A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do SLG-CCLL: “Precisamos saír deste capitalismo salvaxe se queremos ter un futuro”

Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do SLG-CCLL: “Precisamos saír deste capitalismo salvaxe se queremos ter un futuro”

23 de Septembro do 2023

IsabelVilalba50aniversario

Máis de 300 persoas celebran nunha emotiva xornada en Encrobas os cincuenta anos en pé de loita labrega do SLG-CCLL. Reivindicamos o papel fundamental das persoas labregas na defensa da nosa terra nestes 50 anos, no presente e no futuro

Ao longo do día de hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebra o seu 50 aniversario cunha xornada festiva e reivindicativa en Encrobas (Cerceda, A Coruña). No escenario dunha das loitas sindicais agrarias históricas do Sindicato, máis de trescentas persoas partillan hoxe lembranzas e experiencias na loita polo dereito á soberanía alimentaria dos pobos e pola defensa do territorio fronte aos abusos do sistema capitalista, celebrando a nosa implicación, non só como organización, senón tamén como pobo, na defensa dun medio rural galego vivo.

A programación do evento estruturase cunha primeira parte de intervencións de representantes dos Sindicato Labrego Galego e da Coordenadora Europea Vía Campesina, da que o SLG-CCLL forma parte dende a súa creación na década dos noventa do século pasado. Seguidamente a sesión vermú, amenizada polas Pandereteiras das Encrobas, deu paso a un grande xantar labrego coordinado pola cooperativa agroecolóxica “Con o xeito de gaia”.

Na primeira das intervencións realizadas pola mañá, Bernardo Fernández Requeixo, primeiro Secretario Xeral do SLG-CCLL, salientou o valor da afiliación do Sindicato, dos seus aportes e do imprescindíbel da súa forza, proclamando:Avante a loita labrega, avante as Comisións Labregas!”

A continuación, Xoán Carlos Carreira Pérez, Calín, membro dos Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL) dende o ano 1975 e colaborador do Sindicato até a actualidade, lembrou as épocas na clandestinidade e destacou as loitas na defensa de terra nos primeiros anos do Sindicato, reivindicando as Comisións Labregas como unha resposta ao contexto político e social do momento.

A gandeira e actual responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL, María Ferreiro, tivo un especial saúdo para Lídia Senra, a primeira muller en ocupar a Secretaría Xeral do SLG-CCLL (1989-2007), que non puido estar presente no día de hoxe por motivos de saúde. A continuación nomeou moitas das mulleres presentes nas loitas do Sindicato ao longo deste medio século: “se hoxe estou eiquí, e outras moitas máis están eiquí, é por estas compañeiras”. Ferreiro relatou os primeiros anos de toma de conciencia das labregas na organización, na súa discriminación como mulleres e como profesionais, repasando o traballo feito no Sindicato para transformalo de xeito interno, e tamén na liña de loita, para asumir as reivindicacións das mulleres dende os feminismos.

O membro do Comité Coordenador da Coordinadora Europea Vía Campesina (CEVC) Vítor Rodrígues, tivo un especial recoñecemento para o papel fundamental do SLG-CCLL na construción da CEVC como plataforma para defender as loitas campesiñas, destacando a súa función determinante nas loitas na Galiza. “As organizacións da CEVC contamos co exemplo do SLG-CCLL e o seu patrimonio histórico para seguir na loita contra a industrialización do medio rural europeo ”.

A continuación, Brais Álvarez, apicultor e membro da Executiva Nacional, reivindicou este cincuenta aniversario como un día de celebración, de loita e para tecer vínculos e fortalecernos. “Hoxe demostramos en Encrobas que a loita labrega está viva. Levamos 50 anos denunciando que as políticas capitalistas das Unión Europea, do Estado español e da Xunta de Galicia están estragando as nosas aldeas para botarnos delas e ocupalas cas súas infraestruturas e facer negocio”, denunciou, subliñando que o SLG-CCLL é a mellor ferramenta de loita para defender un medio rural vivo: “somos un sindicato formado por xente labrega para xente labrega”. Álvarez, unha das persoas máis novas da Executiva do SLG, identificou ao Sindicato como unha organización que procura que a mocidade ocupe un papel destacado, establecendo mecanismos para escoitar a súa voz e tendo en conta os seus aportes, algo que para a organización é unha cuestión esencial no obxectivo de traballar por un medio rural vivo e con futuro.

Por último, a actual Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego dende o ano 2012, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, salientou que “é estratéxico defender a nosa alimentación, o noso territorio, a nosa paisaxe, en definitiva, un medio rural proveedor de vida”, poñendo en valor que “as labregas e labregos somos unha parte fundamental da historia de cinco décadas de loitas agrarias, medioambientais e sociais da Galiza”. Vilalba retomou o chamamento á unidade da xente labrega, obreira e mariñeira para defender o noso País, realizado no Fouce, voceiro sindical do SLG, no ano 1975. “Seguimos sendo imprescindibles para defender a nosa terra!”, sentenciou, precisamos saír deste capitalismo salvaxe se queremos ter un futuro”.

A primeira parte da mañá pechou coa interpretación a violín do Himno Galego, a cargo de Xabier Gómez Santiso, ex-traballador e dinamizador do SLG-CCLL dende as súas primeiras décadas.

Ás actividades retomaranse ás 17h. arredor dunha mesa redonda de experiencias da loita labrega, que contará coa participación da gandeira lucense María Osorio, a horticultora de Encrobas María Pardo; a vicerresponsábel de Sectores Vexetais no SLG-CCLL, Belén Fervenza; o responsábel do sector vacún de carne no SLG-CCLL, Samuel Formoso, e o responsábel do sector leiteiro no SLG-CCLL, Manuel Villaverde.

A derradeira parte desta xornada conmemorativa dará comezo a partires das 19h. cunha queimada e o recital do Himno das Comisións Labregas. A formación musical “Tres pés para un Suso”, que interpreta pezas de Suso Vaamonde, será a encargada de pechar con música, sentimento e reivindicación unha xornada na que estamos a celebrar e pór en valor que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas leva cincuenta anos construíndo futuro loitando pola soberanía alimentaria do pobo galego.