A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Xustiza declara nulo o despido da traballadora da Residencia de maiores do Asilo de Vilalba, e obriga a readmitila

A Xustiza declara nulo o despido da traballadora da Residencia de maiores do Asilo de Vilalba, e obriga a readmitila

29 de Novembro do 2023

RdPSentenzaAsiloVilalba

A sentenza, do Xulgado do Social n.º 1 de Lugo, coida acreditada a vulneración de dereitos fundamentais da traballadora e fixa unha indemnización de 7501 euros «por danos morais»

Participantes na rolda de Prensa celebrada hoxe no Hostal Restaurante Terra Chá de Vilalba:

 

 

Olga Rego Rouco, traballadora da FHAV
Manuel Quiñoá, Secretario Xeral de CCOO Lugo
Laura Rego, en representación dos colectivos feministas da comarca

Margarida Prieto Ledo, vocal do SLG no Consello Galego de Benestar

 

Vilalba, 29 de Novembro 2023. Nota de prensa correspondente á rolda realizada na mañá de hoxe en Vilalba para dar conta da sentenza que declara nulo o despido da traballadora que denunciou irregularidades na Residencia de maiores xestionada pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba.

A Xustiza dálle a razón a Comisións Obreiras (CCOO) -a defensa xudicial da traballadora foi levada pola avogada Tereixa Burgo da asesoría xurídica de CCOO-, Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Feministas da Terra Chá e Asociación Feminista Vilalba e determina como nulo o despedimento dunha traballadora da Fundación Hospital Asilo de Vilalba, que xestiona a residencia de maiores da capital da Terra Chá. Ademais de esixir a súa inmediata readmisión, a sentenza, emitida polo Xulgado do Social n.º 1 de Lugo, insta á empresa a pagarlle os salarios deixados de percibir desde a data do despedimento e fixa unha indemnización de 7501 euros «por danos morais».

 

Antecedentes:

No ano 2021 o Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) denuncia diante do Consello Galego de Benestar Social as deficiencias na cobertura de persoal de enfermaría. A principios de 2023 faise o propio coa situación das auxiliares, comunicando a Politica Social o incumprimento por parte da Residencia Hospital Asilo de cuestións que poñen en perigo a saúde das traballadoras e e a calidade do servizo prestado ás persoas usuarias da residencia.

Son tamén as propias auxiliares quen denuncian publicamente e diante do concello de Vilalba o imcumprimento das ratios e a excesiva carga de traballo, referenciando exemplos como que “Na actualidade hai aproximadamente 157 residentes repartidos en 6 pavillóns. Hai pavillóns nos que hai 30 usuarios e só un traballador en quenda de mañá. Pola tarde estes 157 residentes están atendidos por 7 traballadoras (levantar da sesta, cambio de cueiros, merendas, visitas, atender o telefono, ceas e deitalos)”.

Pois ben, logo de facerse eco da situación os medios, a dirección do Asilo en lugar de implementar medidas para corrixir a situación e mellorar as condicións de traballo, toma como única medida despedir a unha das traballadoras que promoveu a denuncia, vulnerando os dereitos básicos dos que nos temos dotado as persoas traballadoras e a cidadanía. No mes de agosto, logo de terse producido o despido, os sindicatos e colectivos feministas denunciaron publicamente o que consideraban un despido por represalias e que atentaba contra dereitos fundamentais, dado que os motivos alegados para o despido eran inexistentes e a comunicación de cese non deixaba lugar a dúbidas. A traballadora era despedida polo feito de liderar as reivindicacións de dereitos laborais das traballadoras da FHAV en materia de prevención de riscos laborais, de ratios de persoal, de medios materiais, etc. E así queda patente na propia carta de despedimento, xa que o feito que se lle imputa literalmente é o seguinte: Durante los últimos tempos se ha venido comprobando por la dirección de la empresa, una oposición permanente al sistema organizativo del trabajo, generando una falta de confianza en las funciones para las que Ud. ha sido contratada

Os feitos poñen de manifesto que a traballadora foi despedida como represalia pola súa actividade reivindicativa e coa finalidade de amedrentar ao resto do colectivo e que así as traballadoras desistan das súas reivindicacións ante os incumprimentos empresariais.

No sector da DEPENDENCIA e das RESIDENCIAS PRIVADAS é constante o desleixo e abandono tanto por parte da Xunta de Galicia como das administracións locais, que dotan con cartos públicos a este tipo de institucións sen sometelas a ningún control e comprobación de como prestan os coidados aos nosos maiores.

Consideramos que, como sociedade, non podemos consentir que non se garantan uns servizos sociais de calidade, nin uns coidados axeitados para as nosas persoas maiores. 

O traballo dos coidados ten que ser un traballo valorado e considerado dos máis importantes para a sociedade. A ideoloxía patriarcal, pola contra, é a colaboración que necesitan as empresas privadas para a explotación das mulleres, que se traduce nun abuso de poder, no caso da FHAV, do seu Patronato e da súa dirección.

Desde os sindicatos e colectivos feministas que levamos adiante esta denuncia congratulámonos por esta sentenza, pois en todo momento defendimos que o despedimento da traballadora era unha represalia pola súa actitude combativa á hora de denunciar as condicións de traballo na residencia.

Se na carta de despedimento unicamente se aludía a unha suposta «perda de confianza» pola «oposición permanente» da traballadora ao «sistema organizativo» da residencia”, a sentenza afirma que a «lacónica» descrición dos motivos para a rescisión do contrato «equivale, en todo caso, a non dicir nada sobre as causas concretas do despedimento», e “deixa a traballadora en absoluta indefensión”.

A propia sentenza coida acreditada esa actitude reivindicativa da traballadora despedida, corroborada tanto polas compañeiras que actuaron de testemuñas no xuízo, como polo relato e documentación dos feitos probados, entre eles distintas denuncias presentadas no Concello de Vilalba, na Consellaría de Política Social ou na Inspección de Traballo meses antes do seu despedimento.

«Por todo o exposto, enténdese que a demandante acreditou indicios suficientes que avalan que a decisión empresarial [...] trátase, en realidade, dunha represalia fronte a ela polas queixas formuladas», subliña a sentenza.

Este despedimento é aínda máis grave ao darse por parte dunha institución que presume de non ter “ánimo de lucro” e que, polo tanto, debería garantir o benestar das traballadoras e dos usuarios.

Felicitar a Olga e as súas compañeiras por esta vitoria, pola súa valentía. Sabemos que moitas mulleres non poden, porque non contan coa rede de apoio para poder enfrontar unha loita coma esta.

Agardamos que esta sentenza sirva para que, como sociedade, sexamos capaces de responder antes estes abusos e non miremos para outro lado. A maioría das persoas nun momento ou noutro da nosa vida somos temporalmente ou permanentemente dependentes, e podemos precisar persoas coma Olga, que, co seu traballo de coidados nos apoien. Das súas condicións de traballo depende a nosa calidade de vida.

E tamén agardamos que o Hospital Asilo, o seu patronato e dirección e os seus socios recapaciten diante desta senteza.

 

A vitoria de Olga é a vitoria de todas.

 

Seguiremos ao lado de Olga e de todas as traballadoras, reivindicando unhas condicións de traballo dignas e na defensa duns servizos de coidados públicos de calidade.