A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego, unha das organizacións fundadoras de LVC, presente na súa VIII Conferencia Internacional en Colombia

O Sindicato Labrego, unha das organizacións fundadoras de LVC, presente na súa VIII Conferencia Internacional en Colombia

8 de Decembro do 2023

Isa e Sonia

Neste oitavo encontro, iniciado en Bogotá o 3 de decembro, reuníronse medio milleiro de delegadas de todo o mundo. Isabel Vilalba e Sonia Vidal participaron na VI Asemblea de Mulleres e Brais Álvarez na V Asemblea da Mocidade de LVC

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a gandeira e produtora de fabas de Lourenzá Isabel Vilalba; a integrante do Comité de Coordinación Internacional pola rexión europea, a gandeira do SLG-CCLL Sonia Vidal, e Brais Álvarez, apicultor membro da Executiva Nacional do SLG-CCLL participan hoxe na cerimonia de peche da VIII Conferencia Internacional que movemento labrego mundial La Vía Campesina está a celebrar en Bogotá (Colombia), á que asisten en representación do Sindicato Labrego dende o a súa apertura o pasado 3 de decembro.

Este oitavo encontro internacional contou ca participación de medio milleiro de labregas e persoas referentes da loita labrega a nivel mundial, como Marina Dos Santos, do Movimento Sem Terra do Brasil -hoxe deputada por Río de Janeiro- ou Rafael Alegría, de Honduras -hoxe viceministro de Instituto Nacional Agrario-.

Durante a primeira xornada desta conferencia tivo lugar a V Asemblea da Mocidade, onde interveu Brais Álvarez polo SLG-CCLL [adxuntamos imaxe]. A renovación xeracional emerxeu como unha das principais prioridades da mocidade deste movemento labrego mundial, abarcando non só a dinámica política e o liderado no interior do mesmo, senón tamén no ámbito práctico da produción agrícola. O obxectivo é involucrar máis persoas novas na agricultura, co fin de restaurar e defender a dignidade de ser persoa moza labrega.

O segundo día tiveron lugar por vez primeira as asembleas de Homes contra o Patriarcado e de Diversidades de Xénero, así como a VIII Asemblea Internacional de Mulleres. Participaron neste encontro internacional de labregas chegadas de case un cento de países a compañeira do Sindicato Labrego Galego e integrante do Comité de Coordinación da Coordinadora Europea Vía Campesina, Sonia Vidal [adxuntamos imaxes], e a nosa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba Seivane, quen expuxo a ponencia "A Vía Campesina: Feminismo campesino e popular, a soberanía alimentaria e a superación das violencias" [adxuntamos imaxes].

Esta VIII Conferencia Internacional que finalizará hoxe en Bogotá marca o 30 aniversario da Vía Campesina, e tivo como obxectivo reflexionar sobre os seus progresos, partillar as experiencias de persoas labregas de todo o mundo ante o cambio climático, a guerra e outras ameazas, así como definir as liñas de loita das organizacións membro de LVC para os vindeiros catro anos.

Como non podía ser doutro xeito, a solidariedade co pobo palestino estivo moi presente ao longo desta cita internacional, contando ca experiencia directa da organización palestiniana Unión de Comités de Traballadorxs Agrícolas (UAWC-Palestina), que forma parte de LVC dende o ano 2013.

Asemade, o encontro consolidou tamén a importancia da Declaración sobre os Dereitos dxs Campesinxs, aprobada polas Nacións Unidas (ONU) o 17 de decembro de 2018, e salientou a necesidade de fortalecer a solidariedade internacional para acadar o cumprimento dos dereitos do campesiñado e a materialización do dereito á soberanía alimentaria dos pobos.

Durante esta VIII Conferencia incorporáronse tamén á Vía Campesina novas organizacións, entre elas a a Unión de Agricultorxs Palestinxs e a Unión de Pequenxs Agricultorxs de Mauritania, ampliando a súa presenza até abarcar 10 rexións de todo el mundo: América Central, América do Sur, América do Norte, Caribe, África do Sur e do Este; África Central e do Oeste; Asia do Sur, Asia do Este e do Sudeste, e Europa.

O Sindicato Labrego Galego foi unha das organizacións fundadoras deste movemento social mundial, en pé de loita labrega dende o ano 1993. Froito destas décadas de alianza e traballo internacional é, por exemplo, o dereito á Soberanía Alimentaria dos pobos, conceptualizado e lanzado ao mundo por LVC no ano 1996, ou a reivindicación dun modelo de produción agroecolóxico que poña no centro a vida das persoas e o planeta. A vindeira conferencia internacional de La Vía Campesina terá lugar dentro de catro anos, e o seu lugar de realización será anunciado ao longo da xornada de hoxe.