que as granxas de carne de menos de 10 vacas teñen dereito a cobrar a axuda que a Consellería de Medio Rural sacou durante o COVID-19 e que esta excluíu de xeito deliberado.

Varios meses despois aínda non obtivemos resposta a dita solicitude de reunión, polo que estamos comezando a pensar que a Xunta de Galicia non ten intención ningunha en cumprir co ditado pola Xustiza.

Polo tanto, se no prazo de 8 días non recibimos contestación da Xunta verémonos na obriga de pedir a execución da sentenza. É a nosa responsabilidade facer que o ditado pola Xustiza se cumpra e que se garantan os dereitos desas máis de 10.000 granxas que quedaron excluídas de dita axuda por estratexias do Conselleiro.