A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Reserva da Biosfera Terras do Miño confirma as denuncias de masificación industrial realizadas polo SLG-CCLL

A Reserva da Biosfera Terras do Miño confirma as denuncias de masificación industrial realizadas polo SLG-CCLL

20 de Decembro do 2023

MargaridaPrieto_Moratoria

O 72,96% da potencia eólica instalada na provincia de Lugo acumúlase na Reserva da Biosfera: máis de 1.240 aeroxeradores. Solicitamos sexan incorporados ao Plan 2024-2034 os datos de proxectos en tramitación e conclusións do informe da UNESCO

Na xornada de onte tivo lugar unha reunión dos Órganos de participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, na que foi abordada a porposta do novo Plan de Xestión da Reserva 2024-2034, así como da prórroga da vixencia do plan anterior (2013-2023).

A vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Margarida Prieto Ledo, interveu para durante a sesión para incidir en varias cuestións do mesmo, tanto no referido ao seu contido como ao seu procedemento.

En relación a este último aspecto, en primeiro lugar Ledo chamou a atención sobre o feito de que un documento da súa importancia sería necesario que nos fora trasladado con máis tempo para poder analizalo en profundidade e facer as propostas máis acaídas, e non con tan só catro días hábiles de marxe, como neste caso. Son moitos os aspectos que se abordan e de moita complexidade para velos en menos dunha semana”.

Non tocante ás conclusións que traslada o devandito Plan, a vogal do SLG incidiu sobre a información achegada ao respecto da masificación de infraestruturas de produción de enerxía que ateigan a Rerserva, cuestión reiteradamente denunciada polo Sindicato Labrego Galego.

É absolutamente intolerábel que un espazo catalogado como de especial importancia para a biodiversidade, como é a Reserva da Biosfera Terras do Miño, que debería ser protexido de xeito diferenciado, teña instalada nada máis e nada menos que o 72,96% da potencia existente en toda a provincia de Lugo, o 14,13% da instalada na Galiza. A construción mesma destas infraestruturas conlevou a destrución da biodiversidade e a eliminación de hábitats que precisamente se pretendían protexer ao definir este espazo como unha reserva da biosfera. Esta situación só se entendende se a consideramos unha burla da administración pública cara a sociedade civil galega, en conivencia cos intereses de determinadas empresas privadas.

Segundo os datos divulgados polo Observatorio Eólico de Galicia, no ámbito socioeconómico da Reserva de Biosfera Terras do Miño, no ano 2019 xa estaban operativos máis de 1.240 aeroxeradores. Para colmo do despropósito, a meirande parte foron construídos dentro da Zona Núcleo (ZEC Serra do Xistral). A instalación compulsiva de fábricas de enerxía neste espazo natural chega ao punto de acumular o 77,65% dos aeroxeradores existentes na provincia de Lugo, e o 30,91% dos instalados no noso país.

Á esta situación absolutamente desproporcionada habería que engadir a información correspondente aos proxectos industriais en tramitación (eólicos, fotovoltaicos e mineiros), como así solicitou onte a vogal do SLG-CCL, “para poder valorar a forte ameaza e poder actuar en consecuencia”.

Margarida Prieto tamén solicitou que sexan integradas no Plan de Xestión da Reserva 2024-2034 as recomendacións recollidas no Informe sobre la viabilidad de las instalaciones eólicas, fotovoltaicas y termo solares, incluida la repotenciación e infraestructuras asociadas en los territorios declarados Reservas de Biosfera en España, elaborado polo Consello Científico do Comité Español do Programa Home e Biosfera (MaB) da UNESCO, a instancias da multitude de incidencias rexistradas polo Sindicato Labrego e outras organizacións sociais galegas, e emitido no pasado mes de maio.

Para acadar os obxectivos do Plan é fundamental incorporar os aspectos recollidos neste informe, e tamén para reforzar o papel da Reserva da Biosfera”, instou Margarida Prieto, hai varias cuestións moi importantes a ter en conta nas súas conclusions, e que marcan directamente “deberes” para a Secretaría do Comité e para os Organos xestores, polo que estes aspectos teñen que ter cabida no Plan de Xestión presentado para o periodo 2024-2034”.

Da multitude de cuestións postas de relevo polo Consello Científico do Programa Home e Biosfera (MaB) e que cómpre incorporar inmediatamente podemos destacar, por unha banda, a necesidade de dispoñer de procedementos de exclusión inicial de proxectos por incumprimento de criterios básicos, tales como a distancia a vivendas, a afección a espazos protexidos (Rede Natura, zona tampón das RdB, etc.), a afección a hábitats prioritarios, a fragmentación de proxectos, así como a non admisión dos mesmos cando a documentación achegada é manifestamente mediocre, como en numerosas ocasións estamos a ver no caso concreto dos proxectos de explotación enerxética. Por outra, a necesidade urxente de contar cun Plan Sectorial Eólico galego que poida ser obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica (AAE), cuestión para a que este informe elaborado pola UNESCO achega importantes claves para avanzar.